Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que Galicia será “leal con políticas que vigoricen a España solidaria, pero non cómplice de decisións que quebren o equilibrio territorial”. O máximo mandatario autonómico, quen pronunciou unha conferencia no seo do Foro ABC en Madrid, asegurou que mostrará “man tendida para o acordo” nas xuntanzas que os vindeiros días manterá coa vicepresidenta económica do Goberno e co ministro de Fomento para abordar, respectivamente, o financiamento autonómico e as infraestruturas galegas.
No seu discurso, Feijóo reivindicou a necesidade de “lograr un financiamento acorde coa crise e acorde co mandato constitucional da solidariedade”, e lamentou que no escenario actual, “a negociación se transforma en subhasta”.
O xefe do Goberno galego puxo de relevo as “consecuencias negativas” desto, e puxo como exemplo os retrasos que acumula nos últimos anos a chegada da alta velocidade ferroviaria a Galicia. “No caso de Galicia, as travesas substituíronse por datas enganosas que engadiron humillación ao retraso”, salientou o presidente da Xunta.
Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo sinalou que tampouco é o modelo das autonomías o culpable do “desconcerto en materia de financiamento autonómico”. Segundo defendeu, “ao abdicar do papel que se lle asigna na ordenación territorial, o Goberno central alienta a insolidariedade e dá pábulo a unha situación que, máis que un sudoku, semella un rompecabezas no que falta a imaxe resultante”.
O máximo mandatario galego reivindicou a necesidade de “lograr un financiamento acorde coa crise e acorde co mandato constitucional da solidariedade”, e lamentou que no escenario actual, “a negociación se transforma en subhasta”.
Como achega galega á tarefa de perfeccionar o modelo territorial das autonomías, Feijóo reivindicou os principios de “pragmatismo e cooperación” e asegurou que, aínda sen ter superado a fronteira dos 100 días, o Goberno que preside se preocupou por “cultivalos e traducilos en accións concretas”.
Nese sentido, o presidente galego destacou a súa aposta por unha Administración austera, desde o convencemento de que “a lexitimidade dun sistema político non se gaña coa pompa versallesca, senón coa eficacia”. Por ese motivo, engadiu, “impulsamos unha drástica redución de consellerías, altos cargos e delegacións provinciais”, para axustar a Administración á crise e ás dimensións da Comunidade.
Referiuse tamén Alberto Núñez Feijóo ao esforzo da Xunta por acadar consensos, e como mostra sinalou o feito de que “en algo tan relevante como o financiamento, o Parlamento galego acadou un entendemento unánime que reforza a posición de Galicia na negociación”.
O presidente da Xunta subliñou que o seu Goberno “respecta as prioridades reais”, e evita “a fuxida cara á debates intranscendentes ou minoritarios”. Remarcou que “a prioridade de Galicia é a crise e a activación das enerxías internas e externas necesarias para superala”, polo que o Executivo autonómico se apresurou a elaborar plans de choques en distintos sectores, ademais de “mediar sen descanso en todo tipo de conflitos”.
O xefe do Goberno autonómico expresou a vontade do Executivo autonómico de actuar desde o respecto á “vontade xeral”, e puxo como exemplo os “pasos inequívocos” dados pola Xunta “para restaurar a convivencia amable das nosas dúas linguas e alonxar
a imposición”. “Liberdade, igualdade e fraternidade forman unha triloxía de virtudes cívicas que defenden á perfección cal vai ser o noso criterio, agora e no futuro”.
Finalmente, Feijóo resaltou a aposta pola cooperación do Executivo autonómico pola cooperación, e sinalou que “o proxecto autonómico galego é inseparable de España”, remarcando ademais a necesidade de que “os mecanismos de coordinación e solidariedade se acentúen”.