Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Fundación Vigo Convention Bureau iniciará en setembro a promoción turística da cidade. O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este mércores que a primeira fase de accións de promocións do turismo de Vigo que levará a cabo a Fundación Convention Bureau comezará en setembro. Ademais, o nacionalista salientou que o inicio da actividade desta institución se levará a cabo tras a elaboración do primeiro Plano Estratéxico 2009-2010, a sinatura da acta fundacional e a aprobación definitiva dos seus estatutos na sesión plenaria do vindeiro luns.
“Foi un trámite complicado, pero por fin terá lugar a aprobación definitiva dos estatutos e daremos paso a algo prioritario dende que chegamos á Concellería de Turismo”, destacou Santi Domínguez. Segundo o nacionalista, a Fundación Vigo Convention Bureau é o instrumento que a cidade necesita “se queremos lanzarnos na carreira do que ten que ser unha cidade turística na aposta pola desestacionalización do turismo”. Neste sentido, lembrou que outras cidades con menos poboación que Vigo e menor portencial turístico xa contan con el.
Santi Domínguez indicou que, ademais, a creación deste ente é unha das condicións necesarias para poñer en marcha o Plan de Competitividade Turística. “Poñémonos en marcha para optar ás vantaxes da fundación, que ten como obxectivo a promoción de Vigo como cidade na que se celebren congresos, viaxes de incentivos e simposions”, subliñou o nacionalista. Ao respecto destacou que Vigo ten capacidade de albergar estes eventos posto que conta cun recinto como o IFEVI “que cumpre calquera tipo de condicións das que obriga a Spain Convention Bureau”.