24 agosto 2009

Costoias (MOS) acolle
á XIX Festa da Terceira Idade

MOS (MORRAZO-TRIBUNA).- Esta celebración, que conta con case dúas décadas de vida, é toda unha tradición no Concello de Mos. A concellería de Benestar Social mosense que dirixe a edil Ana Mª Rodíguez Cabaleiro organiza a XIX Festa da Terceira Idade que terá lugar o vindeiro domingo, día 30 de agosto, en Costoias, parroquia de Tameiga.

A celebración contará con actos a partires das 12.00 horas, intre no que se oficiará unha Misa na Capela de Pena de Francia. A continuación, concretamente ás 13.00 horas, comezará un concerto da Banda de Música de Torroso. Os aperitivos serviranse ás 14.00 horas e a entrega de agasallos empezará ás 16.00 horas. Dende as 16.30 horas haberá baile amenizado musicalmente polo trío Lunas.

Os asistentes contarán cun servizo de autobús gratuíto que os trasladará ata o lugar da Festa, previa inscrición no departamento de Benestar Social do Concello de Mos ou no número de teléfono 986 33 12 00.

A concelleira Ana Rodríguez falou hoxe dos obxectivos da Festa da Terceira Idade, explicando que “é unha actividade lúdica para que os maiores do noso municipio se reúnan cos seus veciños coetáneos, acompañados polas súas respectivas familias”. Rodríguez Cabaleiro fixo fincapé nas súas declaracións en que “trátase da décimo novena edición desta festividade, que xa se constituiu nun evento tradicional do Concello de Mos, que cada ano é moi esperado polos seus protagonistas, os maiores mosenses”. Ademais, a edil responsable desta iniciativa informou de que o domingo homenaxearase ós matrimonios residentes na localidade que celebren este ano as súas vodas de ouro ou 50 anos de casados.