27 agosto 2009

Feijóo dice que si es preciso echará el resto con la Gripe porcina

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe o investimento de 25 millóns de euros para facerlle fronte á gripe A, un fenómeno ante o cal “dar información veraz e puntual aos cidadáns e profesionais será a guía de comportamento” do Goberno galego nos vindeiros meses. Así o manifestou o titular do Executivo autonómico na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, no que se coñeceu tamén a posta en marcha dunha campaña informativa sobre o virus coincidente co inicio do curso escolar.

“Estar alerta sen crear alarma”, é, en palabras do presidente da Xunta a máxima do Goberno galego fronte á gripe A. “Temos que estar preparados, cos protocolos activados para aplicar as medidas axeitadas e temos que ofrecer informacións realistas aos cidadáns”, manifestou, precisando que, se ben o Goberno non quere asustar “de forma innecesaria”, tampouco obviará “os datos que os cidadáns necesitan para sentirse tranquilos, para non colapsar os centros hospitalarios e ter información permanente ante calquera dúbida que lle poida xurdir”.

Feijóo sinalou que “desde o primeiro momento” o Goberno galego está a facer un “seguimento puntual da evolución do virus na Comunidade”, identificando de maneira rápida os casos e os posibles repuntes nos centros hospitalarios, así como proporcionando información pública sobre o proceso.

Nas súas declaracións, o máximo mandatario autonómico informou de que o vindeiro 31 de agosto se reunirá o Consello interterritorial de Saúde en Madrid, entre todas as comunidades autónomas e o Goberno central, e o 1 de setembro se celebrará a xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación, tamén entre os conselleiros de Educación das distintas autonomías. “Ao día seguinte, o 2 de setembro, a Xunta informará de todas as conclusións, acordos e protocolos que aí se acaden”, avanzou Feijóo.

Política informativa en tres niveis
O presidente da Xunta puxo en valor a política informativa do Goberno galego en relación coa gripe A, que actúa en tres niveis: en primeiro lugar, a través dun número de teléfono específico, que ten detrás unha oficina de profesionais para “dar en tempo real unha información conforme a un protocolo médico unanimemente aceptado a calquera cidadán”. Ademais, anunciou que a Administración autonómica se reunirá “con todos os sindicatos e cos axentes sociais para trasladarlles o protocolo de actuación”.

Finalmente, Feijóo deu conta de que coincidindo co inicio do curso escolar, se porá en marcha unha campaña informativa nos medios de comunicación para que, “de forma comprensible e accesible”, se coñezan os riscos da gripe A, “se desmitifiquen, pero tamén se racionalicen e se dea información veraz sobre a existencia dun risco de contracción dese virus e da resposta por parte dos servizos sanitarios”.

O xefe do Goberno galego afirmou que a Xunta permanecerá “atenta e vixiante en relación coa gripe A”, como demostra a aprobación hoxe dun investimento de 25 millóns de euros para “todo o material que precisamos”.

Garantir o autogoberno a través do respecto
O mandatario galego referiuse tamén ao decreto aprobado hoxe no Consello, polo que se crea a Comisión de seguimento que terá por obxecto revisar toda a normativa estatal e doutras comunidades autónomas que poidan afectar ás competencias constitucionais e estatutarias reservadas no Estatuto de Autonomía de Galicia. “Imos intentar blindar e garantir o autogoberno, -recalcou Feijóo ao respecto-, e garantir o autogoberno significa garantir as competencias constitucionais e estatutarias de Galicia”.

Segundo reiterou, velar por que as normativas sexan respectuosas co reparto competencial é o obxectivo desta comisión, creada no ámbito da Dirección xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

“Pensamos que o respecto e nunca o enfrontamento deben ser a guía da nosa relación co Goberno central e é perfectamente posible”, abondou, e puxo como mostra a resolución do Consello de Ministros do 24 de xullo que acepta o primeiro dos requirimentos de incompetencia que formulou o Goberno galego ao Goberno de España. “Se acepta que a Xunta tiña razón e, polo tanto, se modificará unha orde estatal sobre subvencións en materia educativa por invadir competencias propias da comunidade autónoma”.

“Imos seguir reforzando o respecto e a defensa das competencias constitucionais e estatutarias que lle corresponden ao autogoberno e cremos que esta é a forma máis intelixente de defender o Estatuto de Autonomía de Galicia”, insistiu.

O 50% das titulacións adáptanse ao Plan Bolonia
Por outra banda, o presidente da Xunta abordou tamén a adecuación do sistema universitario galego ao Plan Bolonia durante o vindeiro ano. Neste sentido, Feijóo subliñou que no curso 2009-2010 adaptaranse “o 50% das titulación universitarias galegas ao Plan Bolonia” no que será una “europeización do sistema universitario”.

Esta adecuación suporá pasar de “só 5 titulacións adaptadas” no curso 2008-2009 a 70 neste próximo ano académico. “Apoiamos, polo tanto, que as nosas universidades adecúen a súa oferta ao resto das universidades europeas, e temos o compromiso de cumprir os prazos estritamente”, incidiu Feijóo, quen nesta mesma liña apuntou o obxectivo de que no “curso 2010-2011 o 100% dos títulos universitarios galegos sexan títulos compatibles co resto das universidades da Unión Europea”.

Infraestruturas xudiciais
Entre os acordos adoptados hoxe polo Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo destacou a aprobación do Plan de infraestruturas xudiciais, que presentou como “o máis ambicioso que se fixo desde a Autonomía galega en materia de xustiza” e polo que se investirán 97 millóns de euros en seis anos. Deste xeito, apuntou, entre 2010 e 2015 “veremos completada a rede de infraestruturas xudiciais que necesita Galicia”.

Saneamento, abastecemento e selado de vertedoiros
O presidente da Xunta subliñou tamén o investimento dun total de 2,3 millóns de euros no eido ambiental, ao aprobar o Consello a execución de obras de saneamento, abastecemento e selado de vertedoiros incontrolados en cinco concellos galegos. Nesa liña, apuntou que o Goberno galego comeza a cumprir o seu compromiso de selar nesta lexislatura os 30 vertedoiros incontrolados que aínda existen na comunidade, e autoriza o gasto para clausurar os catro primeiros, tres deles no concello de Pol e un en Riós.

Finalmente, o titular do Executivo autonómico resaltou a aposta polo reequilibrio territorial, a través dun investimento de 17 millóns de euros no ámbito rural, nun programa que afecta basicamente ás provincias de Lugo e de Ourense. Trátase, precisou, de proxectos cofinanciados polo Goberno central que ten por obxecto, fundamentalmente,facilitar o acceso ás explotacións gandeiras e vitivinícolas.