27 agosto 2009

Quintana destaca logros en la lucha contra el furtivismo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou que os resultados acadados nos dous meses e medio que leva operativo o Plan de Coordinación de Loita contra o Furtivismo demostran que a labor do Servizo de Gardacostas de Galicia está sendo “moito máis eficiente e menos ornamental do que herdamos”.

Rosa Quintana deu a coñecer esta mañá as cifras de intervencións, comisos e incautacións efectuados polo Servizo de Gardacostas en colaboración co sector e coas distintas forzas de seguridade do Estado dende que o pasado 3 de xuño a Consellería do Mar puxera en marcha este plan para erradicar a pesca ilegal. A titular do mar fixo unha comparativa dos resultados obtidos neste período en relación co mesmo período do ano pasado.

Ao seu xuízo estes resultados supoñen “un logro non só a nivel económico senón tamén a nivel de seguridade alimentaria”, xa que estas actuacións impiden que os produtos comisados non poidan ser consumidos sen pasaren os controis preceptivos. Malia todo insistiu en que aínda queda moito camiño por andar “porque non é un problema que se poida radicar da noite para a mañá”.

Dende a posta en marcha do plan fixéronse 3.386 inspeccións que derivaron en 738 infraccións. Estas actuacións deron coma froito a aprehensión de 18.361 quilos de especies capturadas de xeito ilegal fronte aos 900 quilos comisados no 2008, o que supón un incremento de case un 2.000%. As incautacións de útiles e materiais feitos na presente campaña tamén foron superiores ás do mesmo período do 2008, pasando de 4.202 incautacións no 2008 a 5.705 no mesmo período no ano 2009.

A conselleira salientou ademais outras actuacións non contempladas como comisos ou incautacións. Trátase de paralizacións que supuxeron a inmobilización extractiva de moluscos que foron trasladados de zonas pechadas a zonas abertas, “polo que se impediu a súa chegada ás canles comerciais, evitando así un risco para saúde pública”.

Os datos expostos reflicten, segundo Rosa Quintana, unha actuación máis eficaz do actual Plan de Loita Contra o Furtivismo con respecto ás efectuadas o pasado ano, xa que cun número semellante de inspeccións, as infraccións sancionadas foron superiores, “o que demostra que estamos sendo capaces de facer un servizo máis eficiente cos mesmos medios que herdamos”.

A conselleira lembrou que o actual equipo da Consellería do Mar atopárase á súa chegada cunha situación “caótica e complicada pola falta de xestión dos anteriores responsables en materia pesqueira”, o que derivou no aumento das prácticas ilegais, a división do sector e a diminución da vixilancia.



PLAN CONTRA O FURTIVISMO
COMPARATIVA DE ACTUACIÓNS
(Período de análise: 03 xuño a 24 de agosto)

2008 2009
Inspeccións totais Gardacostas 3.496 3.386
Total Infraccións Gardacostas 707 738
Incautacións totais 4.202 5.705
Comisos (en Kg) 900,235 18361,6