30 junio 2009

El nuevo gobierno de la Xunta sigue instalado en el autobombo a través de las promesas del AVE

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, salientou esta tarde que o compromiso acadado o pasado mércores, 24 de xuño, entre o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o Ministro de Fomento, José Blanco, permitirá que dos 4.700 millóns de euros que se investirán en contratacións e adxudicacións do AVE nos vindeiros 18 meses, o 80% corresponderán a territorio galego.

“Esta nova etapa trae mellores expectativas para a Comunidade galega, xa que se precisaba unha garantía adicional que permitise recuperar a confianza”, apuntou, “despois de que o Goberno central recoñecese a imposibilidade de que o AVE chegase a Galicia en 2012”.

A este respecto, Hernández recordou que outro dos compromisos fai referencia a que no ano 2012 todas as cidades galegas estarán conectadas con trens con características de alta velocidade, e que o tempo de conexión entre Ourense e Madrid será de pouco máis de 4 horas (4 horas e 15 minutos). Asemade, a totalidade do AVE-Ourense e o Eixo Atlántico estarán ao 100% operativos no ano 2011 e 2012, respectivamente.

O conselleiro fixo estas declaracións hoxe pola tarde tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, que estivo representada por Luís Blanco.

O representante do Goberno galego incidiu en que para o desenvolvemento do ferrocarril é fundamental a chegada do AVE a Galicia e indicou que grazas aos avances tecnolóxicos actuais, a potencialidade e a eficiencia é maior que respecto a calquera outro medio de transporte, ademais de ser o mais respectuoso co medio ambiente.

Recordou que, a pesar de que o ferrocarril chegou tarde a Galicia, sempre foi un medio de transporte que tivo unha gran repercusión no desenvolvemento da comunidade en xeral ou de determinadas zonas, como Monforte, en particular.

Convenio
A colaboración establecida esta tarde coa Fundación dos Ferrocarrís de Galicia da continuidade aos sucesivos convenios asinados dende o 2003 para actuar na conservación e recuperación de elementos tradicionais representativos deste medio de transporte, e ten como obxectivo fundamental potenciar o funcionamento do Museo Galego do Ferrocarril, ubicado en Monforte, coa finalidade de que se organicen actividades de exhibición, divulgación e fomento do transporte ferroviario. Así, o departamento que dirixe Agustín Hernández subvencionará durante este ano con 70.000 euros as actividade e accións que promova a Fundación dos Ferrocarrís.

O conselleiro considerou que a rehabilitación do material histórico do ferrocarril ten un gran interese xeral e utilidade pública. Para a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resulta de interese a programación de investimentos que leven, non só á modernización da operatividade deste sistema de transporte, senón tamén á conservación e recuperación de elementos tradicionais representativos do mesmo. Segundo manifestou, deste xeito garántese o mantemento deste patrimonio cara o futuro, e permítese o seu emprego como medio de fomento e divulgación desta modalidade de transporte.