20 agosto 2009

Follón en Mos con la suspensión de un servicio inter-parroquial de transporte que unía con Vigo

MOS (MORRAZO-TRIBUNA).- O Concello de Mos lamenta que rematara o servizo de transportes por mor da mala xestión dos anteriores gobernos local e autonómico

Non existía ningún convenio asinado nin partida orzamentaria para sufragalo

A Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, arroxou luz hoxe sobre a realidade do asunto da suspensión da liña de transporte que comunicaba, ata o pasado luns, as parroquias de Sanguiñeda, Mos, Louredo, Guizán e Tameiga co Centro Médico municipal para continuar logo ata Vigo.

Arévalo declarou hoxe, para explicar que aconteceu en verdade con este tema, que “o 3 de novembro de 2008 o anterior goberno local anunciou un servicio piloto de transporte que, en principio, duraría tres meses prorrogables dependendo de como funcionase a iniciativa; pero a participación de usuarios foi baixísima acadando tan só unha media de cinco persoas ó dia. Coa chegada da campaña electoral previa ás eleccións autonómicas celebradas o presente ano, Mar Chao, anterior conselleira de Transportes, pediulle a Monbús como favor persoal que continuase co servizo de autobús”. Entre tanto, en decembro de 2008 Nidia Arévalo chegara á Alcaldía do Concello de Mos e dende os primeiros días como rexedora local tentou reunirse con Mar Chao para que esta a puxese ó tanto da situación e a duración reais deste servizo de transporte. Chao non recibe a Arévalo e, tras a perda da Xunta por parte do bipartito motivada pola victoria popular nas autonómicas, a Alcaldesa ponse en contacto co novo Director Xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, quen lle informa de que este servizo non contou en ningún momento nin coa sinatura dun convenio, nin cunha autorización nin concesión oficiais, nin cunha partida orzamentaria coa que asumir os gastos derivados do mesmo. Para máis INRI, Rodríguez Bugarín faille saber a Nidia Arévalo que existe unha denuncia da empresa de transportes Raúl, xa que parte do percorrido que estaba a realizar Monbús, concretamente o que discorría pola estrada Nacional 550, lle fora concedido oficialmente á primeira empresa.

Ante esta situación a Alcaldesa de Mos reúnese o pasado 22 de xuño co Director Xeral de Mobilidade quen lle manifesta que non vai quedar máis remedio que suspender o servizo piloto de transporte por tres motivos: o primeiro é a denuncia realizada por Transportes Raúl, o segundo é que non hai cartos para pagalo ó non deixar o antigo goberno autonómico unha partida orzamentaria para facelo, e o terceiro é que dende o seu inicio este servicio non contou con concensión, nin convenio, nin autorización oficiais da Xunta de Galicia.

“Non obstante”, declaraba Arévalo esta mañá, “estamos a traballar nunha solución en firme para este problema, unha solución coa que estean dacordo o Área Metropolitana e a Xunta, e que se vexa respaldada por un convenio e unha partida orzamentaria”. A proposta inicial que Nidia Arévalo xa lle aportou a Miguel Rodríguez é un informe no que se detallan pormenorizadamente os servizos que verdadeiramente precisa Mos en materia de transporte para que o municipio estea debidamente comunicado con Vigo, Porriño e o Centro de Saúde local. Segundo a rexedora municipal mosense, “este e o primeiro paso responsable que se da para conseguir un servizo de transporte eficaz e eficiente para o Concello de Mos”.

A Alcaldesa mosense aclarou tamén, para rematar, unha realidade que non quere facer pública o Grupo Municipal Socialista de Mos, que é que Monbús lle está a reclamar ó Concello o pago do servizo piloto de transportes que ascende a máis de 500 euros diarios durante os nove meses que estivo en funcionamento; pago que debería ter feito a anterior Xunta.

VERSION DA XUNTA

O Goberno galego manifesta que o transporte público de viaxeiros entre diversas parroquias do Concello de Mos realizouse sen contar coa tramitación correspondente e sen as autorizacións oportunas. Ademais, a empresa concesionaria reclama ante a Dirección Xeral de Mobilidade a compensación polo custe do servizo.

Dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informase de que na Dirección Xeral de Mobilidade non existe documentación ningunha sobre a existencia dun servizo autorizado de transporte público de viaxeiros entre os concellos de Mos e Vigo. Soamente se ten constancia dunha comunicación emitida polo operador de inicio dos servizos que foi recibida o pasado 28 de outubro de 2008.

A información que se lle trasladou aos membros do Goberno galego é que este servizo de transporte público de viaxeiros entre os concellos de Mos e Vigo iniciáronse o día 3 de novembro do pasado ano. Tratábase, de acordo co manifestado nos medios de comunicación, dunha experiencia piloto co obxectivo de mellorar a mobilidade entre os núcleos de poboación do termo municipal de Mos, así como as conexións coa cidade de Vigo.

Asemade, estaba previsto que estes servizos de carácter experimental se ofertaran unicamente durante tres meses. Una vez concluído este período (o pasado 3 de febreiro de 2008), desde a Dirección Xeral de Transportes do anterior Goberno solicitouse á empresa prestataria do servizo que proseguira con este servizo, debido á proximidade das eleccións á Xunta de Galicia.

Opción de futuro
Desde a Dirección Xeral de Mobilidade considerase que este servizo poderíase incorporar á futura Rede de Transporte Metropolitano da área de Vigo. Este tipo de expedicións poderían considerarse como servizos de interese municipal, seguindo os precedentes que existen para outras áreas de transporte metropolitano.

En calquera dos casos, a Consellería de Medio Ambiente considera necesario estudar a rendabilidade deste servizo, é dicir, comparar o número de pasaxeiros que emprega este servizo de transporte co custe do mesmo, coa finalidade de estudar o máis detallado posible a súa viabilidade, así como as fórmulas de financiamento posible para a súa posta en marcha.