27 agosto 2009

O BNG espera que o PP rectifique e cumpra os compromisos de investimentos en Ponteareas

Ponteareas (MORRAZO-TRIBUNA).- O BNG espera que o PP rectifique e cumpra os compromisos de investimentos en Ponteareas postos en marcha polo anterior goberno da Xunta coma o depósito de auga de Ribadetea

Bolívar González, Portavoz Municipal do BNG, amosou a súa satisfacción pola confirmación, por parte da Consellaría de Medio Rural, da realización do depósito de auga potable na parroquia de Ribadetea. “Tratase dunha obra prioritaria que vai facilitar que todos os veciños dispoñan deste servizo básico nas mellores condicións”, declarou González

Os nacionalistas lamentan que esta obra sexa a única excepción nas decisións do actual goberno da Xunta con Ponteareas. Os primeiros cen días do goberno de Feijoo non poideron ser máis negativos en asuntos vitais para Ponteareas; paralización do parque empresarial Val do Tea e anulación do plan de vivenda protexida, coas dotacións públicas e modelo de novo urbanismo que esta actuación no Paseo Matutino iba a supoñer para Ponteareas. “O balance do PP, nestes cen días na Xunta, foi paralizar todos os compromisos de investimentos en Ponteareas iniciados polos nacionalistas no anterior Goberno Galego”, manifestou Bolívar González.

A construcción do depósito de auga potable en Ribadetea foi incluída polo BNG, no pleno extraordinario do pasado 28 de maio, celebrado a instancia dos nacionalistas. Nas propostas de acordo, que foron aprobadas por todos os Grupos da Corporación, instabase á Consellaría de Medio Rural, a manter o mismo nivel de investimento en Ponteareas, coma no período 2005-2009, con cargo ao Plan de Infraestructuras no Medio Rural e entre outras actuacións acordouse: “Realizar un depósito de auga para unha traída de uso doméstico, na parroquia de Ribadetea, en base a petición que os veciños xa trasladaron a Consellaría”

Para os nacionalistas, en momentos de crise como os actuais, que tanta incidencia está a ter en Ponteareas, non se entende como se botan abaixo ou se paralizan investimentos que afectan directamente as políticas de emprego e de vivenda.

“Esperamos que o PP rectifique a sua decisión de paralizar o parque empresarial Val do Tea”, declarou Bolívar González, quen manifestou que “despois de décadas sin que o PP fixera nada, agora que está todo a punto para mercar os terreos e urbanizar, grazas ao impulso dado polo BNG, no anterior Goberno Galego, sin esperar polo PXOM e sin depender do Concello, agora Ponteareas non pode quedar outra vez atrás”.