20 agosto 2009

Juárez pasa por GADISA y da su bendición...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, e mailo director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, realizaron esta mañá unha ampla visita ás instalacións centrais de Gallega de Distribuidores de Alimentación (GADISA), no betanceiro polígono industrial de Piadela. Alí foron recibidos, entre outros, polo vicepresidente executivo da empresa, Roberto Tojeiro.

A visita enmárcase na toma de contacto directa que o titular de Medio Rural está a levar a cabo con algúns dos axentes sociais e económicos do sector, coa fin de coñecer de primeira man as súas inquedanzas, necesidades e fortalezas. Neste senso, cómpre salientar que Gadisa é un dos grandes alicerces sobre os que se asenta a distribución e comercialización de boa parte da produción do agro galego.

Antes da visita, o conselleiro Juárez insistiu na necesidade de que tódolos axentes sociais recentemente adheridos ao ‘Pacto do Leite’ asinado en Madrid se involucren de maneira activa no seu cumprimento, e a tal respecto recordou que é responsabilidade de todos eles cumprir e facer cumprir as condicións que se negociaron na sede do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino.

Unha ‘grande’ da distribución
Segundo datos da propia web da empresa, Gadisa é unha empresa con cen por cen de capital autóctono, que conta con supermercados propios, almacenistas, franquías, centros comerciais e hipermercados, centro de produción de comida rápida, e súper on line. O seu ámbito territorial de actuación abrangue Galicia e Castela León, e é membro accionista de IFA española.

Defínese como unha empresa sostible, e no exercicio 2007 reciclou 30’7 toneladas de cartón, 465 de plástico e 129 de madeira, evitando así a tala de 87.000 árbores anuais. No tocante ao aspecto económico, facturou máis de 867 millóns de euros, e ten abertos arestora 407 establecementos propios, que dan emprego a case 5.800 traballadoras e traballadores.