27 junio 2009

Feijóo promete mejorar las limosnas para los deportistas de élite en Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse, hoxe, na cidade Olívica, a mellorar, nesta lexislatura, a normativa que regula o Programa dos Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN), así como a ampliar os beneficios para os deportistas.

Feijóo, que recibiu, esta tarde, na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo ao ciclista Óscar Pereiro, asegurou que, ademais do esforzo do Goberno galego, tamén se intentará captar financiamento privado para poder investilo no deporte.

O presidente autonómico quixo aproveitar a ocasión para transmitir a seria aposta do Goberno da Xunta polo deporte, “como así o demostra –dixo- que temos de novo unha Secretaría Xeral para o Deporte, proba do carácter transversal que lle queremos dar a esta materia; e un secretario xeral, José Ramón Lete, con ampla formación e experiencia na xestión pública, e con gran motivación para darlle ao deporte e á actividade física o pulo que necesita”.

Feijóo subliñou o apoio da Administración autonómica a todo o deporte e moi especialmente ao de alto nivel. Neste sentido, lembrou que xa en 2004, co Goberno de Manuel Fraga, se puxo en marcha o programa dos Deportistas Galegos de Alto Nivel, un recoñecemento que, entre outros beneficios, ten o das axudas económicas que dan estabilidade aos deportistas.

Por último, o presidente da Xunta quixo agradecerlle ao ciclista Óscar Pereiro, en nome de todos os galegos, que situara Galicia na excelencia do ciclismo e desexoulle “toda a sorte” neste Tour 2009. “Sen dúbida, Óscar é o mellor ciclista galego de todos os tempos, aínda que tamén é xusto recoñecer que foron sete galegos máis os que tamén participaron no Tour. E moitos máis os que están ou estiveron no alto nivel deste deporte”, concluíu.