26 agosto 2009

La Xunta se plantea qué hacer en los centros escolares ante la previsible epidemia de gripe porcina

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, e a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas mantiveron hoxe, no edificio administrativo de San Caetano, unha xuntanza de traballo na que abordaron as medidas a adoptar nos centros escolares galegos por mor da pandemia de gripe A. Á reunión asistiu tamén o xerente do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, organismo do que dependen as escolas infantís.

Este encontro dos responsables autonómicos de Sanidade, Educación e do Consorcio de Igualdade e Benestar é continuación doutras xuntanzas de cooperación mantidas entre estes departamentos dende o inicio da pandemia no pasado mes de abril, e que ultimamente se están a intensificar, dada a inminencia do comezo do curso. Ademais, xa no curso pasado, puxérase en marcha un protocolo de vixilancia nos centros educativos galegos, que transmitiu información sobre pautas de actuacións nos mesmos.

Pilar Farjas, Jesús Vázquez e Roberto Rodríguez falaron, así mesmo, polo miúdo, das liñas estratéxicas recollidas no borrador do protocolo de actuación que se está a debater polas autoridades sanitarias do Ministerio de Sanidade e Política Social, e do conxunto de todas as Comunidades Autónomas, e que, unha vez aprobado, se vai aplicar en todos os centros escolares da nosa Comunidade. Neste senso, os dous conselleiros do executivo que preside Núñez Feijóo tamén trataron neste encontro a temática dos diferentes materiais informativos que se van distribuír nos colexios galegos, tanto entre o persoal docente e directivo, como entre o alumnado.

Asemade, cómpre sinalar que a semana que vén a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirá a todos os centros educativos o antedito protocolo de actuación, no que se recollen as medidas sanitarias a aplicar para facer fronte á gripe A. Este protocolo de actuación activarase cando haxa un 15% de ausencias por motivos de enfermidade con síntomas similares á gripe nun centro educativo, ou dun 20% nunha aula.

Jesús Vázquez asistirá o día 1 á Conferencia de Educación onde se pactarán a nivel nacional as diferentes medidas de actuación e prevención ante a gripe A para o colectivo escolar. Nos días posteriores, manterá encontros con todos os axentes educativos para trasladarlles estes acordos. Así, a Consellería reunirase o día 2 cos inspectores e cos sindicatos, o día 3 coa xunta autonómica de directores e o día 4 coas confederacións de pais e nais de alumnos CONFAPA e CONGAPA.

Así mesmo, a Consellería habilitará un número de teléfono e unha centraliña de información para atender todas as dúbidas sobre Gripe A dos centros educativos e a través do cal se proporcionará información específica sobre medidas de prevención e actuación ante posibles casos.

Ademais de todo o antedito, a Consellería de Sanidade ten en marcha, dende o pasado día 29 xullo, dentro do portal web www.sergas.es/gripe, un apartado específico para os centros educativos, con recomendacións para os pais e nais e para os nenos e nenas en idade escolar.

En canto a posibles medidas de vacinación, o goberno galego está á espera do que indique o Ministerio de Educación en canto a cal é a poboación de risco que se debe vacinar, a dispoñibilidade das vacinas e as súas características. Ata entón, toda cifra que se ofreza será estimativa.

De todos modos, a Consellería de Educación defendeu sempre que se considere grupo de risco a todos os escolares en idade pediátrica -é dicir, por debaixo dos 14 anos- así como aos traballadores dos centros educativos. Así se trasladou a través da Consellería de Sanidade nas Comisións de Salud Pública e nos comités de vacinación.