24 agosto 2009

La Xunta toca la flauta de los vertederos y busca una música más agradable

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas elaborou unha orde que regulará a construción e a xestión dos vertedoiros de Galicia. O obxectivo é garantir que a construción do vertedoiro se realice co menor custo ambiental. Asemade, esta normativa –que será publicada no Diario Oficial de Galicia desta semana, tal e como avanzou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández- tamén establece mecanismos para o control da admisión de residuos e o control e vixilancia da fase de explotación, e regula o réxime da clausura e mantemento de postclausura.

O titular de Medio Ambiente presentou esta mañá esta orde e sinalou que “con esta normativa na man”, evitarase o vertido de residuos valorizables en Galicia, adecúanse as autorizacións dos vertedoiros a medida que se constrúen plantas de valorización, e regúlase a autorización de códigos de identificación de residuos para coñecer a súa idoneidade e controlar a súa trazabilidade.

Xunto con estas medidas, esta norma –aclarou Hernández- tamén define ferramentas dirixidas a que o custo do vertido contemple todos os aspectos que garantan a imputación de todos os custes que se producen, de xeito que faga atractivo economicamente o reciclado.

Nese senso, ábrese unha nova liña de actuación dentro das políticas de fomento do reciclaxe do lixo. “Hai que concienciar e potenciar a cultura do reciclaxe fronte á eliminación do residuos, xa que a sociedade cada día produce un maior volume de residuos”, afirmou.

Agustín Hernández recordou que na actualidade existe unha norma básica estatal (Real Decreto 1481/2001) que regula o réxime de funcionamento dos vertedoiros, pero aclarou que dita normativa non descende á regulación de determinados aspectos que deben ser concretados para dar seguridade xurídica, económica e ambiental a estas instalacións. “Consideramos imprescindible –remarcou- que tanto os que exercen o control, como os que interveñen no proceso do vertido dos residuos contén cunha guía legal que lles garanta o bo comportamento e boas prácticas”.

Na actualidade –manifestou o representante do Goberno galego- sucede que, a pesar do esforzo realizado, a capacidade de almacenamento non é suficiente; estase a realizar un vertido dun importante volume de residuos, polo que se desaproveitan os recursos neles contidos; e os impactos ambientais asociados a este tipo de instalacións son elevados (ocupación do solo, degradación da paisaxe, emisión de po...).

Apuntou que outro aspecto importante é a falta dunha normativa específica que defina “claramente” as condicións de construción, explotación e vixilancia, xa que deixou en mans dos explotadores a xestión dos vertedoiros.

A previsión do departamento de Hernández é que no horizonte de 2012 se selen todos os vertedoiros de Galicia, salvo aqueles que nese momento poidan ter autorización. Para acadar ese reto, o Goberno galego investirá un orzamento de 5 millóns de euros. Na actualidade existen 30 vertedoiros en proceso de clausura e selado, dos que 7 están en execución, 10 en fase de contratación e 13 en estudo. Segundo apuntou Hernández no período 200/2008 clausuráronse un total de 223 vertedoiros.

Necesidade imperiosa
Á vista desta situación, o conselleiro de Medio Ambiente cualificou de “necesidade imperiosa” establecer no ámbito da Comunidade galega, un marco xurídico que defina claramente os requisitos mínimos de construción, as condicións da súa explotación e un sistema de control ambiental eficaz que limite os efectos ambientais, que estableza medidas preventivas e que facilite a implantación de plantas de reciclado en Galicia.

O conselleiro insistiu en que esta normativa completa a norma estatal vixente, de xeito que desenvolve dunha forma más ampla e máis xenérica a regulación existente ata o de agora. Na súa opinión, esta orde é unha ferramenta normativa legal que da resposta a unha normativa insuficiente.

Dúas grandes liñas de acción
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas explicou que na orde que publicará o Goberno galego defínense dúas grandes liñas de acción que contribúen a dous obxectivos: medidas para reducir o vertido e mecanismos para conseguir que o vertido sexa realizado da maneira máis inocua e segura posible.

Para reducir o lixo, limitarase o tipo de residuo admisible en vertedoiro, polo que só se poderán tratar aqueles que sexan rexeites de procesos e que, en consecuencia, non admitan o seu reciclado, e aqueles que, sendo reciclables, non existan plantas de reciclado con capacidade suficiente en Galicia.

Outra das medidas será controlar os residuos procedentes doutras comunidades autónomas. Hernández precisou que isto permitirá adoptar restricións no caso de que as instalacións existentes non sexan suficientes para atender as necesidades de Galicia. Estableceranse medidas para que o prezo do vertido sexa suficiente para amortizar a inversión realizada e a prevista para facer fronte aos custos de clausura e postclausura. Matizou que con esta acción perséguese contar cun financiamento suficiente para afrontar os custos ambientais derivados do funcionamento da instalación; que o produtor do residuo sexa consciente do custo do lixo que produce; e que o prezo do vertido non sexa competitivo co custe do reciclado, xa que así permitirase implantar empresas recicladoras e facilitar a viabilidade das existentes.

Por último, outra das medidas para reducir o vertido é habilitar mecanismos de control de residuos que se reciben nos vertedoiros, establecendo unha codificación específica aos elementos de entrada, de tal xeito que se poida coñecer -dende a orixe- o lixo que pode ser vertido, sinalou Hernández.

Proceso seguro e inocuo
O conselleiro destacou que dentro das medidas para conseguir que o vertido sexa realizado da maneira máis inocua e segura posible establécense catro accións: por unha banda, definir mecanismos de control, tanto para a admisión de residuos como para o control e vixilancia dos vertedoiros durante a fase de explotación, clausura e mantemento posterior; e por outro lado, someter a xestión do vertedoiro a un maior control administrativo na fase de autorización e de posterior seguimento ambiental. O terceiro eixe é fixar un réxime de garantías suficientes para abordar os riscos que a xestión do vertedoiro leve consigo, mediante a provisión dunha fianza ambiental.

Tamén aclarou que se establecerán requisitos técnicos na construción das instalacións para asegurar que a eliminación de residuos se realice co menos custo ambiental. Agustín Hernández enumerou un serie de garantías que deben cumprirse: a impermeabilidade do vaso, o control e depuración de lixiviados, o control das augas superficiais, o control das emisións á atmosfera e a estabilidade do vertedoiro.

Agustín Hernández explicou que esta orde completase cun anexo no que se recolle os pasos e as pautas a seguir para a construción dun vertedoiro. Recalcou que durante o proceso burocrático, as entidades xestoras poderán contar co asesoramento técnico permanente do persoal especializado da Consellería de Medio Ambiente. Sinalou que o proceso administrativo en todas as súas fases será restritivo e con importantes mecanismos de control, co obxecto de garantir o cumplimento exhaustivo da normativa ambiental.

Situación actual dos vertedoiros
Na actualidade a Comunidade galega conta cun total de 31 vertedoiros en explotación, dos que un 74 por cento se dedican á eliminación dos residuos (un total de 23), mentres que a porcentaxe restante (26 por cento, é dicir, 8) teñen por actividade de xestión a valorización e eliminación.
Vertedoiros en fase de explotación


Deste número total, 22 son de titularidade pública, aínda que só en 6 casos é o propio concello quen o xestiona, e 9 están en mans de empresas privadas. En canto ao tipo de residuo que tratan, 17 vertedoiros xestionan RDC (residuos de demolición e construción); 13 residuos non perigosos; e un (Sogarisa) residuos perigosos. Cómpre sinalar que catro, instalados nos concellos de A Rúa, As Pontes, Cerceda e Santiago de Compostela, están en proceso de construción.