30 junio 2009

Conselleira defiende planes experimentales de empleo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, puxo hoxe en valor os plans experimentais de emprego como o “camiño” a seguir, en tanto crean traballo e favorecen a “plena integración” dos colectivos máis “vulnerables”.

Estes programas experimentais constitúen unha política activa de emprego, entendida de xeito integral, posto que neles teñen cabida todas as políticas activas, tales como formación, orientación, promoción do emprego, prácticas en empresas e inserción dunha porcentaxe mínima de participantes no plan. Os participantes nestes plans experimentais son demandantes de emprego, entre os que se prioriza os colectivos máis desfavorecidos, tales como inmigrantes, persoas con discapacidade, mulleres con problemas de integración laboral, persoas desempregadas con risco de exclusión social ou colectivos de desempregados de longa duración.

Mato realizou estas declaracións durante a clausura do plan experimental de emprego “Insere 2008/09” de Mos, que tivo un investimento total de 109.106 euros, dos que a Xunta achegou un total de 106.800, mentres que a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) cofinanciou a cantidade restante.

A titular do departamento autonómico recordou que este proxecto “innovador” conseguiu a puntuación “máis alta” dos programas experimentais galegos de 2008. Así, salientou que os datos proporcionados por AEMOS cifran nun 55 por cento a porcentaxe de participantes que atoparon un emprego. Deste xeito, dos 75 desempregados que tomaron parte na iniciativa durante o seu ano de duración, un total de 41 conseguiron un traballo.

Neste sentido, Mato expresou o seu desexo de continuar neste “camiño” de creación de emprego e integración social, dous eixos “básicos” do departamento de Traballo e Benestar. Tamén confiou en seguir na liña de “colaboración” con entidades e concellos nos próximos anos para avanzar nas mellora no mercado laboral.

A conselleira aproveitou a súa intervención para felicitar e agradecer o traballo de AEMOS e do Concello de Mos, que “permitiu reducir o desemprego en sectores de difícil inserción”.