31 agosto 2009

Conselleiro de la Derecha se abraza con significado actor de la Izquierda

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, recibiu hoxe en San Caetano ao actor protagonista do filme Celda 211, Luis Tosar, e a unha representación da produtora Vacafilms, cos que se comprometeu a apoiar coa súa presenza en Venecia a promoción internacional desta produción, que representará ao audiovisual galego na LVII edición da Mostra e no Festival de Toronto.

Roberto Varela afirmou que “apoiaremos esta película de produción galega con protagonista galego por estar dentro da nosa liña de traballo, ao igual que traballaremos na promoción do filme no exterior, facendo todo o posible para conseguir que sexa un éxito internacional”. Deste xeito, esta produción galega, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia para a súa realización a través dunha subvención da Agadic, terá tamén agora o apoio institucional na súa promoción. Tras o encontro, Roberto Varela asegurou que era “unha honra” recibir “a un actor da talla de Luis Tosar” e, asemade, manifestou que “poucas veces se viaxa acompañando a película, pero este é un produto que merece este tratamento”.

“Xesto insólito”
Pola súa banda, o actor Luís Tosar agradeceu o apoio recibido polo equipo de Celda 211 desde a Consellería de Cultura e Turismo. “Estamos moi contentos de que o conselleiro nós apoie con este xesto, e que creo que é bastante insólito que contemos coa súa presenza en Venecia”, destacou. Segundo o actor, “ata o momento, non adoitabamos gozar normalmente da presenza das institucións que estaban directamente involucradas na película como neste caso”.

O actor galego asegurou a rodaxe do filme foi “bonita, pero complicada por estar gravada na antiga cárcere abandonada de Zamora e que foi reconstruída para a película”. O seu papel é o de “un personaxe que é un malote que leva toda a vida no cárcere e que ten máis sentido que viva dentro que fóra, incluso para el mesmo”. Luis Tosar definiu o filme como “un thriller, con intriga e algo de denuncia social”, a partir dun motín que provoca “unha serie de acontecementos con outros protagonistas que se ven metidos nestes líos e que, sen comelo nin bebelo, teñen que loitar por sobrevivir nesta xungla de maleantes”.

Promoción internacional
Este filme foi seleccionado para participar no Festival de Cine de Venecia, que se celebrará entre o 2 e o 12 de setembro, certame que xunto o Festival de Cannes e un dos máis prestixiosos do mundo, onde ano tras ano, danse cita grandes títulos, recoñecidos directores e os máis famosos actores da industria cinematográfica mundial. Asemade, Celda 211 tamén participará no Festival de Toronto, do 10 ao 19 se setembro, sendo a mostra canadense unha cita fundamental para a penetración no mercado norteamericano e o mellor escaparate para o cine feito en Europa.

Celda 211, que contou cun orzamento de 4 millóns de euros, foi dirixida por Daniel Monzón e está protagonizada por Luís Tosar, Alberto Ammann, Antonio Resines, Carlos Bardem e Marta Etura.