27 agosto 2009

Como cada jueves, completa referencia en MORRAZO-TRIBUNA del Consello de la Xunta

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI
O DÍA 27 DE AGOSTO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO


DECRETOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Decreto polo que se crea a Comisión de seguimento de disposicións normativas estatais e doutras comunidades autónomas

CONSELLERÍA DE FACENDA

• Decreto polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, dun inmoble feita polo Concello de Celanova á Comunidade Autónoma de Galicia, con destino a xulgado

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

• Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada PO-353 (A Guarda – Fornelos), p.q. 0+000 ao 3+120, a prol do Concello da Guarda

• Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada OU-320 (Piñeira de Arcos (N-525) – A Ponte Noalla (OU-105)), p.q. 8+24-9+460, a prol do Concello de Allariz

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

• Decreto polo que se aproba a adscrición do Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar de Marín á Universidade de Vigo.

• Decreto polo que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias de grao nas universidades do Sistema Universitario de Galicia para o curso 2009-2010






ACORDOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Acordo polo que se autoriza a sinatura da addenda 2009 ao convenio de colaboración entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento dos distintos programas propostos no ámbito do Plan Avanza

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Abegondo, Augas de Galicia, a Consellería do Medio Rural e a Empresa Municipal de Augas de A Coruña (EMALCSA), para a posta en marcha do proxecto “Aqua-Plann Project: xestión integrada dos recursos hídricos e a súa aplicación no Plan local LCI Abegondo-Cecebre

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

• Acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Pantón para a execución da obra: abastecemento de auga aos núcleos de Areas, Balboa, Eirexe, A Lagariza, Marce, Morá, Outeiro, Penelas, Ramos, Rechelo, Retoral, Rubiás, San Román e Vilar (Pantón-Lugo), de clave OH.227.562, por importe de trescentos cincuenta mil euros (350.000 euros)

• Acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Valga para a execución da obra: saneamento en Valga. 3º fase. (Concello de Valga – Pontevedra), de clave OH.336.635, por importe de seiscentos noventa e oito mil catrocentos catorce euros e oito céntimos (698.414,08 euros)

• Acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Riós (Ourense) concretada no financiamento ao 100% do custo da obra: adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de residuos sólidos urbanos por importe de 379.146,99 euros

• Acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Pol (Lugo) concretada no financiamento ao 100% do custo da obra: adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de residuos sólidos urbanos” por importe de 153.986 euros

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

• Acordo polo que se autoriza a subscrición dunha addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e as universidades de Santiago de Compostela e Vigo para o cofinanciamento do proxecto Nanobiomed (Consolider-Ingenio 2010) por importe de corenta e nove mil trescentos sesenta e catro euros (49.364 euros)

• Acordo polo que se autoriza a subscrición dunha addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e as universidades de Santiago de Compostela e Vigo para o cofinanciamento do proxecto Novedar (Consolider-Ingenio 2010) por importe de setenta mil trinta e cinco euros (70.035 euros)


CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

• Acordo polo que se autoriza a subscrición dunha addenda ao convenio asinado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, sobre a colaboración educativa nas ensinanzas de formación profesional

• Acordo polo que se autoriza o compromiso de gasto plurianual correspondente á orde pola que se convocan bolsas para a realización de estudos de especialización no ámbito da interpretación musical no ano académico 2009-2010

CONSELLERÍA DE SANIDADE

• Acordo polo que se autoriza a sinatura da cláusula adicional cuarta do concerto do 16 de xaneiro de 2006, subscrito entre o Instituto Policlínico Santa Teresa e o Servizo Galego de Saúde, pola que se actualizan a carteira de servizos, os conceptos faturables, as tarifas aplicables (anexo I) e o importe estimado para o ano 2009

• Acordo polo que se autoriza a sinatura da cláusula adicional cuarta do concerto do 16 de xaneiro de 2006, subscrito entre o Instituto Médico Quirúrgico San Rafael e o Servizo Galego de Saúde, pola que se actualizan a carteira de servizos, os conceptos faturables, as tarifas aplicables (anexo I) e o importe para o ano 2009

• Acordo polo que se autoriza a sinatura da cláusula adicional cuarta do concerto do 16 de xaneiro de 2006, subscrito entre o Hospital Nuestra Señora de la Esperanza, e o Servizo Galego de Saúde, pola que se actualizan a carteira de servizos, os conceptos faturables, as tarifas aplicables (anexo I) e o importe estimado para o ano 2009.

• Acordo polo que se autoriza a sinatura da cláusula adicional quinta do concerto do 16 de xaneiro de 2006, subscrito entre o Sanatorio Quirúrgico Modelo e o Servizo Galego de Saúde, pola que se actualizan a carteira de servizos, os conceptos faturables, as tarifas aplicables (anexo I) e o importe estimado para o ano 2009

• Acordo polo que se autoriza a sinatura da cláusula adicional cuarta do concerto do 16 de xaneiro de 2006, subscrito entre o Instituto Policlínico La Rosaleda e o Servizo Galego de Saúde, pola que se actualizan a carteira de servizos, os conceptos faturables, as tarifas aplicables (anexo I) e o importe estimado para o ano 2009

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

• Acordo polo que se autoriza á Consellería de Traballo e Benestar a establecer compromisos de gastos de carácter plurianual na orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social de traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á convocatoria das correspondentes axudas para o ano 2009

• Acordo polo que se autoriza a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar e o Concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña), para levar a cabo as obras de ampliación, reforma e acondicionamento dun edificio situado no lugar do Camiño Ancho, para destinalo a local de ensaio, así como o seu equipamento

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Administración xeral do Estado, a través do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño e a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, para o desenvolvemento dun programa piloto de desenvolvemento rural sustentable no marco da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sostible do medio rural



INFORMES

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Informe sobre o Plan de Infraestruturas Xudiciais

CONSELLERÍA DE SANIDADE

• Informe polo que se dá conta ao Consello da Xunta de Galicia da tramitación do expediente de emerxencia para a compra de materiais dun só uso e vacinas para facer fronte á pandemia da nova gripe A (H1N1)

• Informe polo que se dá conta ao Consello da Xunta de Galicia da campaña informativa da gripe A. Estratexia de comunicación

CONSELLERÍA DO MAR

• Informe sobre o resultado do plan de loita contra o furtivismo, avaliación ata o final do verán




A XUNTA CREA UNHA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DA NORMATIVA ESTATAL E DOUTRAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS PARA DEFENDER O AUTOGOBERNO E AS COMETENCIAS CONSTITUCIONAIS E ESTATUTARIAS DE GALICIA

• Será un órgano de carácter meramente deliberante, adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e coordinado pola Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias
• Analizará a normativa dende o punto de vista do repartición competencial, co fin de chegar a unha conclusión acerca de se as normas son respectuosas coa repartición competencial establecida constitucional e estatutariamente
• O pasado 24 de xullo o Consello de Ministros acordou aceptar o primeiro dos requirimentos de incompetencias formulado polo novo Goberno da Xunta, relativo a unha orde estatal sobre subvencións en materia educativa

O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace á creación dunha comisión de seguimento de disposicións normativas estatais e doutras comunidades autónomas co fin de garantir o efectivo cumprimento das competencias da Administración galega e a consecuente satisfacción dos intereses propios da nosa comunidade. Esta comisión, que será un órgano de carácter meramente deliberante, quedará adscrita á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e será coordinada pola Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

A comisión de seguimento encargarase do análise da normativa estatal e doutras comunidades autónomas -con independencia de cal sexa o rango desta-, desde o punto de vista da repartición competencial, co fin de chegar a unha conclusión acerca de se as disposicións normativas son respectuosas coa repartición competencial establecida constitucional e estatutariamente. No suposto de que se aprecie vulneración da repartición competencial e sexa necesario acudir aos mecanismos establecidos nos artigos 33 e 63 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional –recurso de inconstitucionalidade e requirimento de incompetencia-, corresponde ao Consello da Xunta adoptar un acordo neste senso.

