Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, ordenou, con efectos inmediatos, continuar coa redacción do estudo informativo e impacto ambiental da vía de alta capacidade Berdoias-Cee, anulando deste xeito a suspensión decretada polo bipartito o 3 de xaneiro de 2008.
Polo tanto, logo dun ano e medio paralizada, retómase a tramitación do treito que da continuidade á autovía Carballo-Berdoias.
Ademais, a decisión do responsable de infraestruturas da Xunta de Galicia introduce no estudo informativo a variante de Berdoias, que o Goberno anterior non tiña incluída. Deste xeito, queda completado a totalidade trazado da vía de altas prestacións que conectará a Costa da Morte con Carballo.
Berdoias-Cee
A lonxitude do treito Berdoias-Cee ten unha lonxitude de 10,5 quilómetros e suporá un investimento de 34 millóns de euros. A actuación contémplase como unha vía de alta capacidade con velocidade de proxecto de 100 quilómetros/hora.
Esta nova vía da continuidade a autovía Carballo – Berdoias, actualmente pendente de inicio de obras, e finaliza en Cee no comezo da VAC Cee – Sardiñeiro, actualmente en execución.
Variante de Berdoias
Esta actuación vai a ser complementada coa variante de Berdoias, que supón introducir na planificación da Xunta a nova VAC Santiago– Costa da Morte, mediante a definición do punto de conexión desta futura vía coa VAC Carballo-Fisterra.
A variante de Berdoias terá unha lonxitude de 6 quilómetros e un custe total planificado de 14 millóns de euros. Ao igual que o treito Berdoias-Cee, se concibe como vía de alta capacidade con velocidade de proxecto de 100 quilómetros/hora.
Tramitación
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten previsto rematar a redacción do estudo informativo neste mesmo ano, coa finalidade de sometelo a información pública. O obxectivo da Xunta é que no primeiro semestre de 2010 a VAC Berdoias-Cee dispoña de declaración de impacto ambiental e de estudo informativo aprobado.
Carta aos empresarios da Costa da Morte
Por outra banda, o conselleiro de Medio Ambiente remitiu esta semana cartas ao presidente da Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, Manuel Mourelle, e ao presidente da Asociación Xóvenes Empresarios de Bergantiños, José Figueras, para expresarlles que “o Goberno de Galicia está plenamente persuadido de que a vía de altas prestacións entre Carballo e Fisterra constitúe o elemento imprescindible para garantir o futuro e a competitividade dunha das comarcas que necesita un impulso mais claro no referente ás infraestruturas”.
Agustín Hernández lembra que no 2005 o Goberno saínte da Xunta de Galicia deixou o expediente correspondente ao corredor Carballo-Baio (1ª fase dunha autovía) unicamente pendente da aprobación do gasto e da súa posterior licitación, incluíndo a súa prolongación como vía de alta capacidade ata Berdoias. Nese ano, o novo Goberno da Xunta decidiu reformar o deseño “cun afán revisionista que o paso do tempo demostrou que foi un tremendo erro”.
Esta decisión orixinou que a licitación do vial se demorara ata o 2007, “todo isto a pesares de que non foi necesaria a tramitación dun novo expediente de impacto ambiental,o que acredita que as modificacións plantexadas en 2005 non tiñan un carácter substancial”. O proceso de adxudicación realizouse nos primeiros meses de 2008, en plena crise económica. A empresa adxudicataria informou á Xunta entón gobernada polo bipartito que non podía iniciar a execución da autovía por problemas financeiros, a pesares do que o Goberno decidiu colocar a primeira pedra desta actuación.
Agustín Hernández manifesta aos empresarios “a vontade inequívoca da actual administración” de impulsar, executar e poñer en servizo a nova autovía no prazo mais breve posible, instando ao adxudicatario a comezar os traballos sen maior dilación. No caso de que o adxudicatario persista na súa negativa, “articularemos as medidas administrativas e legais para resolver o contrato e, no prazo mais breve posible, posibilitar o inicio efectivo das obras”.
O conselleiro remata a misiva afirmando que “para a miña consellería, e tamén para o actual Goberno da Xunta, é un obxectivo irrenunciable a inmediata construción da VAC Carballo-Fisterra no prazo mais breve posible”.