27 agosto 2009

Feijóo dice a ZP que Galicia no tiene la culpa de que el Gobierno central no sepa echar cuentas...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- “Os cidadáns, e neste caso as administracións autonómicas somos os que pagamos as malas contas do Goberno de España”. Así o dixo hoxe Alberto Núñez Feijóo, quen lamentou “profundamente” que as autonomías se vexan obrigadas a devolverlle ao Estado 6.000 millóns de euros.

Esa débeda, dixo Feijóo, é o froito dunha “política orzamentaria irresponsable”, xa que o Executivo español “no ano 2008 fixo un presuposto irreal e no ano 2009 volveu facer un presuposto irreal”. Pero iso, sinalou, “non o vai pagar o Goberno de España, senón que o van pagar os cidadáns e as administracións autonómicas”.

O presidente da Xunta lamentou que, por mor desa mala política económica, España estea “en peor situación que o resto dos países da UE para saír da crise”. “O presuposto para o ano 2010 do resto dos países da UE ten un obxectivo, saír da crise económica. Para España temos un dobre problema: o primeiro, certamente, saír da crise económica, e o segundo, que non teñen os demais, facer uns orzamentos para corrixir os orzamentos que estaban mal feitos nos pasados exercicios 2008 e 2009”, resumiu.

Nese sentido, o xefe do Goberno galego sinalou que “os erros da política económica do Goberno de España” van supor “prolongar a crise económica”. Agora, engadiu, “en vez de ter diñeiro para producir e crear emprego, o diñeiro que tiñamos para ese fin temos que destinalo a devolver o que se gastou en épocas de maior bonanza económica”.

Feijóo subliñou que o Goberno galego nunca “lle mentiu a Galicia”, e xa explicou que foi esa unha das razóns polas que asinou o acordo sobre financiamento autonómico. Segundo dixo, onte a vicepresidenta económica do Goberno confirmou o que el xa advertira na súa comparecencia parlamentaria, “que estabamos ante un suposto excepcionalísimo no que por facer mal as contas públicas, as comunidades autónomas ían pagar os erros na política económica do Goberno de España”.

Ademais, o titular da Xunta advertiu de que, se ben Elena Salgado só quixo dar os datos sobre a contía que as autonomías teñen que devolver do Presuposto do ano 2008, é sabido que “os datos do ano 2009 serán aínda peores e teremos que pagar aínda máis”. “Alguén debería facerse responsable disto, porque lamentablemente isto non é unha política presupostaria responsable é unha política presupostaria irresponsable”, concluíu.