Funcións da comisión de seguimento
Entre as funcións da dita comisión atópanse o seguimento das disposicións normativas estatais publicadas no Boletín Oficial del Estado e as doutras comunidades autónomas publicadas nos diarios oficiais correspondentes, que sexan susceptibles de vulnerar as competencias recoñecidas á nosa Comunidade Autónoma. Tamén fará o seguimento e posta en común daqueles proxectos normativos dos que os centros directivos da Xunta de Galicia teñan coñecemento e que poidan vulnerar a repartición competencial e motivará e decidirá sobre a oportunidade de iniciar o procedemento de conflitividade constitucional previo a un posible acordo do Consello da Xunta.
Neste sentido, o último dos cometidos deste órgano será o seguimento dos procedementos de conflitividade iniciados pola Comunidade Autónoma galega, os formulados polo Estado fronte a disposicións normativas de Galicia, así como dos conflitos constitucionais abertos por outras comunidades autónomas fronte a disposicións normativas estatais.

Composición
A comisión de seguimento de disposicións normativas estatais comporase de dous tipos de membros: permanentes e non permanentes. Os membros permanentes da comisión serán o director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Roberto Castro, que presidirá a comisión; un representante do centro directivo responsable da tramitación dos procedementos de conflitividade constitucional, con rango de subdirector xeral ou xefe de servizo, que actuará como secretario da comisión; e o xefe do Gabinete de Asuntos Constitucionais da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia. Estes membros poderán, de ser o caso, delegar noutras persoas designadas polos titulares dos seus respectivos departamentos.

Pola súa banda, actuarán como membros non permanentes da comisión os representantes de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia, con rango polo menos de subdirector xeral ou xefe de servizo, designados para estes efectos. A representación de cada consellería asistirá a aquelas xuntanzas da comisión para as que sexa convocada en función das materias e asuntos que formen parte da orde do día. Así mesmo, poderá asistir ás xuntanzas calquera funcionario ou funcionaria ou experto cando así se considere oportuno por parte dos órganos competentes por razón das materias a tratar. A composición da Comisión de Seguimento tenderá a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes.

Xuntanzas
Con carácter xeral a Comisión de Seguimento celebrará como mínimo unha xuntanza cada mes. Non obstante poderá ser convocada, por decisión dos membros permanentes ou consellerías afectadas, en calquera momento, dependendo dos asuntos a tratar. A Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, coordinadora da comisión, elaborará unha memoria anual de actividade desta que lle será enviada a todas las consellerías.

Aceptación do primeiro requirimento de incompetencias da Xunta
Por último, hai que lembrar que o pasado 24 de xullo, o Consello de Ministros acordou aceptar o primeiro dos requirimentos de incompetencias formulado polo novo Goberno da Xunta; o relativo á Orde ESD/1062/2009, do 25 de marzo, de subvencións en materia educativa. Así, tras a intermediación da Xunta de Galicia, o Goberno central comprometeuse a modificar a próxima convocatoria das citadas subvencións adecuándoas ao marco constitucional e estatutario de distribución de competencias.

Así mesmo, o Consello da Xunta acordou tamén na súa reunión do 30 de xullo formularlle ao Goberno central un requirimento de incompetencia do Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, relativo á xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras. A Xunta, que entende que a dita norma invade as súas competencias, está á espera dunha resposta que satisfaga os intereses propios da Comunidade galega.



A XUNTA TERÁ AMPLIADO O XULGADO DE CELANOVA A COMEZOS DO ANO 2010

• O Goberno galego poderá iniciar desde xa as obras de acondicionamento logo de cederlle o concello o inmoble
• Esta operación permitirá instalar un ascensor e unha rampla que faciliten o acceso ao edificio de persoas con discapacidade

A Xunta de Galicia prevé que o Xulgado de Celenova (Ourense) estea ampliado a comezos do vindeiro ano, logo de que o concello lle cedese o inmoble afectado, polo que as obras de acondicionamento comezarán xa.

O Consello da Xunta aprobou hoxe un decreto elaborado pola Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da Consellería de Facenda, polo que se acepta esta cesión do inmoble por parte do Concello de Celanova co fin de destinalo a ampliar o xulgado. Deste xeito a Xunta avanza os trámites que permitirán cumprir o anunciado polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, na súa visita a Celanova a comezos deste mes: a reforma do xulgado Celanovés estará rematada para o inicio de 2010, cun investimento total de 300.000 euros.

Esta cesión enmárcase nun Plan de Infraestruturas Xudiciais destinado a mellorar as instalacións da Administración de xustiza en Galicia e a previr eventuais problemas de colapso. Grazas á reforma que a Xunta practicará no inmoble que acaba de recibir, o Xulgado de Celanova duplicará as súas instalacións e podendo ampliar as dependencias do arquivo, ademais de incorporar un ascensor e unha rampla que permitan adaptar o edificio para o acceso de cidadáns con discapacidade.

A anexión do local, que ocupa unha superficie construída de 287 metros cadrados, permitirá manter o xulgado celanovés na súa actual situación, a praza de Cervantes, en pleno casco histórico da vila.
Parcelas en San Cibrao
O Consello da Xunta de hoxe aprobou tamén o proxecto de decreto elaborado pola Secretaría Xeral e do Patrimonio para afectar terreos sitos no recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia para usos relacionados co Servizo Público de Estradas.

A cesión destas parcelas responde a unha petición efectuada polo Servizo Provincial de Estradas de Ourense ao Parque Tecnolóxico de Galicia (situado no termo municipal de San Cibrao das Viñas, Ourense) de 1.146 metros cadrados por mor das obras de acondicionamento da estrada OU-101. Os terreos quedarán, por tanto, adscritos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, á que lle corresponderán as súas facultades de administración, xestión e conservación.

A XUNTA TRASPASA AO CONCELLO DA GUARDA UN TRAMO DE MÁIS DE 3 QUILÓMETROS DA ESTRADA A GUARDA-FORNELOS (PO-353)

• A Lei de estradas de Galicia establece que as súas vías autonómicas ou treitos determinados, nos que a circulación adquira características urbanas, poderán ser entregadas aos respectivos concellos

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade dun tramo viario da estrada que discorre desde A Guarda ata Fornelos (PO-353), polo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas traspasa a favor do Concello da Guarda máis de 3 quilómetros desta vía. Este tramo discorre entre o punto quilométrico 0+00 ata o 3+120 e presenta unhas características que a definen como urbano, xa que posúe beirarrúas en parte do seu percorrido e ten edificacións e servizos urbanos ao longo deste.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveu favorablemente este cambio, ao considerar que os tramos mencionados adquiriron características netamente urbanas. Este ditame foi comunicado ao Concello da Guarda que manifestou a súa aceptación.

Nese senso, correspóndenlle ao concello pontevedrés todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Cómpre precisar que a entrega desta vía se formalizará, no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Cesión regulada por lei
Segundo se recolle no artigo 5 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería con competencias na materia e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outro lado, o artigo 54 deste texto legal establece que as estradas autonómicas ou os seus treitos determinados, nos que a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. Tamén se estipula que o expediente se promoverá por proposta do concello ou da Administración titular e será resolto polo Consello da Xunta.



A XUNTA TRASPASA AO CONCELLO DE ALLARIZ O TRAMO URBANO DA ESTRADA ENTRE PIÑEIRO DE ARCOS E PONTE NOALLA

• A Lei de Estradas de Galicia establece que as vías autonómicas, ou treitos determinados das mesmas, nos que a circulación adquira características urbanas, poderán ser entregadas aos respectivos concellos

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se concede o cambio de titularidade dun punto da rede viaria de Galicia ao seu paso polo Concello de Allariz. Así, toda a lonxitude do treito da estrada OU-320, que une Piñeiro de Arcos (N-525) e A Ponte Noalla (OU-105), concretamente nos puntos quilométricos 8+240, cruzamento coa rúa Roimelo, e 9+460, pasará a engrosar a lista de estradas de titularidade do Concello de Allariz.

O Concello deu a súa conformidade e aceptación previa da transferencia do treito sinalado da estrada OU-320, con data do 21 de xullo de 2008.Trátase dun treito en que as características do tráfico son as propias de zona urbana: ten beirarrúas, servizos urbanos e edificacións a ambos os lados da estrada.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveu a proposta de titularidade favorable, ao considerar que o tramo mencionado adquiriu características netamente urbanas antes mencionadas.

