27 junio 2009

BNG muestra apoyo a los colectivos homosexuales en el Día del Orgullo Gay

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Nas vésperas da data sinalada como o Día do Orgullo Gai, o BNG quer lembrar que sempre defendeu e defende a liberdade de opción sexual das persoas. Neste sentido, o Bloque Nacionalista Galego vén traballando desde o eido político para promover avanzos a nivel legal que axuden a superar as múltiples discriminacións que afectan ao colectivo de persoas gais, lesbianas, transexuais e bisexuais.

Malia todo, estes avanzos non implicaron aínda a superación dos prexuízos que persisten en sectores da sociedade.

Neste ano o Día do Orgullo Gai non vai ter apoio para a súa celebración por parte do Goberno cando, desde a chegada do BNG ao executivo da Xunta sempre se impulsou a celebración deste día para axudar á visibilización desta situación e á sensibilización social. Por iso, para o BNG resulta “especialmente preocupante o parón que parece que se dá neste terreo”.

O nacionalismo galego vai estar “vixiante” nos vindeiros anos para facer un seguimento do funcionamento dos servizos de apoio xurídico e psicolóxico a persoas gais, lesbianas, transexuais e bisexuais que funcionan a través dos centros Quérote e que prestan un apoio psicolóxico fundamental para un colectivo no que se dán unhas taxas elevadas de suicidio orixinando un auténtico problema social.

Para o BNG resulta claro que xa estamos nun momento no que se deron importantes avanzos a nivel legal que se teñen que corresponder con avanzos a nivel social e as Administracións públicas teñen un papel importante neste camiño.