26 junio 2009

Xunta : nuestro plan anti-incendios es más y mejor...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que o Goberno galego destinará 2 millóns de euros máis para reforzar o Plan de prevención de incendios forestais de Galicia para este ano 2009 (Pladiga), cos que se cubrirá a dotación de 38 brigadas máis para o período de maior risco de lumes. “Dentro do plan de austeridade destinaremos no plan de choque outros 2 millóns de euros máis para así completar os 4 millóns de euros máis que necesitamos para facer fronte a unha situación de risco importante”, sinalou.

Ademais deste incremento orzamentario aprobado hoxe polo Consello da Xunta, do que Feijóo deu conta en rolda de prensa, o Goberno galego tamén autorizou dous convenios no ámbito sanitario, un deles entre o Servizo Galego de Saúde e a Universidade Pontificia de Salamanca para que os estudantes de psicoloxía poidan completar a súa formación en centros asistenciais do Sergas. E outro, entre o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL) e diferentes entidades de España, Portugal e Francia para impulsar a innovación tecnolóxica na viticultura e “afondar no sector do viño como factor de diferenciación”, dixo.

En materia educativa, a Xunta aprobou un acordo para o reparto de subvencións para o fomento da integración de profesores no corpo de titulares de universidade. Un acordo, puntualizou, que vai a facilitar que 558 profesores das tres universidades galegas se poidan beneficiar destas subvencións das que a Galicia lle corresponden 234.709 euros.

O Consello da Xunta celebrado hoxe acordou, tamén, co concello da Coruña, manter o 50 por cento de subvención ao novo Plan Xeral de Ordenación urbana da Coruña e reaxustar así as súas anualidades. No que respecta ao saneamento das Rías, Feijóo sinalou que a Xunta financiará as obras da rede de saneamento e abastecemento de Ares con 1,3 millóns de euros e a renovación do colector xeral do Paseo dos templarios en Cambre, elevando a case 2 millóns de euros o investimento urxente comprometido en xuño na Ría do Burgo. “Como terceiro Consello consecutivo seguimos aprobando obras relativas ao saneamento das rías”, observou.

Tamén se aprobaron hoxe convenios con 37 entidades cun investimento trimestral de 8 millóns de euros e un investimento total anual de máis de 35 millóns de euros para o financiamento de centros para discapacitados, que permitirán atender a máis de 3.200 persoas. E unha atribución de competencias á empresa S.A. Xacobeo para a execución material das actividades relacionadas co Ano Santo 2010.
No eido económico a Xunta destinará, do Plan Miner, 350.000 euros á mellora das instalacións deportivas de Cerceda, 2,6 millóns de euros á construción dun centro de desenvolvemento tecnolóxico de formación e 4 millóns de euros para un polígono industrial en Acevedo, nesta mesma localidade.

Segundo apuntou, a Xunta destinará, ademais, 7 millóns a dotación de unidades de I+D e investimentos innovadores en empresas galegas, e autoriza a concesión de anticipos de ata o 80 por cento das subvencións sen que as empresas teñan que presentar un aval. Supoñen un aporte, nun mes, de 50 millóns de euros en beneficio das empresas de Galicia.

Por outra banda, Feijóo sinalou que a Xunta presentará un requerimento de incompetencia fronte á Administración Xeral do Estado ao considerar que están sendo invadidas as competencias da comunidade autónoma en materia educativa, debido a unha orde que convoca subvencións dirixidas a entidades privadas sen ánimo de lucro que realizan actividades dirixidas a alumnos con necesidades específicas de apoio educativo. “Estas son competencias exclusivas da comunidade autónoma, -remarcou Núñez Feijóo-, son competencias outorgadas na Lei orgánica que aproba o Estatuto de Autonomía e entendemos que hai unha invasión competencial”, aseverou.