31 agosto 2009

Lobeira quere a devolución dos cartos polas empresas xornalísticas que cobran por non axudar ao idioma

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA). - O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Bieito Lobeira, ven de reclamar que o goberno da Xunta esixa a devolución dos subsidios concedidos a empresas xornalísticas para o fomento do galego que incumpran os requisitos e obrigas contraídas na resolución da Secretaría Xeral de Comunicación.

Lobeira rexistrou unha iniciativa parlamentar na que asegura que moitos dos medios beneficiados, nomeadamente os que máis axudas reciben, manteñen un comportamento perante o idioma “abertamente contrario” aos criterios establecidos, “mesmo en ocasións fan un combate aberto á identidade do noso País”.

Segundo o deputado, por exemplo, nos xornais con máis tiraxe e que reciben máis coantía, das 28 empresas subvencionadas, a lingua galega se sitúa entre o 4 e o 5 por cento desas publicacións. Asemade, critica que a “política de imposición do español” que practican eses mesmos medios leva á tradución, en moitos casos, de comunicados, entrevistas ou declaracións feitas en galego.

Para Lobeira, é especialmente preocupante que, incluso, haxa xornais que non estean dispostos a publicar as declaracións en galego nin a solicitude expresa do entrevistado, “ou figuran en español ou non hai información, unha actitude moi democrática”, ironizou.

O deputado nacionalista lembra que esta situación non é nova, de feito, segundo os seus dados, hai medios que utilizaban máis o galego hai 30 anos que agora, de aí que pregunte pola avaliación que realiza o goberno destes feitos e se ten previsto reclamar a devolución dos subsidios por incumprimento reiterado das obrigas deses medios.

Asemade, quer saber que seguimento se realiza dende a Xunta para confirmar o cumprimento deses requisitos que establece a convocatoria das axudas.