26 agosto 2009

El modelo ZP de financiación autonómica sigue sin convencer al BNG

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, manifestou esta mañá na Comisión de Economía e Facenda as “profundas discrepancias” do nacionalismo galego co modelo de financiamento autonómico presentado hoxe pola Ministra Elena Salgado.

O deputado nacionalista asegurou que “o resultado é un sudoku excesivamente complexo, opaco, falto de claridade e cheo de contradiccións” e, no caso de Galiza, “o acordo é insatisfactorio porque non garante a suficiencia financeira nin avanza en termos de autonomía fiscal e financeira”.

Jorquera tampouco esqueceu a “responsabilidade que tivo neste proceso o goberno galego, que participou cunha actitude acomplexada, á defensiva e mesmo provinciana. Dificilmente se pode defender con eficacia aquelo no que non se cre”, concluíu.

Asi, o portavoz nacionalista acusou ao goberno popular tamén de “ter a grande responsabilidade de ter bloqueado a posibilidade de que Galiza se dotase dun Novo Estatuto que sería tido en conta neste proceso e posibilitaría un mellor financiamento”.

Francisco Jorquera asegurou que Galiza non ve satisfeitas as súas necesidades con esta fórmula e lembrou que a participación de Galiza no fondo de garantía dos servizos públicos fundamentais, segundo as estimacións feitas polo BNG, sería inferior en case 382 ME ás necesidades de gasto liquidadas nos orzamentos galegos de 2007 no referido a educación, sanidade e servizos sociais.

O portavoz nacionalista seguiu aportando cifras para ilustrar as súas afirmacións e, falando dos recursos adicionais, indicou que só algo máis de 168 ME, isto é o 3,45% -do total de 4.900 M- lle corresponden ao noso País, “a metade da nosa porcentaxe de poboación axustada”.

Tal e como desvelou o deputado do BNG, Galiza vai perdendo peso relativo, xa que “a participación galega nos recursos de réxime común en 1999 era do 7,8%, do 7,1% no 2007 e agora non chegará ao 7%”.

Para o BNG, é evidente que non se cumpre un dos obxectivos básicos que tiña esta reforma: acadar unha maior autonomía e corresponsabilidade fiscal. Asi, co incremento da participación das Comunidades Autónomas nos principais impostos “debería darse cobertura ao 90% do financiamento autonómico, pero isto non é asi no caso galego, xa que só se cubren o 66% das nosas necesidades”.

“O BNG pensa que a igualdade debe producirse na resultante, non nos instrumentos” insistiu Jorquera, ao tempo que criticou que se xeralizaran a todas as comunidades autónomas as porcentaxes de cesión contempladas no Estatut e reclamou “que Galiza teña unha cesta propia de impostos propios e cedidos que cubran as súas necesidades. Isto sería moito máis xusto e máis transparente”.

Falsa solidariedade

Nesta liña, o parlamentar nacionalista explicou que no ano 2007 o Estado recadou no noso País 12.500 ME, mentres que Galiza obtivo 8.100 ME do sistema de financiamento “ésta é a capacidade tributaria real de Galiza. Soportamos cargas impositivas superiores ao que o Estado nos transfire”.

O portavoz do BNG no Congreso tamén cargou neste eido contra a “falsa solidariedade do Estado” e perguntouse “como é posíbel que o fondo de competitividade teña unha dotación superior ao de cooperación”.

Criterios erróneos

Esta situación se agravará co paso dos anos xa que, segundo explicou Jorquera, “a poboación é o principal factor de ponderación e éste é un dos principais problemas”, xa que, tal e como indicou, “Galiza arrastra un problema de fondo que a reforma non subsana: a infraponderación de factores como a dispersión, o envellecemento poboacional ou a emigración”.

Deste xeito, a dispersión pondérase no conxunto do financiamento nun 0,6% “e isto é claramente insuficiente e non entendemos que razóns técnicas avalan esta ponderación, mentres a superficie ten un peso do 1,8”.

Neste sentido, Jorquera perguntoulle á Ministra de Economía “se a dispersión estivese ben ponderada, para que se destinarían 50 ME de recursos adicionais a comunidades autonómas con dispersión superior á media?”


Falta de transparencia

O deputado nacionalista criticou duramente “a falta de transparencia e o papel secundario que ten xogado neste proceso o Congreso dos Deputados”, asi como a “falta de claridade e continuas contradiccións” nas que se incorrreu nun tema no que o Estado “actuou arrastrado polas circunstancias”.

“É lóxico porque non pode ter plantexamentos claros quen carece dun proxecto definido”, continuou Jorquera, “e este proxecto non existe cando se defende dogmaticamente que o Estado ten que reservarse o 50% do gasto público e se lle atribúe un falso papel de garante da solidariedade e cohesión e se asegura que están a atender todas as demandas das CCAA”.

Réplica

Na súa réplica á vicepresidenta, Francisco Jorquera lembroulle que o goberno galego ten gastos importantes derivados da emigración como as súas delegacións e organismos públicos no exterior e apuntou tamén que “no documento aprobado polo Parlamento Galego sobre financiamento autonómico, a emigración figuraba como unha variábel que debe ser contemplada”.

O portavoz do BNG insistiu, ademais, na relevancia de criterios como a dispersión poboacional nun país como o galego, con 30.00 núcleos de poboación, ou o envellecemento e apuntou que, de feito, o incremento de poboación non debería ter tanto peso xa que “conleva gastos, pero tamén maiores ingresos”.