20 agosto 2009

Circo Acuático, que xa recibiu a máis de dez mil persoas, enfronta os seus últimos días en Vigo

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Circo Acuático “The Cirkid”, que está instalado na Avenida de Castelao dende o día 7 de agosto, xa recibiu a visita de 10.500 persoas nas primeiras 16 funcións. “The Cirkid”, que aposta por un novo concepto de circo no que se aposta polas novas tendencias e intenta cubrir as necesidades do ocio infantil, enfronta os últimos días da súa presencia en Vigo, xa que rematará o próximo día 30 de agosto.

Ambientado nun maxestoso acuario, o show achéganos á historia dun pallaso que cae á auga e ao non saber nadar, afunde ata as profundidades do mar. Alí vivirá moitas aventuras enchidas de acrobacias e mostras de forza e destreza, e coñecerá a seres mariños cos que percorrerá o novo mundo. Música, luz, acrobacias, auga e bo circo.... Estas son algunhas das características deste espectáculo que está pensado para toda a familia.

A carpa do circo está instalada na Avenida de Castelo (fronte á rotonda do Alcampo) e ten capacidade para máis de 1.000 espectadores. Nestes primeiros días a resposta do público foi moi boa, colgando o cartel de “non hai entradas” en varias funcións. O horario do espectáculo é ás 20.00 horas de luns a venres e domingo, mentres que o sábado haberá dobre sesión (19 e 21.15 horas).