26 junio 2009

Olveira pretende echar el muerto del albergue para indigentes al Gobierno de la Xunta después de que el BNG no hiciese nada cuando gobernó Galicia

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-.- O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, salientou este xoves que o PP ten “nula sensibilidade cos menos favorecidos e coa xente que está sufrindo a crise” ao non abrir xa o albergue. Ademais, en resposta ás preguntas dos xornalistas, advertiu de que o seu voto en contra da licitación do novo hospital de Vigo “vai na liña das fundacións privadas das que Núñez Feijoo foi ideólogo”.

“O PP non ten ningún tipo de autoridade moral para dicir que incumprimos os nosos compromisos”, destacou Santi Domínguez. Ao seu xuízo, o BNG amosa a súa sensibilidade con feitos, mentres que o Partido Popular “ten demostrado que lles importa máis a política partidista e que Núñez Feijoo estea contento que traballar por esta cidade”. Así, a preguntas dos xornalistas sobre as críticas feitas polo PP áo labor da Concellería de Benestar Social, o tenente de alcalde salientou que nunca o orzamento deste servizo foi tan importante, nunca foi tan amplo o Servizo de Axuda no Fogar, nin se deron tantas becas de comedor, nin nunca as persoas con dependencia tiveron transporte adaptado co bono.-taxi, nin nunca houbo programas de avellentamento activo en toda a cidade como na actualidade.

Segundo o tenente de alcalde, a postura do Partido Popular respecto á ubicación do albergue na Gota de Leite exemplifica a concepción que realmente ten da austeridade o novo Goberno da Xunta. “Despois de realizar un investimento de 235.000 euros e do remate das obras seguen sen abrilo, cando continúa existindo xente que durme na rúa”, sinalou.

Asemade, Santi Domínguez fixo referenza na súa intervención ao proceso seguido dende hai meses respecto á apertura do albergue. Indicou que o BNG mantivo a súa postura de que este servizo debería instalarse na Gota de Leite, pero coa disposición de estudar a posibilidade de buscar ubicacións futuras. O PSOE, pola súa banda, defendía que a Gota de Leite debería destinarse á Policía Local, e o PP dicía que o goberno municipal debería poñerse dacordo para tomar unha decisión. “Este goberno se puxo dacordo e remitiu unha carta á conselleria instando a apertura do albergue na Gota de Leite xa e mantendo a posibilidade da súa futura instalación na Escola de Hostelería. Agora que estamos de acordo nin abren o albergue nin dedican a Gota de Leite á policía”, sinalou.

Novo hospital
Respecto á licitación do novo hospital, Santi Domínguez sinalou que o voto en contra do Partido Popular se debe, posiblemente a que “esperan ter amarrada o financiamento privado para ir na liña das fundacións privadas, xa que o seu ideólogo foi o actual presidente da Xunta”. Segundo o tenente de alcalde, os cartos para licitar esta dotación sanitaria “os teñen a través da SPI (Sociedade Pública de Investimentos) e poden licitalo xa. “Pero o PP non se caracteriza precisamente pola súa defensa do sector público”, criticou.

“Ao PP debería caérselle a cara de vergonza, porque debería reclamar á Xunta a apertura do albergue e a licitación do novo hospital xa”, subliñou Santi Domínguez. “Qué casualidade que despois de que o PP vota en contra da licitación do novo hospital, critica as actuacións do goberno municipal en materia de servizos sociais”, ironizou. A explicación que da o tenente de alcalde é que o voceiro do Partido Popular utiliza a estratexia da “tinta de lura” para desviar a atención dos seus incumprimentos coa cidade.