20 agosto 2009

Comienza la polémica sobre los incendios forestales... ya llevábamos tiempo sin líos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio rexistrado o pasado luns, día 17 de agosto, no concello ourensán de Vilardevós foi o maior dos rexistrados ao longo deste verán en Galicia, e nunca se dixo que fora o maior deste ano. Diante do cuestionamento da veracidade da información transmitida desde este Departamento, Medio Rural quere deixar ben clara esta cuestión, advertindo, ao tempo, que considera totalmente estériles este tipo de debates, que só poden contribuír, en última instancia, a dar aires á actividade incendiaria.

Medio Rural quere poñer de manifesto, unha vez máis, que a súa política informativa respecto aos lumes forestais é absolutamente transparente e responsable. Só neste mes de agosto recibíronse no Gabinete de Comunicación da Consellería máis de 300 peticións de medios de comunicación sobre incendios. Todas elas foron respondidas no mesmo día en que foron formuladas, facilitando telefonicamente datos sobre localización, duración, superficie e medios empregados na extinción.

De acordo co explicado en reiteradas ocasións pola Consellería, decidiuse non facilitar información xenérica sobre incendios para non fomentar a actividade incendiaria, habida conta de que está demostrado que canto maior presenza mediática ten esta cuestión, maior é tamén o risco de que se incrementen o número e importancia dos lumes. Por iso se contestan as demandas dos medios sobre lumes concretos. Ademais, deixouse tamén claro en varias ocasións –e así se fixo no caso de Vilardevós– que cando houbera unha afectación superior ás 20 hectáreas (0,2 quilómetros cadrados), se informaría proactivamente dende e Consellería.

Unha política de comunicación veraz e transparente, como amosa o feito de que a organización ecoloxista Greenpeace –ben pouco sospeitosa de defender os intereses de ningún goberno-, no seu último informe sobre o asunto (“El futuro en llamas”) cualifica como incendios “grandes” aqueles que superan as 500 hectáreas, é dicir, 25 veces máis do tamaño a partir do cal este Gabinete informa de maneira automática.

A Consellería quere lembrar, asemade, que o incendio da provincia de Lugo ao que fixo referencia un representante sindical esta mañá, tivo lugar no pasado mes de marzo, cando había outro equipo directivo á fronte de Medio Rural. E finalmente fai un novo –oxalá sexa o derradeiro- chamamento á responsabilidade á hora de informar ou opinar sobre un asunto desta transcendencia social.