24 junio 2009

Estudiantes premiados con viaje en goleta por las rías gallegas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Trinta rapaces que participaron no Segundo Congreso de Estudantes Climática, patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, foron seleccionados para realizar unha ruta marítima de cinco días polas rías galegas, embarcados nunha goleta. Os estudantes seleccionados pertencen a diferentes centros de toda Galicia e son autores de 21 traballos que se atopan expostos no subapartado de Alumnos da Biblioteca da páxina web: www.climantica.org, e forman parte do segundo número da revista CLMNTK.

Dos máis de 400 estudantes que presentaron traballos, seleccionáronse 30, 28 de ESO e 2 de 6º de Primaria. Os proxectos destacaron pola súa excelencia académica. Agora, durante 5 días, traballarán en numerosas actividades relacionadas co medio mariño, como o estudo da meteoroloxía para a navegación, do plancton e a flora, da paisaxe, das artes de pesca e do sector conserveiro ou do ambiente territorial, e outras de muestreo intermareal.
Estes galardóns fomentan a participación dos estudantes na producción de contidos de sensibilización ciudadana para divulgar na web e teñen como obxectivo seleccionar grupos de clase, tanto por Idades como por procedencias xeográficas e de especialización na modalidade de comunicación, para a súa formación práctica, creativa e de convivencia en campamentos de 5 días. A experiencia das dúas edicións anteriores poñen de manifesto que estudiantes formados deste xeito incrementan a súa capacitación como autores.
Os traballos premiados repartíronse, por categorías de narrativa, poesía, cómic, cortos, presentacións, cancións, obras de teatro, fotografía, pósters e artes plásticas.

Actividades
O contido destas rutas é variado e de gran valor formativo. As actividades desta viaxe levaranse a cabo entre os días 25 e 29 de xuño. Todas elas iniciaranse ás 11 da mañá. Mañá xoves, visitarán o Acuario do Grove, á salga de Punta Moreiras e o seu museo. Pola tarde, celebraranse actividades de integración, cohesión do grupo e inicio da convivencia. Tamén, embarcaranse rumbo a Punta Carreirón, na Illa de Arousa, onde visitarán a zona de especial protección de aves (ZEPA). Tanto o resto de actividades nocturnas de convivencia como a estancia centraranse no porto de Portonovo.
O venres navegarase rumbo a Baiona, pasando por Ons e Cies, e durante a viaxe recibirán explicacións de navegación a vela e se iniciarán na súa práctica. Tamén se realizarán distintos talleres. Despois de comer en Santa Tecla, adicarán un rato ao senderismo, onde se combinará a temática medioambiental coa histórica e a etnográfía. As actividades nocturnas de convivencia e a pernocta estarán centradas no porto de Baiona.
Durante a travesía cara ao Parque Nacional das Illas Cíes, xa o día 27, traballarán nos talleres, e nas Cíes comezará a ruta da fauna, a flora e a interpretativa do mirador do Monte de Faro, xunto coas actividades de observación da xeoloxía, da paisaje e do relieve. Pola tarde, de ruta a Bueu, terán lugar os talleres de mamíferos mariños e de artes de pesca. Unha vez en alí visitarán o Museo Massó e rematarán esta xornada no porto de Bueu.

O domingo 28 visitarase a illa de Ons, onde, ademais dos talleres, caminarase pola Ruta Interpretativa pola illa ata O Burato do Inferno. O día finalizará en Sálvora, onde se invitará aos premiados a unha sesión de contacontos e lendas da ría. Tamén coñecerán as claves da navegación nocturna. Máis tarde, celebrarase unha noite de estrelas, con actividades prácticas de Astronomía.

Proxecto Climántica
O proxecto Climántica é un programa de educación ambiental organizado pola Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental, en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Este proxecto, que se iniciou en 2006, é froito dun traballo en equipo levado a cabo por diferentes expertos.

As ferramentas formativas de Climántica están dirixidas aos alumnos de secundaria, polo que ao longo de oito unidades didácticas, sinxelas e eficaces, preséntanse os grandes problemas ambientais, á vez que se relacionan co cambio climático a nivel global.

Por outro lado, para concienciar aos rapaces de ensino primario planificáronse unha serie de accións máis lúdicas e próximas á fantasía infantil, como cómics, series de curtos de animación 3D e videoxogos. Por último, a cidadanía en xeral tamén é un dos focos deste programa, polo que se deseñaron blogs, páxinas web, documentais e revistas.

Toda a documentación das unidades xunto coa información xeral, está accesible no espazo web www.climantica.org, onde tamén se deseñou unha plataforma de traballo para os docentes. De feito, dende a posta en marcha do proxecto obtivo unha notable repercusión internacional polas características e a accesibilidade ao material didáctico.

Este plan amosa unha grande capacidade para ser adaptado a outras zonas do mundo, como xa se está facendo de xeito experimental en Portugal, Cuba ou Arxentina. En xuño de 2008 foi presentado na Oficina do Programa de Medio Ambiente da Organización Nacións Unidas (ONU) en Nova York, onde este organismo internacional ofreceu a súa estrutura para estendelo a outros países.

Este proxecto tamén forma parte dos contidos formativos da materia de Educación Ambiental dentro do título de Educación Social da Universidade de Vigo, na formación de mestres no campus de Ourense e no IV ciclo sénior da Universidade de Santiago.

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destina ao longo de 2009 un orzamento de 350.000 euros, mentres que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colabora coa cesión de persoal docente deste departamento.