Nese senso, correspóndenlle a este concello ourensán todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Cómpre precisar que a entrega da vía se formalizará, no prazo de dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Cesión regulada por lei
Segundo se recolle no artigo 5 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería con competencias na materia e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outro lado, o artigo 54 deste texto legal establece que as estradas autonómicas ou os seus treitos determinados, en que a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. Tamén se estipula que o expediente se promoverá por proposta do concello ou da Administración titular e será resolto polo Consello da Xunta.


O CONSELLO DA XUNTA APROBA A ADSCRICIÓN DO CENTRO UNIVERSITARIO DA DEFENSA DA ESCOLA NAVAL DE MARÍN Á UNIVERSIDADE DE VIGO

• Os alumnos poderán cursar os estudos conducentes ao título oficial de grao que resulte da transformación do título de enxeñeiro industrial, na especialidade de mecánica

O Consello da Xunta aprobou hoxe a adscrición do Centro Universitario da Defensa da Escola Naval de Marín (CUD) á Universidade de Vigo. Lévase a cabo despois da sinatura dun convenio entre o Ministerio de Defensa e a propia universidade. Así, o CUD poderá impartir os estudos conducentes ao título oficial de grao que resulte da transformación do título de enxeñeiro industrial, na especialidade de mecánica, da Uvigo.

Así, está previsto que o Centro Universitario da Defensa (CUD) comece a funcionar co primeiro curso da titulación de grao en setembro de 2010. A partir deste ano, a súa implantación será progresiva e ofertará aos alumnos un novo curso por ano. Prevese deste xeito que o CUD imparta a titulación completa no ano 2013.

Tamén está previsto que o número máximo de prazas de matriculación no ano 2010 sexa de 120. Ademais, estímase que a capacidade máxima de matrícula, en todos os cursos do título de grao, sexa duns 500 alumnos.

O número de profesores será entre 36 e 40 aproximadamente, dos que polo menos un 60% serán a tempo completo. Isto supón un profesor por cada 12-13 alumnos. A principios do ano 2010 prevese que estará contratado o 50% dos profesores que se considera idóneo para impartir a titulación elixida.

O adecuado funcionamento do CUD será financiado pola Universidade de Vigo, así como polo Ministerio de Defensa. Ademais gozará de partidas complementarias específicas para facilitar a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Este tipo de centros universitarios proporcionará ensinanza de formación e de perfeccionamento e, ademais da capacitación profesional que proporcionarán aos oficiais, constituirán o nexo entre a comunidade universitaria e as Forzas Armadas.



O CONSELLO DA XUNTA AUTORIZA A IMPLANTACIÓN DE ENSINANZAS UNIVERSITARIAS OFICIAIS DE GRAO NAS UNIVERSIDADES DO SISTEMA UNIVERSITARIO GALEGO

• Esta medida forma parte da integración do SUG no Espazo Europeo de Educación Superior

O Consello da Xunta aprobou hoxe a tramitación do decreto polo que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias de grao no Sistema Universitario de Galicia (SUG), despois do acordo alcanzado no Consello Galego de Universidades. Así, autorízase a implantación dun total de 70 graos, dos cales 22 corresponden á Universidade de Santiago de Compostela, 24 á Universidade de A Coruña e 24 á Universidade de Vigo.

O novo deseño de ofertas de titulacións e especialidades no SUG, ademais de buscar a transmisión de coñecemento, tamén debe enmarcarse nun sistema máis aberto, diverso e versátil, que permita e favoreza unha mellor adaptabilidade a unha realidade laboral cambiante en exixencias e capacidades e que facilite e promova a formación ao longo da vida que demanda a sociedade actual.

Así, o proceso de implantación dos novos títulos de grao debe permitir o deseño dunha oferta global cun eficiente aproveitamento dos recursos para mellorar a calidade do SUG. É necesario tender unha oferta máis completa e versátil e, ao mesmo tempo, diminuír as repeticións dentro do SUG e eliminar as redundancias dentro dunha mesma universidade.

Ademais das titulacións que se imparten nun único campus e cumpren plenamente os requisitos establecidos polo Consello Galego de Universidades, previstas na primeira fase do proceso, tamén poderán adaptarse e, polo tanto, solicitar a verificación e autorización para seren implantadas no vindeiro curso 2009-2010, as restantes titulacións que cumpran os criterios de demanda, especialización ou acordo entre universidades.


O GOBERNO GALEGO AUTORIZA A SINATURA DA ADDENDA 2009 AO CONVENIO ENTRE O MINISTERIO DE INDUSTRIA, TURISMO E COMERCIO E A XUNTA, NO ÁMBITO DO PLAN AVANZA

O Consello da Xunta vén de aprobar unha addenda para o desenvolvemento dos distintos programas propostos no ámbito do Plan Avanza, que se executa a través dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. O financiamento correspondente a Galicia para o ano 2009 conta cunha achega da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información de 1.008.055 e outra de 672.037 euros por parte da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Os programas propostos no ámbito do Plan Avanza buscan a promoción de accións que impulsen na Comunidade Autónoma de Galicia a incorporación e implicación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da información dado o seu carácter de factor xerador de novas capacidades, de emprego e de desenvolvemento económico.

O Plan Avanza, que nesta segunda metade de existencia recibe o nome de Avanza2, estrutúrase a través de tres eixes principais de actuación: Cidadanía Dixital, Administración Electrónica e a Pequena e Mediana Empresa (PEME) Dixital, onde terá como reto non só a dinamización da oferta, senón fundamentalmente, o fomento da demanda e o impulso do sector económico para a consolidación dunha industria TIC especializada en sectores estratéxicos, sempre envorcado na PEME, na que se centran a maior parte dos esforzos.

O convenio responde ao mandato que a Comisión Europea realiza nos Estados Membros no seu Plan !2010“Unha Sociedade da Información para o crecemento e a ocupación”, para que elaboren antes de final de ano os programas de reformas nacionais definindo as súas prioridades para construír unha sociedade da información en liña coas orientacións adoptadas para a Comisión Europea.

Cidadanía Dixital
As liñas de actuacións do Plan Avanza2 van dirixidas á formación, promoción e difusión da sociedade da información en Galicia. En primeiro lugar, á incorporación de banda larga en novos fogares, especialmente no mundo rural, para o cal se ten posto en marcha un plan de banda langa en zonas rurais e illadas (PEBL ou Programa de Extensión da Banda Larga).

No tocante a infraestruturas TIC, o convenio terá en conta as persoas con necesidades especiais, que disporán de máis infraestruturas de acceso público e gratuíto á internet, co fin de equiparar todos os cidadáns no seu acceso á rede. Tamén nos centros para persoas en situación de dependencia, se pretende a incorporación de solucións tecnolóxicas que favorezan a vida independente destas persoas.


Administración Electrónica
Avanza2 contará con actuacións dirixidas a mellorar a interacción dos servizos públicos cos cidadáns a través da incorporación das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), co fin de mellorar os servizos públicos preferentemente nos seguintes aspectos: comercio electrónico, teleasistencia, servizos relacionados coa cultura, turismo e lecer e, servizos orientados a favorecer a accesibilidade de colectivos con necesidades especiais.

PEME Dixital
O Plan Avanza en Galicia proporcionará asesoramento personalizado á PEME no uso das TIC para a mellora dos seus procesos empresariais, mediante a elaboración de diagnósticos e plans de mellora. Por último, engadiranse esforzos para a xeneralización do uso da factura electrónica, ferramenta de alta utilidade para reducir custos e aumentar a produtividade. A factura electrónica e os procedementos telemáticos serán especialmente potenciados nas relacións das pemes coas administracións públicas.

Axudas
Poderán ser beneficiarias as entidades de dereito público e privado, sen ánimo de lucro, legalmente constituídas. O obxectivo é a organización de eventos neste ámbito, tales coma xornadas, sesións de demostración práctica do uso da internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados, que teñan por obxecto a promoción e difusión de materias relacionadas cos servizos de telecomunicación e a sociedade da información en xeral.

