27 agosto 2009

Vigo : A concelleira de Benestar Social lamenta a “falta de ética” do PP ao utilizar problemas persoais para criticar

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A portavoz do grupo municipal do BNG en Vigo e concelleira de Benestar Social, María Méndez, lamentou hoxe a “falta de ética“ do Partido Popular de Vigo por utilizar problemas persoais á hora de criticar a súa xestión. Deste xeito, a concelleira nacionalista sae ao paso das críticas vertidas sobre os populares sobre a xuntanza da celebrada o pasado martes, 25 de setembro, cos colectivos de cooperación internacional. “É certo que cheguei tarde á xuntanza, pero desculpei o meu retraso por motivos persoais e, curiosamente, a representante do Partido Popular xa marchara”, explica María Méndez.

A concelleira de Benestar Social salientou este xoves que para ela “é un motivo de orgullo” que o orzamento que se destina neste 2009 ao Fondo Galego de Cooperación Internacional é o máis elevado de todos, “cousa que non pode dicir o PP, que cando gobernou en Vigo non incrementou a partida nun só euro”. “Este é un exemplo máis da hipocresía do PP”, sinala. Neste sentido, María Méndez explica que a achega ao Fondo ascende este ano a 100.000 euros, dos que preto de 70.000 se destinarán a mellorar o saneamento en diversos proxectos en Cabo Verde. “O ano pasado destinamos 60.000 euros á rehabilitación de quince vivendas en Nicaragua, feito que ao Partido Popular parece non importarlle o máis mínimo”, puntualizou a edil do BNG.

Por outra parte, María Méndez sinalou que a cantidade restante destinarase a desenvolver iniciativas de sensibilización local. Entre elas figuran os actos que se desenvolverán na nosa cidade con motivo do Día Internacional do Cooperante, o vindeiro 8 de setembro. Ao respecto, as actividades que se porán en marcha dende a Concellería de Benestar Social queren alertar de que “a crise no primeiro mundo ten unha forte repercusión nos países do sur”.

Finalmente, a edil nacionalista expresou a súa sorpresa por que o PP critique que a Concellería de Benestar só convocara en dúas ocasións o Consello de Cooperación “cando nunca foi convocado cando o Partido Popular estaba no goberno”. “A representante popular non se entera de nada, os proxectos aos que se refire xa foron presentados no mes de xuño, o cal demostra o interese que ten polos temas de cooperación”, explicou a concelleira de Benestar Social, que engadiu que “é un exemplo máis da demagoxia e a hipocresía do PP”.