26 junio 2009

TDT : Alfonso Cabaleiro comprueba que el bigobierno dejó Galicia casi como un solar...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, anunciou hoxe que o Goberno da Xunta traballa na elaboración dun Plan galego de comunicación e acendido dixital que se presentará nas vindeiras semanas. Segundo avanzou o secretario xeral de Medios na súa comparecencia na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento galego, será un plan “realista para a transición dixital coa máxima colaboración cos concellos, buscando chegar ao máximo posible de cobertura dixital nos prazos máis curtos de tempo e na procura de que non haxa desigualdades dixitais por razóns xeográficas”.

“Buscaremos que este plan sexa un obxectivo galego, é dicir, unánime”, aseverou Cabaleiro, indicando que quere involucrar a todas as forzas políticas e sociais. Así mesmo, e “considerando pouco realistas as datas marcadas polo Goberno central”, engadiu, “faremos todos os esforzos para ter como referencia do apagón o 3 de abril de 2010 e sinalar obxectivos de acendido dixital concello a concello”.

“Este plan galego de comunicación e acendido dixital, no marco das directrices estatais, no marco dunha absoluta colaboración institucional co Goberno central, coa Fegamp, coas Deputacións e os concellos, será presentado proximamente e informarei del directamente aos responsables políticos e ás empresas do sector”, remarcou o secretario xeral de Medios explicando que se fará un esforzo informativo “concello a concello, porta a porta, para que ningún galego poida sentirse discriminado nun aspecto tan importante que marcará o futuro tecnolóxico de Galicia e a vida diaria e o ocio dos cidadáns galegos”.

“Non debemos permitir nin retrasos nin desigualdades dixitais”, argumentou subliñando que o despregamento da TDT é unha prioridade para o presidente da Xunta e para o Goberno “porque –dixo-, tamén é unha prioridade para a sociedade galega”. Por iso, agregou Cabaleiro, “con todas as dificultades do presente, con todas as carencias herdadas e no marco desa colaboración institucional daremos a rapidez, a importancia e o máximo esforzo ao reto da TDT”.

A situación herdada: sen planificación e sen fondos
Na súa comparecencia, o secretario xeral de Medios fixo un repaso pola actual situación do despregamento da televisión dixital terrestre e á situación herdada do anterior Goberno autonómico. Así explicou que o Goberno central aprobou en setembro de 2007 o Plan Nacional de Transición á TDT que establece a sinatura de convenios marco de colaboración coas comunidades autónomas para o despregamento da TDT en tres fases diferenciadas e nas que o Estado e as autonomías se comprometen a financiar, a partes case iguais, este proxecto. Actualmente só está asinado o convenio marco para a primeira das fases, e están pendentes aínda de rubricar os convenios correspondentes ás fases II e III.

A este respecto, o secretario de Medios detallou que, á súa chegada ao Goberno se atopou “coa sorpresa de que o Goberno anterior non tiña reservados eses fondos propios que condicionaban a utilización do crédito achegado polo Ministerio para a primeira fase”. Pero tamén, que o anterior Executivo non preveu, na elaboración dos orzamentos do ano 2009 os fondos correspondentes á Comunidade Autónoma, necesarios para acometer a fase II e III da implantación da TDT (un total de 8,7 millóns de euros dos que o Goberno galego debería achegar o 50%).

Gasto de 98 millóns de euros noutros conceptos
“Seguirían as sorpresas”, engadiu Alfonso Cabaleiro explicando que tamén houbo un gasto de fondos previstos no Plan Avanza noutros conceptos. Cabaleiro detallou que o 10 de outubro de 2008 se asinou a primeira addenda ao convenio marco de colaboración entre o Ministerio de Industria e a comunidade galega para o desenvolvemento do programa de infraestruturas de telecomunicación. Unha addenda cuxo obxectivo era financiar a dotación de infraestruturas necesarias para completar a cobertura e o servizo de televisión e as redes de telecomunicación para ofertar servizos de banda ancha en zonas onde se constatase que non chega a ofertas de empresas de cabo ou ADSL por non ser rendibles economicamente. Estas actuacións estaban financiadas con 98 millóns de euros que o Estado achegada a modo de préstamo a tipo de xuro do 0%, a devolver en 12 anos, destinando 93 millóns de euros á banda ampla e 5 millóns de euros directamente á extensión da TDT.