O plan busca tamén o desenvolvemento dos contidos dixitais e de produtos e servizos TIC, orientados á construción da denominada internet do Futuro e a implantación das infraestruturas para lograr a transición á Televisión Dixital Terrestre (TDT), entre outros.

Mediante estas axudas tamén se buscan novos proxectos tractores do uso da sociedade da información entre a cidadanía galega, así como favorecer o acceso da cidadanía á rede mediante o incremento de contidos especialmente relacionados coa lingua e a cultura propia de Galicia, reforzando a produción de contidos dixitais de calidade e fomentando a creatividade e a innovación.


Haberá tamén unha liña específica de colaboración cos colexios profesionais implantados en Galicia para os mesmos fins, así como axudas para as empresas que fagan investimentos en tecnoloxías da información e a comunicación, ben na súa infraestrutura TIC interna, ben nas aplicacións informáticas. Existirán tamén axudas destinadas especificamente a apoiar o desenvolvemento de empresas do eido das TIC (tecnoloxías da información e das comunicacións) e lograr que poidan xerar e ofertar ao mercado novos produtos e servizos TIC.




A XUNTA DE GALICIA INVISTE MÁIS DE 600.000 EUROS NUN PROXECTO DE XESTIÓN INTEGRADA DE RECURSOS HÍDRICOS PARA O CONTORNO DO ENCORO DE CECEBRE

• Augas de Galicia e a Consellería do Medio Rural formarán parte deste proxecto no que tamén participará a Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa) e o Concello de Abegondo, entidade que exercerá as funcións de coordinador

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Abegondo, Augas de Galicia, a Consellería do Medio Rural e a Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa) para a posta en marcha do proxecto Aqua Plann Project. Trátase dunha iniciativa de xestión integrada dos residuos hídricos e da aplicación dentro do plan LIC (lugar de importancia comunitaria) Abegondo-Cecebre. Esta acción hidráulica conta co apoio do Programa Life + da Comisión Europea.

Cómpre sinalar que esta iniciativa é unha experiencia piloto, que colocará a área de actuación –especialmente ao Concello de Abegondo- na vangarda da aplicación da Directiva marco da auga (DMA). Tamén servirá de futuro modelo para desenvolver unha nova cultura da auga a outras bacías e concellos galegos.

O desenvolvemento deste proxecto, que se estenderá ata o ano 2012, implica un orzamento que ascende aos 981.564 euros. A colaboración do actual Goberno galego tradúcese nun investimento de máis do 60%, é dicir, 602.486 euros, dos cales máis de 500.000 procederán das arcas de Augas de Galicia e máis de 100.000 euros serán achegados pola Consellería que dirixe Samuel Juárez. A parte restante será asumida polo Concello de Abegondo (277.078 euros) e por Emalcsa (102.000 euros).

Esta iniciativa ten un dobre obxectivo: asegurar e protexer a calidade das augas actuais na bacía hidrográfica dos ríos Mero e Barcés e no encoro de Abegondo-Cecebre e fomentar as boas prácticas no uso da auga na área metropolitana da Coruña.

Responsabilidades
Todos e cada un dos asinantes do convenio terán as súas responsabilidades, polo que o Concello de Abegondo –ademais de ser o coordinador do proxecto- terá que realizar un inventariado detallado de captacións e verteduras nas bacías do Mero e Barcés, unha diagnose e estudo do estado actual da calidade das augas subterráneas, un estudo de viabilidade de melloras no abastecemento e saneamento da poboación rural dispersa do municipio de Abegondo e promocionar boas prácticas nas captacións de augas subterráneas e nas solucións de autosaneamento.

Outros compromisos da entidade local serán establecer unha mesa de participación cidadá para a xestión hídrica da bacías e das políticas de tarificación, un sistema de audiencias públicas ambientais e definir a metodoloxía de integración da DMA na planificación local.

Ademais, o Concello de Abegondo deberá implantar a organizacións dunhas xornadas sobre a auga, así como seguir e avaliar os impactos, eficacia e beneficios do proxecto.

No caso de Augas de Galicia, este organismo terá que implantar unha rede piloto para o control automático de verteduras mediante a monitorización da calidade das augas na bacía, recuperar a calidade e aseguramento da potabilidade dos mananciais públicos no municipio de Abegondo e executar os sistemas piloto de saneamento baseados en tecnoloxías brandas. Realizar unha campaña explicativa dos principios da DMA en toda a bacía e a área metropolitana tamén será unha das obrigas de Augas de Galicia.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural encargarase de mellorar os bosques de ribeira no ámbito do encoro e optimizará o aproveitamento do xurro porcino como fertilizante orgánico.

Por último, Emalcsa terá catro obrigas. A primeira será analizar o risco de contaminación da bacía e o deseño dun plan de continxencia; a segunda realizar un estudo detallado da calidade das augas, a colmatación e o grao de eutrofización (cando as augas se quedan sen oxíxeno e rexistran un alto número de nutrientes) do encoro Abegondo-Cecebre; a terceira das obrigas será realizar campañas de sensibilización na área de Coruña e, por último, organizar xornadas sobre as augas, igual que o Concello de Abegondo.







O GOBERNO GALEGO INVESTIRÁ 350.000 EUROS PARA DOTAR DUNHA REDE DE AUGA POTABLE A 14 NÚCLEOS DO CONCELLO DE PANTÓN

• A actuación céntrase na construción dun depósito abastecido mediante bombeo e unha rede de distribución de 16 quilómetros
• A Xunta financiará o total do proxecto, distribuíndo o importe en dúas anualidades
• As obras incidirán directamente na calidade de vida de preto de 400 habitantes e mellorarán as condicións en que estes desenvolven os traballos agropecuarios
• O prazo de execución estimado é de seis meses

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas executará as obras de abastecemento de auga aos núcleos de Areas, Balboa, Eirexe, A Lagariza, Marce, Mora, Outeiro, Penelas, Ramos, Rechelo, Retoral, Rubiás, San Román e Vilar, no concello lucense de Pantón.

O Consello da Xunta autorizou hoxe un gasto de 350.000 euros para financiar estas actuacións, distribuídos en dúas anualidades: 116.666 euros para o presente ano e 233.333 para o vindeiro.

Cómpre salientar que as obras obxecto da proposta corresponden ao programa de construción de infraestruturas en concellos que teñen un presuposto insuficiente para financialas. En concreto, a citada actuación pretende dotar dunha rede de auga potable os mencionados lugares de Pantón.

O abastecemento a estes núcleos deséñase mediante unha captación mediante pozo de barrena, un depósito con sistema de cloración de 105 metros cúbicos de capacidade que será fornecido mediante un bombeo e unha rede de distribución formada por 16 quilómetros de tubaxes.

As obras incidirán directamente na calidade de vida de preto de 400 habitantes, e mellorarán as condicións en que estes desenvolven os traballos agropecuarios.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estima un prazo de execución das obras de abastecemento de seis meses.



A XUNTA FINANCIA O 100% DAS OBRAS DA TERCEIRA FASE DO SANEAMENTO DO CONCELLO DE VALGA, POR UN IMPORTE DE PRETO DE 700.000 EUROS

• A Xunta anterior ao bipartito xa investiu 2,5 millóns de euros entre 2004 e 2005 nas fases 1ª e 2ª para dotar Valga dunha infraestrutura básica de saneamento e depuración
• Esta actuación supón un paso máis no saneamento da marxe esquerda da ría de Arousa, no marco do plan de choque elaborado pola Xunta
• Cómpre lembrar que o Goberno galego, xunto con Augas de Galicia, asinou a finais de xullo un convenio de colaboración co Concello de Valga, para dar unha solución aos problemas de inundacións neste concello, por mor do desbordamento do curso do río Soutiño

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura do acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Valga para levar a cabo as obras da terceira fase dunha actuación de saneamento neste municipio pontevedrés.

O departamento que dirixe Agustín Hernández financiará ao 100%, con case 700.000 euros, esta actuación hidráulica que consistirá no deseño dunha rede de tres colectores principais (dous discorrerán paralelos á vía de ferrocarril para poder conectar coa rede actual e un terceiro colector recollerá todos os ramais que prestan servizo aos pequenos núcleos) e unha rede de ramais secundarios de curto percorrido que acometen á rede principal.

