27 agosto 2009

Nueva normativa sobre vertederos de basuras en Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se regula a construción e a xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Este documento legal restrinxirá a creación de vertedoiro e priorizará as garantías ambientais e de control. En definitiva, o obxectivo desta normativa galega é garantir que a construción do vertedoiro se realice co menor custo ambiental e establecer os mecanismos para o control da admisión de residuos e o control e vixilancia da fase de explotación, e regula o réxime da clausura e mantemento de postclausura. Trátase dun documento que marca as pautas do proceso administrativo, que -en todas as súas fases- será restritivo e con importantes mecanismos de control, co obxecto de garantir o cumplimento exhaustivo da normativa ambiental.

A redacción desta normativa para Galicia responde á necesidade complementar a norma básica estatal en vigor (Real Decreto 1481/2001), que regula o réxime de funcionamento dos vertedoiros. Cómpre sinalar que esta normativa non descende á regulación de determinados aspectos que deben ser concretados para dar seguridade xurídica, económica e ambiental a estas instalacións. Outro aspecto importante que xustifica a súa redacción é a falta dunha normativa específica que defina as condicións de construción, explotación e vixilancia, xa que deixou en mans dos explotadores a xestión dos vertedoiros.

Dúas grandes liñas de acción
Na orde defínense dúas grandes liñas de acción que contribúen a dous obxectivos: medidas para reducir o vertido e mecanismos para conseguir que o vertido sexa realizado da maneira máis inocua e segura posible.

Para reducir o lixo, limitarase o tipo de residuo admisible en vertedoiro, polo que só se poderán tratar aqueles que sexan rexeites de procesos e que, en consecuencia, non admitan o seu reciclado, e aqueles que, sendo reciclables, non existan plantas de reciclado con capacidade suficiente en Galicia.

Outra das medidas será controlar os residuos procedentes doutras comunidades autónomas, xa que isto permitirá adoptar restricións no caso de que as instalacións existentes non sexan suficientes para atender as necesidades de Galicia. Estableceranse medidas para que o prezo do vertido sexa suficiente para amortizar a inversión realizada e a prevista para facer fronte aos custos de clausura e postclausura. Así, garantirase un financiamento suficiente para afrontar os custos ambientais derivados do funcionamento da instalación; que o produtor do residuo sexa consciente do custo do lixo que produce; e que o prezo do vertido non sexa competitivo co custe do reciclado, xa que así permitirase implantar empresas recicladoras e facilitar a viabilidade das existentes.

Por último, outra das medidas para reducir o vertido é habilitar mecanismos de control de residuos que se reciben nos vertedoiros, establecendo unha codificación específica aos elementos de entrada, de tal xeito que se poida coñecer -dende a orixe- o lixo que pode ser vertido, sinalou Hernández.

Proceso seguro e inocuo
Asemade, poranse en marcha outras medidas para conseguir que o vertido sexa realizado da maneira máis inocua e segura posible, polo que se establecen catro accións: por unha banda, definir mecanismos de control, tanto para a admisión de residuos como para o control e vixilancia dos vertedoiros durante a fase de explotación, clausura e mantemento posterior; e por outro lado, someter a xestión do vertedoiro a un maior control administrativo na fase de autorización e de posterior seguimento ambiental. O terceiro eixe é fixar un réxime de garantías suficientes para abordar os riscos que a xestión do vertedoiro leve consigo, mediante a provisión dunha fianza ambiental.

A orde tamén fixa os requisitos técnicos na construción das instalacións para asegurar que a eliminación de residuos se realice co menos custo ambiental. As garantías que se deben cumprir son: a impermeabilidade do vaso, o control e depuración de lixiviados, o control das augas superficiais, o control das emisións á atmosfera e a estabilidade do vertedoiro.

Clausura dos vertedoiros
Nos traballos de clausura de vertedoiros adóptanse dous tipos de solucións técnicas en función da clase de residuos: o selado para aqueles cunha alta porcentaxe de materia orgánica e a adecuación e integración ambiental nos vertedoiros de residuos orgánicos, de obras ou nas áreas circundantes dos vertedoiros de RSU (residuos sólidos urbanos) selados anteriormente sen integración paisaxística.

No proceso de selado, as actuacións a levar a cabo son: control de accesos, da estabilidade da cuberta do selado e da escorrentía superficial; cuberta de selado e acondicionamento do terreo; recollida e control de lixiviados; extracción, combustión e aproveitamento enerxético de gases e restauración do entorno.

Excepcionalmente, realizaranse actuacións de adecuación e integración ambiental que consisten fundamentalmente en retirar os residuos existentes na superficie, regularizar a orografía, aportar terra vexetal e laboreo superficial, plantar árbores autóctonos adecuados ao contorno e realizar a reposición de vexetación arbustiva en noiros, adaptados a condicións de hábitat existentes. Outros traballos que se realizarán son a revexetación con especies tapizantes, a creación de espazos de conservación de especies vexetais protexidas, a integración de peches con setos arbustivos, así como a demolición de antigas barreiras e muros de contención.

Documentación
A orde que publica hoxe o DOG está formada por un preámbulo, 23 artigos agrupados en 5 seccións (disposicións xerais, dos residuos eliminados en vertedoiro, do réxime económico da xestión dos vertedoiros, da clausura e do mantemento postclausura dos vertedoiros, dos vertedoiros municipais) e 12 anexos, Cómpre sinalar o anexo no que se recolle os pasos e as pautas a seguir para a construción dun vertedoiro.

Filosofía
Coa entrada en vigor desta normativa evitarase o vertido de residuos valorizables en Galicia, adecuaranse as autorizacións dos vertedoiros a medida que se constrúen plantas de valorización, e regúlanse a autorización de códigos de identificación de residuos para coñecer a súa idoneidade e controlar a súa trazabilidade. Tamén se define ferramentas dirixidas a que o custo do vertido contemple todos os aspectos que garantan a imputación de todos os custes que se producen, de xeito que faga atractivo economicamente o reciclado. Ademais, defínese un marco xurídico que estipula os requisitos mínimos de construción, as condicións da súa explotación e un sistema de control ambiental eficaz que limite os efectos ambientais, que estableza medidas preventivas e que facilite a implantación de plantas de reciclado en Galicia.

Vertedoiros en explotación de Galicia
Na actualidade a Comunidade galega conta cun total de 31 vertedoiros en explotación, dos que un 74 por cento se dedican á eliminación dos residuos (un total de 23), mentres que a porcentaxe restante (26 por cento, é dicir, 8) teñen por actividade de xestión a valorización e eliminación.

Deste número total, 22 son de titularidade pública, aínda que só en 6 casos é o propio concello quen o xestiona, e 9 están en mans de empresas privadas. En canto ao tipo de residuo que tratan, 17 vertedoiros xestionan RDC (residuos de demolición e construción); 13 residuos non perigosos; e un (Sogarisa) residuos perigosos. Cómpre sinalar que catro, instalados nos concellos de A Rúa, As Pontes, Cerceda e Santiago de Compostela, están en proceso de construción.

Compromiso de futuro
Tal e como avanzou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, -o pasado luns na rolda de prensa de presentación desta orden- a previsión do departamento que dirixe é que no horizonte de 2012 se selen todos os vertedoiros de Galicia, salvo aqueles que nese momento poidan ter autorización.

Para acadar ese reto, o Goberno galego investirá un orzamento de 5 millóns de euros. Na actualidade existen 30 vertedoiros en proceso de clausura e selado, dos que 7 están en execución, 10 en fase de contratación e 13 en estudo.