27 agosto 2009

La Xunta endosa al concello de A Guarda tres kms de la carretera a Fornelos

A GUARDA (MORRAZO-TRIBUNA).- O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade dun tramo viario da estrada que discorre desde A Guarda ata Fornelos (PO-353), polo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas traspasa a favor do Concello da Guarda máis de 3 quilómetros desta vía. Este tramo discorre entre o punto quilométrico 0+00 ata o 3+120 e presenta unhas características que a definen como urbano, xa que posúe beirarrúas en parte do seu percorrido e ten edificacións e servizos urbanos ao longo deste.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveu favorablemente este cambio, ao considerar que os tramos mencionados adquiriron características netamente urbanas. Este ditame foi comunicado ao Concello da Guarda que manifestou a súa aceptación.

Nese senso, correspóndenlle ao concello pontevedrés todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Cómpre precisar que a entrega desta vía se formalizará, no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Cesión regulada por lei
Segundo se recolle no artigo 5 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería con competencias na materia e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outro lado, o artigo 54 deste texto legal establece que as estradas autonómicas ou os seus treitos determinados, nos que a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. Tamén se estipula que o expediente se promoverá por proposta do concello ou da Administración titular e será resolto polo Consello da Xunta.