27 agosto 2009

13 nuevos centros para la red de escuelas infantiles de la Xunta

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A próxima semana as escolas infantís de Galicia retomarán a súa actividade e horario cotiá, nun curso escolar no que se incorporan á rede pública da Xunta un total de trece centros que ofrecerán máis de 750 prazas para nenos e nenas de 0-3 anos.

Con estas novas incorporacións, a partir de setembro comezarán a funcionar un total de 110 escolas titularidade da Xunta que ofertarán máis de 6.100 prazas. A esta cifra hai que sumar as máis de 1.400 que serán sufragadas a través do cheque infantil.

En concreto, á rede infantil incorpóranse 7 centros de nova creación en O Carballiño, Culleredo, Porriño, Ourense, Santiago (Tambre), Ponte Caldelas e Soutomaior. Por outra banda, tamén entran a funcionar, a partir de setembro, 6 escolas infantís de transmisión municipal en Camariñas, Cedeira, Chantada, O Barco, Oleiros e Quiroga.

Para a mellora desta rede e ampliación da cobertura deste servizo, o Consorcio Galego de Servizos Sociais investiu nas novas escolas infantís arredor de 1,3 millóns de euros.

Actualmente, a comunidade galega conta con 481 escolas infantís, das que un total de 216 son públicas (110 da Xunta e 106 dos concellos e subvencionadas pola Administración autonómica). Existen ademais 60 centros de titularidade de entidades de iniciativa social tamén financiadas polo Goberno galego. Entre todas estas modalidades e os centros partícipes do cheque infantil, o total de prazas financiadas con fondos públicos supera as 15.000, o que significa máis do 25% da taxa de cobertura da población de 0-3 anos. A estes centros súmanse 205 privados que ofertan arredor de 8.600 prazas.

Falta de orzamento
Hai que subliñar que nestes momentos existen seis centros de educación infantil 0-3 construídos que non poden iniciar a súa actividade no mes de setembro porque a anterior xerencia non deixou nin crédito dispoñible nin reservado para este fin. Isto ten obrigado á Consellería a facer un grande esforzo por liberar crédito doutras partidas para axilizar o proceso de equipamento e dotación das escolas de Ares, Cangas, Vilagarcía de Arousa, Silleda, Caranza-Ferrol e Cotobade. Pese a esta falta de previsión do Goberno anterior, a Xunta ten garantido a eses concellos a apertura destas escolas no primeiro trimestre de 2010, sendo imposible poñelas antes en marcha dado que os orzamentos de 2010 non se poden anticipar ata o último trimestre deste ano.

Así mesmo, e ante as críticas feitas polo BNG, é preciso indicar que as escolas de Eirís e Monte Alto, na Coruña, e de Valadares (Vigo) non estaban previstas para iniciar a súa matrícula este curso, dado que aínda non se iniciou a súa construción mentres que a de Milladoiro en Ames está en obras, seguindo as datas previstas.