20 agosto 2009

Atención a discapacitados en casos de emergencia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Galicia converterase na primeira comunidade autónoma de España en dispoñer de unha ferramenta de primeiro nivel para dar resposta ás emerxencias para todas aquelas persoas con discapacidades auditivas e de fala que ata o de agora non podían, agás intervención de terceiros, comunicar e solicitar resposta ás situacións de emerxencias nas que se viran afectadas. Esta ferramenta que se implementará na nosa Comunidade de xeito pioneiro será a que posteriormente se empregue no resto de centros de emerxencias de Europa para dar cobertura aos colectivos con este tipo de discapacidades.

Así o anuncia o Centro de Atención de Emerxencias 112 de Galicia (CAE 112), dependente da Axencia Galega de Emerxencias, que desde o pasado 1 de xullo participa nun proxecto europeo innovador que ten como fin facilitar e garantir a atención ás persoas con discapacidades en casos de emerxencias. O proxecto, que recibe o nome de REACH (‘Responding to All Citizens needing Help’/ Resposta a todos os cidadáns que precisan axuda), ten unha duración de tres anos e conta cun orzamento de 225.930 euros, financiados ao 50% coa Unión Europea. O acceso directo ao 112 en igualdade de condicións que o resto de cidadáns supón un avance decidido no camiño cara a plena integración das persoas con discapacidades, xa que se trata, en definitiva, de prestar uns servizos necesarios e de calidade de acorde cos tempos en que vivimos e que a Sociedade do Benestar demanda.

Singularidade orográfica e poboacional
Para participar nesta iniciativa pioneira, o CAE 112 foi escollido xunto con outras tres centros de emerxencias de entre todos os existentes en Europa. O motivo da selección do centro galego foi a súa evolución, desenrolo e experiencia na xestión de emerxencias nun territorio singularizado polas súas condicións orográficas e de dispersión poboacional, o que constitúe un interesante campo de proba para este novidoso sistema de resposta total do que se extraerán importantes consecuencias para a súa implantación no resto de Europa.

O REACH 112 achegará solucións para comunicarse en calquera situación, ben a través de comunicación escrita, linguaxe de signos, lectura de beizos, con voz ou calquera combinación simultánea dos citados modelos baixo o concepto de comunicación total. Neste sentido, proporcionaranse dispositivos especialmente adaptados en fogares, lugares de traballo e desprazamentos, que conectarán aos usuarios simultaneamente a través de vídeo, son e texto. Con esta iniciativa liderarase a mellora de comunicacións entre os cidadáns, en particular daqueles con algún tipo de discapacidade, ademais da accesibilidade e o tratamento de chamadas dos servizos de emerxencias de toda a Unión Europea.

No proxecto participan 22 socios de Italia, Suecia, Reino Unido, Holanda, Francia, Grecia, Bélxica, Finlandia e España. No caso español, ademais do CAE 112, tamén participan como socios as empresas Siemens, Vodafone e Sertel.