Esta actuación supón un paso máis no saneamento da marxe esquerda da ría de Arousa, no marco do plan de choque elaborado pola Xunta

O obxectivo consiste en ampliar a rede de saneamento actual para dar servizo aos núcleos de Castiñeiras e Laxe, beneficiándose deste xeito unha poboación actual de 678 habitantes e no futuro –con novas conexións- preto de 1.000 persoas.

Esta infraestrutura levará tubaxes de PVC de 315 mm de diámetro. O proxecto de saneamento tamén estipula como necesaria a instalación dun colector de impulsión de 687 metros de lonxitude e a canalización de polietileno cun diámetro de 160 mm de grosor.

Por último, o proxecto desta terceira fase tamén implica a instalación do bombeo, que estará formada por dúas bombas de 4,7kW de potencia, cunha capacidade de bombeo de 11,8 litros por segundo, cos seus correspondentes accesorios, e controladas mediante un cadro eléctrico que se conecta á rede de baixa tensión existente.

A través desta colaboración, o Concello de Valga comprométese a entregar os terreos e a auga necesarios para a correcta execución das obras, expoñer ao público o proxecto durante 20 días hábiles e a asumir a explotación, o mantemento e a conservación das obras.

Razóns da colaboración
A Xunta de Galicia colabora e rubrica, a través de Augas de Galicia, este tipo de colaboración coas entidades locais debido á escasa capacidade financeira dos concellos. Ademais, estas obras –obxecto da proposta- sempre deben corresponder á construción de infraestruturas en concellos con orzamentos insuficientes para financialas e sobre todo, cando a actuación é para dar continuidade, como é este caso, ao saneamento do concello.

Traballos da 1ª e 2ª fase
A Administración autonómica xa financiou as obras de actuación da primeira e segunda fase do saneamento no Concello de Valga. As accións da primeira fase proxectáronse debido a que a totalidade dos núcleos habitados nas parroquias do Concello de Valga carecían dunha infraestrutura básica de saneamento e de depuración de verteduras das súas augas residuais. Nese senso, formulouse a construción dunha EDAR e dunha rede de colectores que recollerá as verteduras das parroquias de Campaña, Xanza, San Miguel de Valga e Setecoros. A obra contou cun orzamento de 2,2 millóns de euros e o prazo de execución foi de 36 meses. A empresa adxudicataria das obras foi a UTE–Movex Vial– Demain– Hidroscivil e foi recibida en marzo de 2004.

En canto ás obras da segunda fase, deseñouse e construíuse a ampliación da EDAR para dar servizo á parroquia de Cordeiro, unha actuación que implicou a realización dunha rede de colectores, dun pozo de bombeo e unha impulsión, así como a reposición do servizos afectados. O orzamento achegado pola Administración autonómica ascendeu a 292.165 euros e foi adxudicada á empresa Eiriña S.L. O prazo de execución estipulado foi de 8 meses e, finalmente, foi recibida en novembro de 2005.

Outras actuacións
Cómpre lembrar que o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas presidiu a finais de xullo a sinatura dun convenio de colaboración entre a consellería que dirixe, Augas de Galicia e o Concello de Valga. O obxecto desta colaboración é establecer os compromisos e responsabilidade das tres administracións para a execución das obras que se levarán a cabo coa finalidade de dar unha solución aos problemas de inundacións no concello de Valga, por mor do desbordamento do curso do río Soutiño.

Tal e como se recolle no texto do convenio rubricado, o importe desta obra de mellora hidráulica elévase a 215.369 euros, que sería financiado ao 100% polo departamento que dirixe Agustín Hernández.

Con esta actuación preténdese conseguir un incremento da capacidade hidráulica do río ao seu paso por este concello pontevedrés, debido a escasa cabida que presenta na actualidade. Desta obras derivaranse beneficios directos tanto para o medio rural como para os habitantes da zona.




MEDIO AMBIENTE CLAUSURARÁ CATRO VERTEDOIROS NOS CONCELLOS DE POL E RIÓS, CUN INVESTIMENTO SUPERIOR AOS 500.000 EUROS

• As actuacións están previstas no Programa de rexeneración de espazos degradados
• A Xunta realiza o 100% do financiamento, dentro do acordo de colaboración técnico - financeira cos concellos
• Na actualidade existen 30 vertedoiros en proceso de clausura e selaxe, dos que 7 están en execución, 10 en fase de contratación e 13 en estudo. Todos eles estarán eliminados no horizonte do 2012, cun investimento de 5 millóns de euros
• No período 2000/2008 clausuráronse en Galicia un total de 223 vertedoiros

A Xunta de Galicia aprobou esta mañá no Consello un acordo de colaboración técnico-financeira cos concellos de Pol e Riós para a execución das obras de adecuación, selaxe e clausura dun total de catro vertedoiros, tres deles situados nos lugares de Mosteiro, Cirio e Rioxoán, no citado municipio lucense, e un no lugar de Marcelín, no concello da provincia de Ourense.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas achega o 100% do financiamento. O investimento total ascende a 533.132 euros, dos que 153.551 corresponden ás obras de clausura en Pol, e 379.146 euros á selaxe que se levará a cabo en Riós. As actuacións xa contan co proxecto redactado e sairán a licitación de xeito inmediato. O prazo de execución será de dous meses e medio no caso do municipio lucense e de tres meses e medio nos traballos que se levarán a cabo no municipio ourensán.

As obras consistirán na selaxe e a posterior restauración do contorno. Concretamente, as accións prevén:

• Control de accesos
• Control da estabilidade da cuberta da selaxe
• Control de escorrentía superficial
• Cuberta de selaxe e acondicionamento do terreo
• Recollida e control de lixiviados
• Control de gases
• Roza e revexetación
• Seguimento e control ambiental

Con estas actuacións preténdese a máxima integración no medio destas áreas degradadas que se enmarcan na normativa que regula a colaboración técnico-financeira da consellería que dirixe Agustín Hernández e as entidades locais.


En concreto, os traballos de selaxe en Pol e Riós están previstos no programa de rexeneración de espazos degradados incluídos no Plan Xeral de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que posibilita a execución por parte da Xunta de Galicia de obras en materia de xestión de residuos, incluíndo a recuperación de espazos degradados por verteduras e os proxectos técnicos nos termos municipais da comunidade autónoma.

Accións
A previsión do departamento de Hernández é que no horizonte de 2012 se selen todos os vertedoiros de Galicia, salvo aqueles que nese momento poidan ter autorización e se atopen en fase de explotación. Para acadar ese reto, o Goberno galego investirá un orzamento de 5 millóns de euros. Na actualidade existen 30 vertedoiros en proceso de clausura e selaxe, dos que 7 están en execución, 10 en fase de contratación (entre os que se atopan os de Pol e Riós) e 13 en estudo. Segundo apuntou Hernández no período 2000/2008 clausuráronse un total de 223 vertedoiros.



ECONOMÍA E INDUSTRIA RENOVA A SÚA COLABORACIÓN CO PROXECTO NANOBIOMED APROBANDO UNHA NOVA ACHEGA DE 50.000 EUROS

O Consello da Xunta de Galicia aprobou a ampliación da colaboración da Consellería de Economía e Industria coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo para o cofinanciamento do proxecto Nanobiomed, un traballo de investigación sobre a aplicación de nanotecnoloxías á biomedicina. Este proxecto está subvencionado polo programa Consolider, un conxunto de accións do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía para fomentar a I+D+i e consolidar a colaboración entre equipos de investigación de alto nivel.

A achega correspondente a 2009 ascende a 49.364 euros, dos que 35.000 euros corresponden á Universidade de Santiago de Compostela e 14.364 euros á Universidade de Vigo. A suma desta cantidade ás achegas correspondentes a 2007 e 2008 fai que a cifra investida pola Xunta de Galicia nas tres primeiras anualidades do proxecto, que ten unha duración de cinco anos, sexa de 223.728 euros.

