19 agosto 2009

Apoyo a emprendedores : la Xunta echa cuentas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Arredor de 5.500 persoas participaron durante o primeiro semestre de 2009 nas 204 accións formativas, de asesoramento e apoio a emprendedores e empresarios impulsadas por BIC Galicia, a sociedade dependente da Consellería de Economía e Industria especializada en impulsar programas de emprendemento, creación e consolidación de novas empresas.
BIC Galicia é unha das entidades das que dispón o departamento dirixido por Javier Guerra para fomentar e facilitar a actividade emprendedora, xerar emprego e crecemento económico en Galicia. Esta sociedade traballa conxuntamente co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a sociedade xestora de fondos de capital risco da Xunta (Xesgalicia), formando un grupo de axentes activos para impulsar as políticas públicas para a promoción da actividade empresarial, o fomento do espíritu emprendedor, a creación de novas iniciativas empresariais e a competitividade das empresas galegas.
Un total de 1.519 persoas participaron nas 47 accións de motivación emprendedora e outras xornadas técnicas igualmente encamiñadas a difundir a cultura emprendedora. Entre estas actividades cómpre destacar os 24 seminarios desenvolvidos en centros educativos de Formación Profesional e Educación Secundaria de toda Galicia, encontros aos que asistiron 822 alumnos.
Unha mención específica aparte, pola número de entidades participantes e a súa repercusión, foi o Día do Emprendedor que BIC Galicia organizou conxuntamente co Igape e que contou coa participación activa do consellerio de Economía e Industria, Javier Guerra. Nesta cuarta edición, celebrada en Santiago o pasado 19 de maio, participaron 1.565 persoas, entre emprendedores, empresarios, axentes de emprego ou técnicos especializados en prestar asesoramento e apoio aos impulsores de novas iniciativas empresariais.

No eido específico do apoio a emprendedores que xa dispoñen dunha idea empresarial concreta, os técnicos de BIC Galicia están a asesorar na actualidade aos impulsores de 68 proxectos empresariais que contan co apoio dun titor persoal para o estudio da viabilidade do seu proxecto e a elaboración do correspondente plan de empresa.

Durante o que vai de ano houbo 13 cursos de xeración e maduración de ideas e 17 cursos de creación de empresas nos que os alumnos rematan cun plan de negocio xa elaborado; estes seminarios ofértanse tanto de forma presencial como a través do campus virtual de BIC Galicia. En total, os beneficiarios destas accións alcanzaron a cifra de 754 persoas.
Apoio a empresarios e autónomos
Por outra banda, BIC Galicia facilita aos novos empresarios, micropemes e autónomos a posibilidade de adquirir os coñecementos e habilidades necesarias para a consolidación do seu proxecto. Conta cun amplo catálogo de máis de 50 accións, varias delas adaptadas específicamente para o comercio retallista e a hostalaría. Nos primeiros sete meses do ano desenvolvéronse 44 seminarios de mellora competitiva e neles participaron máis de 800 empresarios e/ou xerentes de empresas. Ademais destes talleres, BIC Galicia impulsou 7 proxectos orientados a facilitar a saída ao mercado e a internacionalización a novas empresas, encontros nos que participaron 376 empresarios.

Innovación
Ademais, BIC Galicia tamén impulsou en 2009 sete accións formativas para impulsar a innovación nas empresas; nelas participaron 417 empresarios. Neste ámbito cómpre destacar polo número de participantes o proxecto Galicia Bioemprende que reuniu nunha sesión a 223 participantes.

Case 250 novas accións para os vindeiros meses
Para os próximos meses están xa comprometidos 28 accións destinadas a fomentar a cultura emprendedora, na súa maioría seminarios de motivación emprendedora – 23- e 48 seminarios de apoio á creación de empresas. No campo do apoio a novos empresarios, autónomos e microempresas, están pechadas xa 163 accións, das que 137 son de consolidación e mellora competitiva. As actividades previstas de fomento da innovación nas empresas galegas son 4, tres delas dentro do marco do programa Deseña e unha no programa Galicia Bioemprende.