24 agosto 2009

Juárez pone los pies en las Cies, recibe información pero no anuncia nada

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, visitou esta mañá as Cíes, o conxunto insular máis popular do Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas. Estivo acompañado no seu percorrido, entre outras autoridades, polo director xeral da Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón; o director do Parque, José Antonio Fernández Bouzas; e o presidente do Padroado, Fernando Garrido.

O conselleiro tivo oportunidade de coñecer in situ algúns dos sistemas de control de navegación e fondeo no arquipélago, así como as melloras da vivenda de San Martiño para investigadores e traballadores do Parque Nacional. Tamén puido comprobar no decurso do seu percorrido o estado das obras de reparación das vivendas de gardería, casa do banqueiro, punto de emerxencia, ou a nova xeración de enerxía renovable nas illas mediante placas solares, entre outras melloras que se están a levar a cabo neste privilexiado enclave.

Igualmente, os técnicos do Parque explicaron as accións que se están a desenvolver para limitar e corrixir a presenza de especies alóctonas [non autóctonas] no Parque. Juárez e o resto da comitiva concluíron o seu periplo cunha visita ás instalacións do camping, establecemento que funciona no Parque por concesión administrativa, e no que se están a desenvolver obras complementarias para acadar a máxima calidade posible na atención aos visitantes, dentro das limitacións inherentes ao feito de que as illas pertencen a un entorno protexido. Neste senso, cómpre lembrar que, para garantir o delicado equilibrio do ecosistema, está limitado o número de visitantes que poden entrar e/ou pernoctar en todo o arquipélago.

Plans de futuro
Ademais de coñecer en detalle estas melloras actuais, o titular do Medio Rural puido departir cos responsables do Parque sobre outras actuacións que arestora están en estudio, como a posta en valor dos aspectos arqueolóxicos das illas, a proposta de declaración de Reserva da Biosfera de todo o Parque, o proceso de elaboración do regulamento de Ons ou do Plan Rector de Uso e Xestión de cada illa, así como as ideas previas para intensificar a oferta educativa e didáctica para os máis novos.

A adecuación dos accesos para persoas con diversidade funcional, a mellora das infraestruturas de servizo, ou a implantación da carta europea de turismo sostible, foron outros dos aspectos que saíron a colación no intercambio de información entre os técnicos do Parque e o conselleiro Juárez. Tamén falaron dos plans de manexo de poboacións de determinadas especies de anfibios e réptiles, así como a fase na que se atopa o proxecto de integración paisaxístico-urbanística, e a posibilidade da implantación dun banco de xermoplasma en colaboración co Centro de Investigacións de Lourizán, tamén dependente da Consellería do Medio Rural.

Un tesouro marítimo e terrestre
O conxunto insular Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas mereceu a consideración de Parque Nacional con data 1 de xullo de 2002, e conta cunha superficie de 8.480 hectáreas, 7.285,2 marítimas e 1.194,8 terrestres. O arquipélago das Cíes abrangue 2.658 marítimas e 433 terrestres; o de Ons, 2.171 marítimas e 470 terrestres; o de Sálvora, 2.309 marítimas e 248 terrestres; e o de Cortegada, 147,2 marítimas y 43,8 terrestres. Todos eles pertencen á provincia de Pontevedra, agás o de Sálvora, na desembocadura da Ría de Arousa, que pertence administrativamente á da Coruña.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas representa un dos ecosistemas máis salientables de entre os ligados á plataforma continental da rexión eurosiberiana. Os acantilados, os matorrais, as dunas e as praias, así como os distintos fondos mariños de rocha, area ou mesmo cuncha, crean un mosaico extraordinario desde o punto de vista ecolóxico.

Esta diversidade de escenarios dá cabida a un grande número de especies. Conviven só nas Cíes máis de 200 tipos de algas, entre as que se refuxian e crían cantidades inxentes de peixes e moluscos, aves mariñas que aniñan nos acantilados e pescan en augas pouco profundas, plantas sorprendentemente adaptadas ao alto índice de salinidade ou á escuridade das estreitas fendas… Todo un microcosmos no que a actuación dos técnicos e as administracións, pero especialmente e a concienciación crecente da cidadanía, son chaves na preservación deste tesouro para que o gocen tamén as xeracións vindeiras.