Fármacos intelixentes e novos métodos de diagnóstico
O proxecto Nanobiomed, liderado polo Instituto de Nanociencia da Universidade de Zaragoza, propón un programa de actividade investigadora integral, centrada na aplicación das nanopartículas das áreas de nanoterapia e nanodiagnose e xuntando a experiencia de científicos relevantes das áreas de física, química, bioquímica, farmacia e medicina. Colaboran no proxecto 60 investigadores pertencentes a grupos de investigación de Aragón, Galicia e Cataluña. A dotación orzamentaria chega aos 4.500.0000 euros.

A investigación procura acadar a prevención e a cura de enfermidades aplicando sofisticadas técnicas de preparación e caracterización de novos materiais en forma de nanopartículas. Grazas a estes materiais, estase a traballar no desenvolvemento de fármacos intelixentes, métodos de diagnose baseados en biosensores e novos axentes de contraste para mellorar a resolución das imaxes de resonancia magnética.

Dentro do grupo de traballo de Nanobiomed, as dúas universidades galegas teñen asignadas tarefas como o deseño de nanomedicinas, o desenvolvemento de nanopartículas para o transporte e a liberación de fármacos, a aplicación de nanotecnoloxías ao diagnóstico médico, o estudo da biocompatibilidade e da eficacia de nanomateriais con finalidade terapéutica e o desenvolvemento de anticorpos específicos e técnicas que permitan a súa unión a nanopartículas. Corresponde ademais ás universidades de Vigo e de Santiago a coordinación de tres liñas específicas de actuación das oito en que se divide o proxecto, ademais da tarefa de fomentar a investigación interdisciplinar dentro do ámbito das nanotecnoloxías na CBomunidade galega.

A CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA COLABORA COA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO NO PROXECTO NOVEDAR SOBRE O TRATAMENTO DE AUGAS RESIDUAIS

A Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i, achegará á Universidade de Santiago de Compostela 70.035 euros para o cofinanciamento das actividades correspondentes a 2009 do proxecto Novedar (novas estacións depuradoras de augas residuais). Liderado pola universidade compostelá, este proxecto está inscrito no programa estatal Consolider e o período de vixencia é do pasado ano até 2012. A cantidade investida pola Dirección Xeral de I+D+i nos dous primeiros anos supera os 140.000 euros.

O proxecto Novedar procura o desenvolvemento, a implementación e a avaliación de tecnoloxías para o tratamento e recuperación de recursos de augas residuais. Ademais do grupo de enxeñaría ambiental e bioprocesos da USC, participan no traballo outros 10 equipos de investigación das universidades de Cantabria, Barcelona, Cádiz, Girona, Valencia, Murcia, Valladolid, Delft e Wageningen (Holanda), así como o Centro de Estudos e Investigacións Técnicas de Gipúzkoa.

Tecnoloxías innovadoras para depuradoras
A investigación céntrase na concepción sustentable das plantas de tratamento de augas residuais, incluíndo avances para minimizar os consumos de enerxía e produción de lodos, mellorar a seguridade e fiabilidade das plantas e recuperar recursos (incluíndo auga, nutrientes, enerxía, etc.). A duración do proxecto é de cinco anos e conta cunha dotación orzamentaria total de 4,5 millóns de euros.

Os obxectivos xerais do proxecto son desenvolver novos procesos e tecnoloxías para o tratamento de augas residuais e lodos, estudar o problema desde un punto de vista global e multidisciplinar, transferir tecnoloxía eficazmente e formar a científicos e técnicos altamente cualificados.

A participación da Universidade de Santiago de Compostela no proxecto engloba tarefas de coordinación, actividades científico-tecnolóxicas e de formación. No referente á actividade científico-tecnolóxica, o grupo da USC é o responsable do desenvolvemento dos procesos tecnolóxicos para a eliminación da materia orgánica, dos nutrientes e de microcontaminantes das augas residuais, así como de coordinar o módulo de traballo sobre “Estratexias de xestión para diferentes escenarios e horizontes temporais”.


O CONSELLO DA XUNTA AUTORIZA A AMPLIACIÓN DA COLABORACIÓN EDUCATIVA ENTRE EDUCACIÓN E A FUNDACIÓN DE EXPOSICIÓNS E CONGRESOS DA ESTRADA

• O convenio proporciona financiamento á impartición do ciclo formativo de fabricación á medida e instalación de carpintería e moble.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a cuarta addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada para dar continuidade á colaboración educativa nas ensinanzas de formación profesional, en virtude do convenio asinado o 24 de novembro de 2005.

O citado documento recolle, entre outras accións, a implantación na dita fundación de ensinanzas da familia profesional de madeira e moble, en concreto do ciclo formativo de grao medio de fabricación á medida e instalación de carpintaría e moble.

Mediante a sinatura do convenio, a Consellería de Educación comprometeuse a asumir os gastos de funcionamento orixinados pola impartición deste ciclo, de xeito compartido nas instalacións do Instituto de Educación Secundaria Antón Losada Diéguez, e nas da citada fundación.

Ademais, unha cláusula do propio convenio establecía a prórroga por acordo expreso das partes a través da correspondente addenda anual.

Agora o Consello da Xunta, para dar continuidade ás ensinanzas, autoriza esta cuarta addenda. En virtude da ampliación do convenio a consellería transferirá ao IES Antón Losada Diéguez un importe máximo de 30.050 euros repartidos nas anualidades de 2009 e 2010, contía estimada necesaria para atender os gastos ordinarios de funcionamento destas actividades formativas.

Esta cuarta addenda estenderá a súa vixencia ata setembro de 2010, data en que poderá prorrogarse por acordo expreso das partes.

Con esta ampliación do convenio, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mostra o seu compromiso coas actividades da formación profesional, nun momento en que se sitúan como un menú de oportunidades para mellorar o currículo dos estudantes galegos, no contexto actual de crise económica e do mercado laboral.



O CONSELLO DA XUNTA APROBA A CONVOCATORIA DE BOLSAS PARA A REALIZACIÓN DE ESTUDOS DE ESPECIALIZACIÓN EN INTERPRETACIÓN MUSICAL

• O obxectivo é acadar a máis alta capacitación dos titulados formados en conservatorios galegos

O Consello da Xunta autorizou hoxe o compromiso de gasto plurianual correspondente á orde pola que se convocan bolsas para a realización de estudos de especialización no ámbito da interpretación musical no ano académico 2009-2010. O obxectivo é lograr a máis alta capacitación profesional dos titulados superiores nos conservatorios galegos, ademais de garantir que as ensinanzas artísticas superiores se sumen á progresiva harmonización dos sistemas de formación que esixe a plena consecución dos obxectivos de converxencia establecidos no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destina un total de 50.000 euros para estas bolsas de especialización, repartidos en dúas anualidades, con cargo aos exercicios dos anos 2009 e 2010. A contía total distribuirase en bolsas de ata 5.000 euros para cada un dos beneficiarios, que deberán cursar os correspondentes estudos durante o curso escolar 2009/2010.

Para optar a estas axudas, os solicitantes deberán ser menores de 26 anos, estar admitidos en niveis de posgrao para este vindeiro curso que comeza e ter superado os estudios superiores de música en calquera especialidade instrumental nalgún dos conservatorios superiores de música de Galicia. En todo caso, e polas especiais características dos estudos de interpretación musical, a convocatoria establece que se poderán admitir, en función do interese do proxecto e da valía dos candidatos, proxectos que non conduzan á obtención de títulos de posgrao.

O prazo de solicitude será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e os aspirantes ás bolsas deberán presentar, ademais da certificación académica e os documentos persoais pertinentes, unha memoria explicativa do proxecto de estudos e unha gravación recente en formato DVD. A selección dos candidatos farase en dúas fases: unha primeira de preselección, con base na nota media do expediente académico e na memoria do proxecto; e unha segunda que consistirá na realización dunha proba práctica de carácter público.

Estas bolsas son incompatibles con outras axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado. A resolución de concesión das axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, http:/www.edu.xunta.es/ea.


