24 agosto 2009

El Bloque lleva al Congreso la polémica construcción del Puerto Deportivo de Massó (Cangas)

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei e unha pergunta escrita co obxecto de impedir a construción do porto náutico-recreativo no Salgueirón (Cangas).

A deputada nacionalista Olaia Fernández Davila manifesta nestas iniciativas a postura dos nacionalistas totalmente contraria a este proxecto, pois a súa execución non só significará a perda definitiva para a actividade produtiva dunha extensa área marítima senón tamén unha forte afección derivada da diminución da calidade de auga (alteración de correntes, incremento da turbidez etc), co conseguinte impacto socieconómico nunha zona coas taxas máis altas de dependencia da actividade pesqueira de Galiza e da UE.

No texto das iniciativas, a deputada lembra que a área afectada é unha autorización marisqueira pertencente á Confraría de Pescadores de Cangas e está incluída nun plano de explotación para marisqueo a frote onde se extrae ameixa rubia, babosa, carneirolo, volandeira e outras especies chave para o colectivo de mariñeiros que traballan nesas augas.

Para o BNG, este proxecto é un bo exemplo da “pintoresca” concepción que ten o Partido Popular do litoral galego e cal vai ser a súa aposta política ao respeito, primando a instalación de portos deportivos malia que colidan ou mesmo substitúan unha actividade produtiva que é motor da economía do País.

Non en van, lembran os nacionalistas, a primeira autorización para construir o porto de Massó vén do concello no ano 2004, daquela con maioría absoluta do PP, e agora se ratifica coa concesión dos permisos por parte da Autoridade Portuaria de Vigo, presidida por Corina Porro, “contra todo criterio de racionalidade e facendo ouvidos xordos ás xustas reivindicacións do sector afectado”.

Restitución á situación orixinal

Ante estes feitos e dado o conflito que existe na zona a causa das obras xa iniciadas do porto, a iniciativa nacionalista non só reclama medidas para retirar a concesión dos permisos e impedir a construción do porto, senón que tamén demanda do goberno español a restitución á súa situación orixinal do medio danado até o de agora e a avaliación do impacto económico que o traballo xa feito supuxo sobre o medio mariño e a súa actividade produtiva, co obxecto de que se outorguen as correspondentes indemnizacións.

Asi, na pergunta escrita, Fernández Davila interésase tamén por saber se o Goberno ten elaborado “o necesario estudo para coñecer o impacto económico que a construción deste porto vai xerar na pesca e o marisqueo”.

A deputada do BNG reclama do Goberno do Estado que teña en conta as reivindicacións dos sectores afectados xa que, tal e como lembra, as obras teñen unha gravísima afección sobre un dos sectores que sustentan a economía do concello.