“Cando iniciamos os trámites correspondentes ante a Dirección Xeral de Orzamentos para xerar os 5 millóns de euros da TDT”, afirmou Cabaleiro, “se nos di que o diñeiro dese préstamo foi gastado na súa totalidade no ano 2008 noutros conceptos non só os 5 millóns correspondentes á televisión dixital terrestre, senón tamén os 93 restantes que tiña que xestionar a Consellería de Industria”. “É dicir o préstamo chegou en virtude dun convenio que se publicou o 18 de decembro e, polo visto, gastouse nada máis chegar, incumprindo manifestamente o convenio que determinaba as actuacións concretas para as que tiña que destinar ese préstamo do Ministerio, actuación que, por outra parte, hai que xustificar antes do 31 de decembro de 2010”, sinalou ao respecto.

“Desde logo, as únicas conclusións que se poden sacar de todo o referente á TDT é que houbo, sobre todo, nos últimos meses do anterior Goberno, unha falla absoluta de previsión e de planificación orzamentaria, así como para asumir un papel de execución co Estado en prazos reais que o fixeran posible”, concluíu ao respecto.

Reorganizar o traballo e poñer directrices para un plan executivo
Logo de recoñecer que “non foi doado saber como estaba todo isto da TDT” e de “entender qué pasaba cos orzamentos, que levou un tempo de consultas coa Consellería de Facenda, ata que se foron aclarando as cousas”, Alfonso Cabaleiro Durán asegurou que nestes intres xa “fomos capaces de reorganizar o traballo e de poñer as directrices para un plan executivo que nos permita levar adiante, con éxito, a transición á TDT”.

Deste xeito, abondou, xa se iniciaron os trámites administrativos e orzamentarios para desbloquear os cartos, para iniciar a xeración de crédito. Así mesmo, a Secretaría Xeral de Medios iniciou os trámites para buscar fórmulas, por suposto pola vía do endebedamento da facenda pública, para dispoñer de cartos, os 5 millóns de euros que se gastaron o ano pasado para tapar buracos noutras cousas, para o Plan Avanza, e cumprir cos compromisos co Estado.

De igual xeito, comezouse a informar aos concellos das áreas técnicas de Ourense Leste e de Santiago, un a un, da situación da TDT expresando o compromiso do Goberno galego co despregamento da televisión dixital no rural. Dentro duns días iniciaranse as campañas informativas para os concellos incluídos nas fases II e III.

Cabaleiro informou, ademais, que xa están feitos os borradores dos pregos para a contratación do subministro e instalación dos microemisores da Fase I, Ourense-Leste e Santiago e que xa se está traballando nos borradores dos pregos das Fases II e III. Ademais, en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, estase traballando para pechar un borrador de anexo ao Convenio Marco, para as Fases II e III.

“Xa temos en marcha a Oficina Técnica da TDT, un servizo de axuda técnica aos concellos, que estaba paralizado desde o mes de febreiro”, agregou indicando que tamén se contrataron os informes de medidas técnicas de recepción e calidade de sinal nos microemisores analóxicos de Ourense Leste e Santiago por importe de 12.000 e 18.000 euros, respectivamente.

Por último, o secretario de Medios abondou en que tamén se iniciaron as licitacións para a contratación da planificación, estudos técnicos, replantellos, proxectos técnicos, certificacións e enxeñería dos microemisores dixitais que se van instalar en Ourense-Leste e Santiago, por importes de 50.000 e 150.000 euros; que xa están informados e en tramitación para a súa licitación os pregos para a posta en marcha de 19 centros reemisores do múltiplex autonómico, os máis importantes dos 60 que quedan por instalar, por importe de 604.300 euros; e que se está traballando nun plan de despregamento en base a un proxecto executivo, completo, para que nos próximos meses teñamos a máxima cobertura posible e o total desenvolvemento da TDT en Galicia.

“Nós –concluíu o secretario xeral de Medios-, non faremos brilos de artificio dun só día ou nun só concello, senón que iremos día a día, pobo a pobo, na conquista dun necesario e urxente avance tecnolóxico”.