26 agosto 2009

Gastronomía y Viajes

Excursións :
Monte Aloia,
parque natural

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Monte Aloia foi declarado Parque Natural o 4 de decembro de 1978, destacando tamén por outras catalogacións como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). Con máis de 746 hectáreas, o Monte Aloia localízase no suroeste da provincia de Pontevedra e abrangue o concello de Tui.
Este Parque Natural forma parte da serra do Galiñeiro, situándose no seu extremo sur, e trátase dunha área de media montaña que chega aos 629 metros sobre o nivel do mar. Pertencente á rexión eurosiberiana, presenta unha temperatura media anual de 14 ºC cunha amplitude térmica moderada de 7,5 a 20,2 ºC. A pesar de sufrir un período de seca estival, o Monte Aloia rexistra unha media anual de precipitacións de 1.930 mm.

Xunto con estes datos, o Monte Aloia destaca pola súa posición, xa que ofrece unhas fermosas vistas aos vales do baixo Miño e do Louro. Os restos arqueolóxicos (como a muralla ciclópea ou o castro do Alto dos Cubos) e os elementos de interese etnográfico confírenlle unha beleza paisaxística sen igual, que lle permiten ao viaxeiro gozar da natureza mediante os miradoiros e rede de camiños que permiten descubrir cada curruncho deste parque natural.

Vexetación
No Monte Aloia predominan as áreas arboradas (preto dun 81% da superficie total), a pesar dos solos ácidos e do substrato granítico alcalino presente nesta área. As ladeiras en forte pendente son características deste espazo, coa presenza de interfluvios e cunha rede fluvial constituída por pequenos regatos correspondentes ás concas do Louro e do Rosal. Hai que destacar que, no ano 1910, procedeuse á repoboación forestal a grande escala deste monte, predominando os piñeiros e outras moitas especies exóticas que hoxe en día ofrecen un arboreto de gran interese.

A “senda botánica” permítelle ao visitante coñecer os elementos forestais máis destacables do Baixo Miño en xeral e do Monte Aloia en particular; como é o caso do piñeiro bravo, a mimosa e o eucalipto branco, sen esquecerse dos acivros, castiñeiros, abruñeiros, espiños albares, sobreiras e pereiras bravas. Existen especies foráneas que contan coa súa representación no parque, como é o caso da acacia negra, o ciprés de Lawson, o abeto de Douglas, o cedro xaponés ou os piñeiros albar e insigne. O inventario florístico deste parque natural inclúe polo menos 385 taxons de flora vascular, aínda que a vexetación potencial dominante se corresponde coa carballeira acidófila.

Fauna
No Monte Aloia destaca, sobre todo, a fauna de vertebrados, debido ás plantacións forestais e á forte influencia antrópica presente na área. O parque natural alberga algúns elementos realmente destacables, principalmente na fauna herpetolóxica.

A fauna de anfibios é moi importante e de grande interese, tanto pola súa diversidade como pola súa abundancia. Na zona cohabitan 11 das 14 especies coñecidas en Galicia, destacando a píntega e os tritóns, ademais de endemismos ibéricos noroccidentais ameazados como a píntega rabilonga e a ra patilonga. Entre os réptiles, cabe mencionar o lagarto das silveiras, a víbora de Seoane e a lagarta galega, entre as especies máis destacadas do parque.

A avifauna forestal tamén conta con boa representación, sinalando o ferreiriño cristado, os petos finxílidos e gaio así como as concentracións invernais de tordos e ubalos. Por último, os mamíferos son as especies menos estudadas, aínda que é frecuente gozar da presenza de esquíos, xabarís, xenetas e raposos.

Centro de Interpretación da Natureza
O Monte Aloia conta cun bo equipamento turístico que ven marcado por sinalizacións e carteis explicativos, aparcadoiros, camiños en boas condicións, unha zona de acampada, fontes de auga potable, mesas, e outros elementos que facilitan a estancia e percorrido dos visitantes. Ademais, dispón dun Centro de Interpretación da Natureza, que leva o Nome de Casa Forestal Enxeñeiro Areses, e na que se lembra ao enxeñeiro de montes Rafael Areses. Este enxeñeiro destaca pola súa vida profesional, xa que desenvolveu unha especial dedicación ao coidado dos bosques galegos.
Neste edificio, consérvanse varios obxectos persoais do enxeñeiro e pódese obter a información necesaria para realizar diferentes rutas marcadas. Existen varias opcións adaptadas ás condicións de cada visitante, desde rutas de baixa dificultade, como a do Castro do Alto do Cubos, ata percorridos de catro horas e dificultade media-alta, como o do Muíño de Paredes.