APROBADOS OS PROXECTOS DE ACORDO ENTRE O SERGAS E OS CENTROS SANITARIOS SANTA TERESA, SAN RAFAEL, LA ESPERANZA, MODELO E LA ROSALEDA PARA A ACTIVIDADE QUE SE VAI REALIZAR NO 2009

• Os acordos establécense en relación á prestación por parte destes cinco centros dos servizos sanitarios prestados a beneficiarios da Seguridade Social protexidos polo Sergas

O Consello da Xunta de Galicia reunido no día de hoxe acaba de aprobar os proxectos de acordo do Servizo Galego de Saúde co Policlínico Santa Teresa, o Instituto Médico Cirúrxico San Rafael, e o Sanatorio Cirúrxico Modelo da Coruña; así como co Instituto Policlínico La Rosaleda e o Hospital Nuestra Señora de La Esperanza, ambos os dous últimos situados en Compostela.

Os acordos hoxe aprobados autorizan a sinatura das claúsulas adicionais ao concerto suscrito entre o Servizo Galego de Saúde e os anteditos cinco centros sanitarios da nosa comunidade, mediante a que se actualiza a carteira de servizos, os conceptos facturables e as tarifas aplicables, así como o importe estimado para o 2009 en relación á prestación dos servizos sanitarios prestados por estes cinco centros a beneficiarios da Seguridade Social protexidos polo Sergas. As tarifas serán as mesmas que estaban vixentes para o 2008, sen incremento ningún.

Con base no anteriormente dito, o acordo entre o Sergas e o Policlínico Santa Teresa para o 2009 é por un importe de 7.500.000 euros; co Instituto Policlínico La Rosaleda de 3.900.000 euros; co Hospital Nuestra Señora de La Esperanza de 3.240.000 euros; co Instituto Médico Cirúrxico San Rafael de 7.800.000 euros; e, por último, co Sanatorio Cirúrxico Modelo o acordo do Sergas supón unha cifra de 2.000.000 de euros.



A XUNTA DESTINA 80.000 EUROS ÁS AXUDAS PARA PAGAR A SEGURIDADE SOCIAL DOS TRABALLADORES QUE PERCIBISEN A PRESTACIÓN DE DESEMPREGO NUN ÚNICO PAGAMENTO

• O Consello da Xunta autorizou hoxe á Consellería de Traballo e Benestar a establecer compromisos de carácter plurianual na orde que regula esta medida
• O departamento autonómico dedicará entre 2009 e 2011 unha contía de 240.000 euros, 80.000 cada ano
• Os galegos e galegas que opten á convocatoria deben ter adquirido a condición de socio ou socia traballador ou traballadora dunha cooperativa ou sociedade laboral con sede en Galicia ou terse constituído como autónomo sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual o superior ao 33 por cento, entre outros requisitos

O Consello da Xunta realizado hoxe aprobou a convocatoria de axudas que establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único.

En concreto, autorizouse a Consellería de Traballo e Benestar a establecer compromisos de carácter plurianual na orde que regula estas axudas. Así, o departamento autonómico destinará entre 2009 e 2011 unha contía de 240.000 euros, 80.000 euros cada ano.

Os galegos e galegas que desexen acollerse a esta iniciativa, implantada no ano 1994 pola Orde ministerial do 13 de abril de 1994, deberán cumprir os seguintes requisitos: que percibisen a prestación por desemprego, de nivel contributivo, na súa modalidade de pagamento único; que optasen polo aboamento, nunha única vez, da totalidade da prestación por desemprego; que adquirisen a condición de socio ou socia traballador ou traballadora dunha cooperativa ou sociedade laboral con sede en Galicia ou que se constituísen como autónomo ou autónoma, sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual o superior ao 33%; que iniciasen a actividade dentro do mes seguinte á percepción da prestación de pagamento único ou atoparse en fase de iniciación; e, por último, estar dado de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Os interesados en percibir estas subvencións terán que presentar a súa solicitude nos rexistros dos respectivos departamentos autonómicos da Consellería de Traballo e Benestar. Os impresos e anexos do programa están dispoñibles na páxina web da área autonómica: http://traballo.xunta.es

O prazo de presentación das peticións rematará o próximo 15 de setembro. A persoa beneficiaria do aboamento de cotas á Seguridade Social deberá presentar unha única solicitude por todas as mensualidades ás que teña dereito no prazo de 6 meses contados desde o derradeiro día do primeiro mes en que poida percibir a axuda. Cando este período remate con posterioridade ao 15 de setembro, a solicitude poderá entregarse a partir do 1 de xaneiro do exercicio seguinte e ata o 31 de maio. Se as primeiras mensualidades son as correspondentes ao cuarto trimestre do ano, a solicitude poderá presentarse ata o 30 de xuño do ano seguinte.



TRABALLO FINANCIARÁ CON 143.000 EUROS A REFORMA DUN EDIFICIO PARA DESTINALO A LOCAL DE ENSAIO NA POBRA DO CARAMIÑAL

• O Consello da Xunta autorizou hoxe ao departamento autonómico a sinatura dun convenio de colaboración co concello para levar a cabo as obras
• O Goberno galego subvencionará en tres anualidades o 95% dos traballos. Así, a Administración local destinará preto de 6.800 euros á redacción do proxecto e ao estudo básico de seguridade e saúde
• O obxectivo desta iniciativa é acadar unha cobertura adecuada e o máis ampla posible de apoio á xuventude galega

A Xunta destinará unha achega de 142.966 euros á creación dun local de ensaio nunhas instalacións de titularidade municipal na Pobra de Caramiñal. En concreto, a partida económica dedicarase ás obras de ampliación, reforma e acondicionamento dun edificio situado no lugar do Camiño Ancho-A Figueira e o seu equipamento. Para poder levar a cabo esta actuación, o Consello da Xunta celebrado hoxe autorizou a Consellería de Traballo e Benestar para a sinatura dun convenio de colaboración co Concello da Pobra do Caramiñal.

O departamento autonómico repartirá a súa achega, que supón o 95% do custo total dos traballos, en tres anualidades. Así, 53.250 euros serán para este ano; 62.514 para 2010; e 27.202 euros para 2011.

A obra ten un orzamento inicial de 149.694 euros polo que o Concello investirá os 6.728 euros restantes, un gasto correspondente aos honorarios de redacción de proxecto e ao estudo básico de seguridade e saúde, así como do estudo xeotécnico. Ademais, a Administración local encargarase de levar a cabo a licitación e posterior contratación das obras. O novo local deberá ter en conta a normativa de protección contra a contaminación acústica de Galicia, dada as características do seu uso.

O Concello, por último, deberá comprometerse a facilitar á Consellería de Traballo e Benestar a utilización das instalacións para a realización de actividades cando sexa posible, segundo a programación que exista en cada momento.

O departamento autonómico, a través da Dirección Xeral de Xuventude, salientou que o obxectivo desta iniciativa é acadar unha cobertura adecuada e o máis ampla posible de apoio á xuventude, unha das finalidades do programa de actuación da Consellería.


MEDIO RURAL E MARM ACTIVAN UN PROGRAMA PILOTO PARA O DESENVOLVEMENTO RURAL SUSTENTABLE DOTADO CON 17 MILLÓNS

• A combinación da mellora na calidade de vida e a protección da natureza é o obxectivo da actuación
• Un total de 104 concellos, en 19 comarcas distintas, beneficiaranse do acordo

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión desta mañá a sinatura dun convenio entre a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño para a realización dun programa piloto de desenvolvemento rural sustentable, dotado con 17 millóns de euros, dos cales cada Administración achega a metade, e que se levará a cabo entre o presente ano 2009 e o seguinte 2010.

Segundo establece o propio convenio, “as zonas seleccionadas constitúen áreas nomeadamente rurais, con escasa densidade de poboación, elevada significación da actividade agraria, baixos niveis de renda, illamento xeográfico e dificultades na vertebración territorial”, o que fai que conformen “un escenario privilexiado para servir como referente experimental na implantación de novas estratexias, accións e programas capaces de unificar a mellora da calidade de vida dos seus habitantes, a conservación dos recursos naturais e o uso racional do territorio”.

Ambas administracións, por mor do acordo, comprométense a executar unha serie de accións nos eidos “ambiental, social e económico”, que dean prioridade ás “necesidades máis importantes e urxentes en cadansúa zona”.

