24 agosto 2009

Pedirán a la Xunta desde el Parlamento que no se duerma con la PLISAN

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Henrique Viéitez, urxe que se execute o convenio autorizado en Consello da Xunta, a asinar entre o IGVS, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca e os propietarios para o pagamento e reembolso dos recursos mineiros existentes no ámbito da PLISAN.

Henrique Viéitez rexistrou unha batería de iniciativas parlamentares para coñecer os prazos que manexa o actual goberno da Xunta para resolver de xeito definitivo este conflito e saber os motivos polos que se está a producir a demora no pago dos ditos dereitos mineiros, toda vez que a decisión do Consello da Xunta é xa do pasado 26 de Marzo.

O deputado nacionalista faise eco das demandas dos afectados, á espera dunha próxima reunión co conselleiro, Agustín Hernández, e pregunta cales son os pasos que se van dar para a aplicación do convenio e, en caso negativo, como se vai xustificar.

O parlamentar lembra que existe unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, do pasado ano, que condena a retrotraer as accións no procedemento de taxación conxunta e, polo tanto, incluír os recursos mineiros como bens e os dereitos dos afectados polos procesos de expropiación, o que deu lugar á resolución do Consello da Xunta, sen que a data de hoxe se saiba nada sobre a súa aplicación “mentres as empresas mineiras seguen a recibir os áridos resultantes dos movementos de terras levados a cabo nas obras para a urbanización da plataforma loxístico-industrial”.

Por outra parte, o deputado nacionalista tamén se dirixiu ao Goberno, a través doutra proposición non de lei e pregunta escrita, para que dea orde ás empresas concesionarias das obras da parte correspondente a administración e á das obras relacionadas coa dotación de servizos xerais para toda a Plisan co obxecto de recuperar o ritmo adecuado e poder poñer a disposición do tecido empresarial chan industrial e loxístico no menor tempo.

Viéitez advirte de que dende hai varios días existe unha paralización das ditas obras, “o que devolve á plataforma a unha situación de parálise da que fóra sacada polo anterior goberno, cun compromiso de licitación e contratación por 14.4779.315 euros das obras de urbanización do millón de metros cadrados que o departamento autonómico ten na Plisan, xunto á contratación por 21,89 millóns da execución das obras das infraestructuras xerais, que serían financiadas entres os tres propietarios do ámbito”.