Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou esta mañá que a Xunta afrontará nesta lexislatura “o caos forestal” existente en Galicia e destacou que a superficie media dunha explotación forestal na Comunidade, de 1.500 metros cadrados, non é produtiva para o sector de transformación da madeira. O máximo mandatario galego, quen asegurou que esta ordeación é unha “asignatura pendente” que Galicia “ten suspendida”, fixo estas declaracións na clausura da Asemblea anual da Federación europea do taboleiro e da Federación europea de industrias de contrachapado, que se celebrou hoxe a mediodía en Santiago de Compostela.
No transcurso da súa intervención, Feijóo destacou o “apoio indiscutible” do Goberno galego á industria do taboleiro e do contrachapado, un sector que emprega en Galicia a máis de 2.000 persoas de forma directa e a 13.500 dun xeito indirecto e que factura 730 millóns de euros. O titular do Goberno galego salientou que á nosa Comunidade Autónoma lle corresponden o 35% da produción nacional do taboleiro e que, en produtos concretos como o taboleiro de fibras, supera o 70% do total español. “Ademais, dos sete grupos empresariais que se dedican á produción de taboleiros en España, cinco son galegos, polo que non é esaxerado dicir que Galicia é o auténtico referente desta industria no noso país”, engadiu.
Feijóo, quen agradeceu aos organizadores da Asemblea que teñan elixido Santiago como sede da súa reunión, salientou que, posto que se trata dun sector determinante para o progreso e o desenvolvemento de Galicia, “a aspiración do Goberno galego pasa por darlle un novo pulo”. “Somos conscientes de que esta industria non é allea aos nuboeiros, ou, como dirían os máis realistas, as tormentas, que pesan sobre a economía mundial, como demostra que o pasado ano 2008 o consumo dos produtos derivados do taboleiro descendera nun 25%”, afirmou.
No transcurso da súa intervención, o presidente galego destacou que, a pesar de estas dificultades, a Comunidade conta coas “mellores bases” para dotar de estabilidade ao sector. “Temos a materia prima e temos as ganas para facer que Galicia manteña o seu status quo e siga sendo o eixe vertebrador da industria do taboleiro en España e Europa”, remarcou Feijóo, quen adiantou que a Xunta estará sempre “aberta e receptiva” ás propostas da patronal e das distintas federacións que compoñen o sector. “Somos conscientes de que xuntar esforzos, recursos e capacidades é a fórmula para construír alianzas estratéxicas visibles”, concluíu.