Concellos afectados
Tras o estudo pormenorizado das devanditas necesidades, o convenio estipula actuacións en 19 comarcas e 104 concellos das catro provincias. Na da Coruña, o número total de concellos beneficiados é de 15, das comarcas de Ordes, Terra de Melide e Arzúa. Na provincia de Lugo, tiran proveito do acordo un total de 48 concellos, das comarcas de Chantada, Terra de Lemos, Terra Chá, Quiroga, Lugo, Sarria, A Ulloa, Meira e Os Ancares.

Na demarcación de Ourense, son 28 os concellos en que se executarán accións, pertencentes ás comarcas de Terra de Caldelas, Terra de Trives, Ourense e Valdeorras. Finalmente, na provincia de Pontevedra o convenio actúa en 13 municipios das comarcas da Paradanta, Deza e Tabeirós-Terra de Montes.


O PLAN DE INFRAESTRUCTURAS XUDICIAIS INVESTIRÁ MÁIS DE 97 MILLÓNS DE EUROS PARA OBRAS DE REHABILITACIÓN E NOVA CONSTRUCIÓN DE EDIFICIOS XUDICIAIS

• O borrador elevado hoxe ao Consello da Xunta será remitido aos sindicatos e aos distintos axentes do sector antes da súa aprobación definitiva
• O plan prevé actuacións a curto e medio prazo para paliar as deficiencias actuais e anticiparse ás necesidades futuras

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, presentou hoxe ao Consello da Xunta o borrador do Plan de Infraestruturas Xudiciais, que prevé un investimento de máis de 97 millóns de euros a curto e medio prazo para levar a cabo obras de rehabilitación, ampliación ou nova construción de edificios xudiciais en Galicia.

O borrador foilles avanzado polo conselleiro aos membros da Comisión Mixta entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e, unha vez informado hoxe o Consello da Xunta, será consultado coa Comisión Mixta da Fiscalía, cos colexios de avogados e procuradores e cos representantes dos traballadores da Administración de xustiza.

O obxectivo do Goberno galego é paliar as actuais deficiencias e prever as necesidades estruturais da planta xudicial galega para o futuro. Trátase dunha planificación das actuacións futuras tendo en conta as dotacións actuais e as previsións de incremento da planta xudicial, de tal xeito que se detecten as necesidades e se anticipen posibles problemas.

Así, acometeranse por unha banda as reformas físicas necesarias en edificios en funcionamento na actualidade e por outra preverase a construción de novos edificios naqueles casos en que o crecemento da planta xudicial desborde a capacidade física dos actuais.

Para realizar unha aproximación rigorosa ás que poden ser necesidades dos órganos xudiciais nos vindeiros oito anos, partiuse da premisa de que o Ministerio de Xustiza lle asigne a Galicia unha media de oito novos órganos xudiciais ao ano, tendo en conta a carga de traballo de asuntos de entrada por órgano xudicial, así como a súa evolución e proxección, debidamente confrontada coas memorias de necesidade do TSXG.

O plan divídese en dúas partes, cun prazo de seis anos para súa execución, con actuacións a curto prazo e a medio prazo. No primeiro período están previstas obras de rehabilitación ou nova construción en dez partidos xudiciais, cun orzamento de máis de 50 millóns de euros, aos que se suman outros dez millóns que xa están en execución. Ademais hai obras de mantemento por 2,7 millóns de euros.

En canto ao medio prazo, a Xunta prevé a construción de sete novos edificios xudiciais, cun orzamento de 27,4 millóns de euros, aos que hai que engadir outros 2,3 millóns de euros estimados para a implantación da nova oficina xudicial.


A CONSELLEIRA DE SANIDADE INFORMOU AO CONSELLO DA XUNTA DA TRAMITACIÓN DO EXPEDIENTE PARA A COMPRA DE MATERIAL DE PROTECCIÓN PARA FACER FRONTE Á GRIPE A

• O importe é de 25.778.333 euros
• Ademais, Sanidade vai poñer en marcha unha campaña informativa sobre gripe A, para chegar dun xeito comprensible á totalidade da poboación e prestar especial atención aos grupos de risco
• A campaña pretende promover na sociedade galega unha actitude xeral informada e intelixente sobre esta patoloxía
• Distribuiranse folletos e carteis en colexios, institutos, centros de saúde e farmacias, entre outros organismos e institucións

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, informou hoxe ao Consello da Xunta que o seu departamento xa ten tramitado o expediente para a compra de protección para facer fronte á pandemia da gripe A.

Os protocolos de preparación para enfrontarse a esta pandemia recollen, entre outras medidas, a de facer provisión de materiais e recursos necesarios, entre os que se atopan sistemas de protección contra a transmisión. Por conseguinte, faise necesario efectuar a compra destes materiais considerados imprescindibles, sen que sexa posible adaptarse aos prazos de contratación administrativa habituais, que en casos como este resultarían excesivos.

O expediente do que hoxe informou a titular da carteira sanitaria do executivo galego xa está tramitado, por un importe 25.778.333 euros, e comporta a compra de máscaras, batas, luvas, desinfectantes, entre outros materiais.

Campaña informativa sobre gripe A
Así mesmo, na reunión de hoxe do executivo galego, Pilar Farjas Abadía deu a coñecer unha campaña informativa sobre gripe A, que a Consellería de Sanidade vai poñer en marcha, co fin de promover na sociedade galega unha actitude xeral informada e intelixente sobre esta patoloxía.

Esta campaña informará de xeito claro, próximo e oficial sobre a gripe A, para chegar dun xeito comprensible á totalidade da poboación e prestar especial atención aos grupos de risco.

A través dela, colocaranse carteis e distribuiranse folletos en centros de saúde, colexios, institutos e farmacias, co protocolo para seguir fronte á gripe A. Por conseguinte, por medio desta iniciativa, a Consellería de Sanidade achegará á cidadanía galega as principais mensaxes que debe coñecer sobre esta patoloxía, facendo a información máis próxima e accesible.

O PLAN CONTRA O FURTIVISMO INCREMENTA OS RESULTADOS DE COMISOS E INCAUTACIÓNS

• O número de comisos foi de 18.361 quilogramos de especies capturadas ilegalmente
• Incautáronse 1.503 aparellos máis que no mesmo período do ano anterior

O Consello da Xunta deu conta dun informe da Consellería do Mar sobre os resultados acadados ata o momento dentro do Plan de loita contra o furtivismo posto en marcha no litoral galego o pasado mes de xuño polo Goberno galego en colaboración co sector e coas distintas forzas de seguridade do Estado.

O informe analiza os datos obtidos desde que se puxo en marcha o plan e fai unha comparativa cos do mesmo período do ano pasado. Dende o 3 de xuño ata o 24 de agosto de 2009, o Servizo de Gardacostas de Galicia comisou un total de 18.361,6 quilos de especies capturadas de xeito ilegal, fronte aos 900,2 quilos comisados no mesmo período no ano 2008 (preto dun 2.000% máis). A Consellería do Mar evitou que 15.039 quilogramos de bivalvos ilegais chegaran aos consumidores fronte aos 272 quilogramos aprehendidos en 2008. Comisáronse ademais 1.227 quilos de cefalópodos, 1.047 quilogramos máis ca no mesmo período do ano anterior. Os quilos comisados de crustáceos foron 705 en 2009 e 179 en 2008. Respecto aos peixes, nestes dous meses e medio aprehendéronse 1.388 quilos que contrastan cos 263 comisados o ano pasado.

O Plan de loita contra o furtivismo supuxo a retirada de 5.705 útiles e materiais destinados á pesca ilegal, cando no mesmo período do ano anterior se retiraron 4.202 aparellos. Só no relativo a nasas se incautaron 4.678 fronte ás 3.002 do ano anterior. No que atinxe ás artes de enmalle foron retiradas 711 (306 máis ca no 2008). Entre artes de marisqueo, medios, anzois e outras artes comisáronse un total de 316 unidades.

Os efectivos mobilizados neste plan por parte do Servizo de Gardacostas da Consellería do Mar están sendo 2 helicópteros, 24 embarcacións, 73 vehículos e 141 axentes.