27 junio 2009

Feijóo hace un llamamiento para poner fin a la huelga del Metal

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo un chamamento “ao sentido común e á responsabilidade de todos” para poñer fin ao conflito do metal. “Nin Vigo, nin Pontevedra, nin Galicia se merecen un conflito como este, longo e bronco, un conflito que empeza a afectar xa a outros sectores produtivos de Galicia”, afirmou o máximo mandatario galego, quen apelou á responsabilidade de todos as partes implicadas para que “si non son capaces de solucionar este conflito que nos autoricen para que sexa a Xunta a que faga unha proposta”

Neste sentido, Feijóo solicitou “solemnemente” aos sindicatos e a patronal que, se o día 30 non se poñen de acordo, “deixen intervir a Xunta de Galicia”. “O Goberno galego ten dúas posibilidades: mediar como estamos facendo ou intervir no suposto de que as dúas partes o soliciten”. “Eu pido que si o día 30 as partes non se poñen de acordo que deixen intervir á Xunta, que as dúas partes soliciten un arbitraxe”, asegurou esta tarde en Vigo.

Así, o titular da Xunta destacou que o Goberno está cumprindo “desde o principio”. “Nunca abandonamos a mesa de negociación”, lembrou Feijóo, quen remarcou que están en xogo “miles e miles de empregos, moita xente que está perdendo moito coa folga”. “Estamos intentando traer o sentido común e o raciocinio. Acabamos de facer unha proposta razoable e eu lamento que non se saiba estar á altura das circunstancias”, afirmou.

Feijóo salientou, por último, que non resolver o conflito do metal cun acordo sería un fracaso, que Galicia non se pode permitir, e menos en tempos de recesión económica. “Creo que este fracaso colectivo na negociación debería facernos reflexionar de que estamos xusto polo camiño contrario do que deberíamos”, afirmou. “Os conflitos hai que resolvelos con acordos, non con máis conflitos, os conflitos non se poden solucionar poñendo en risco miles de empregos. Estamos dando un pésimo exemplo ao resto de Galicia e de España, e eu lamento profundamente que non se estea a altura das circunstancias despois de dúas semanas de folga”, concluíu.