24 agosto 2009

Críticas del PP gallego a las últimas políticas del Gobierno de ZP

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Partido Popular de Galicia lamenta que Zapatero se empene en que a crise económica afecte cada vez máis aos petos dos cidadáns coas súas medidas de pseudopolítica social, pois algúns membros do Goberno socialista xa están a adiantar que esta medida terá como consecuencia o incremento da presión fiscal.

Unha vez máis estamos ante unha medida apresurada e de corto alcance que, de novo, vai disparar o gasto público en vez de optimizar o xa existente. Esta medida recorda á dedución de 400 euros de hai un ano que máis que axudar a paliar a crise económica axudou a encher titulares de prensa.

O máis interesante da situación é que Zapatero logrou por fin, á marxe do diálogo social, poñer de acordo a patronal e sindicatos, xa que ambos cualifican unanimemente de “chapuza” unha axuda que tan só unha semana despois de ser anunciada tivo que ser rectificada polo propio presidente do Goberno central.

O cualificativo proferido por patronal e sindicatos non parece estar lonxe da realidade, pois mentres que o Goberno asegura que serán 19.000 os galegos que se beneficiarán da axuda, as contas da Consellería de Traballo son ben distintas: a cifra diminúe en 12.000 persoas e cae ata os 7.000 beneficiarios, preto dun terzo dos desempregados galegos que xa non perciben ningún tipo de prestación.

Os populares galegos coinciden cos desempregados en que ambos preferirían que estes cartos se destinasen a crear postos de traballo estable para aqueles que xa non están a percibir axudas no canto de que se repartan uns cheques que nin sequera son suficientes para todos e inda por riba repercutirán no incremento da presión fiscal.

Fronte a este xeito de proceder outros apertan ao máximo o cinto da administración para recortar o gasto superfluo e optimizar o aforro que permite investir máis nas políticas sociais que benefician ao conxunto dos galegos, no canto de incrementar a presión fiscal para beneficiar só a uns poucos.

O presidente Feijóo ten demostrado que se poden levar a cabo políticas económicas e sociais eficientes con austeridade e incluso rebaixando, por exemplo, os impostos á xente nova para acceder a unha vivenda. Pola contra, Zapatero é un mal exemplo de xestión dos fondos públicos.