27 agosto 2009

El gobierno Feijóo se apunta a los hermanamientos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, manifestou hoxe a súa firme decisión de potenciar as excelentes relacións con Trento (Italia) para posibilitar un irmandamento desta provincia autónoma coa comunidade de Galicia. Roberto Varela fixo este anuncio tras recibir na Praza do Obradoiro, un punto “clave e emblemático na fusión dos camiños e na culminación espiritual e material das peregrinacións”, a unha delegación da Associacione Anaune Amici del Cammino di Santiago que hoxe completou a súa ruta de Porto a Santiago polo Camiño Portugués.

O titular de Cultura e Turismo aproveitou o encontro para manter unha reunión de traballo no Hostal dos Reis Católicos co Assessore alla Cultura, Rapporti europei e Cooperazione, Franco Panizza, o representante institucional da provincia de Trento que acompañou ao medio centenar de peregrinos italianos no seu tramo final desde Padrón. Para o conselleiro supón “unha oportunidade única para empapar os territorios do Camiño dun acervo cultural e relixioso común” e ven lexitimado polas similitudes que gardan entre si ambas comunidades respecto á tradición xacobea. Do mesmo xeito, Roberto Varela recordou a importancia das iniciativas que permitan potenciar a presenza de Galicia en Italia, un dos países que máis peregrinos aporta á Ruta Xacobea.

Roberto Varela e Franco Panizza acordaron elaborar un documento referido ao irmandamento entre Galicia e Trento que sirva como liña de traballo conxunto de cara a súa consolidación en 2010. O conselleiro valorou a posibilidade desta vinculación como “unha confraternidade en favor da cultura e a derruba de fronteiras, que referenda o camiño como unha cohesión de perspectivas e como un fenómeno vixente para millóns de persoas en todo o mundo”.

O proceso que hoxe se pon en marcha servirá para albiscar procesos de irmandamento con outras rexións de tradición xacobea, na procura dun Camiño como “mecanismo vertebrador dun espírito cosmopolita arraigado en intercambios de valores, sentimentos relixiosos, sociais, económicos, artísticos, políticos e culturais”, en palabras do conselleiro. Doutra banda, Franco Panizza deu traslado ao seu desexo de contar coa presenza de Roberto Varela no Congreso de Turismo Sostible que se levará a cabo o ano que ven en Fondo. Sería, segundo Panizza, o mellor xeito para recoñecer o papel de Galicia como emblema de turismo sostible.

Arraigada tradición xacobea de Fondo
A Associacione Anaune Amici del Cammino di Santiago leva varios anos desenvolvendo unha intensa labor de promoción das diferentes rutas xacobeas. A súa peregrinación a través do Camiño Portugués, culminada hoxe, únese á xa realizada polo Camiño Francés e a Associacione ten programado completar proximamente a ruta do Camiño Inglés.

Fondo é a capital do Val di Non, unha vila que está historicamente vinculada ao Camiño de Santiago. Conta no seu haber cunha gran tradición xacobea rexistrada en toda a súa toponimia, que garda un vínculo moi forte con Santiago e a súa historia, unha interesantísima pegada xacobea dende o século XV.

Segundo unha tradición datada no século XV, o Apóstolo Santiago librou a sete familias da peste que asediaba Trento. En sinal de gratitude, estas familias pintaron nas súas casas uns frescos coa imaxe do Apóstolo Santiago e comezou así a tradición de peregrinar ata o sepulcro do Santo en Galicia. Os frescos aínda hoxe son visibles gracias á unha recente restauración levada a cabo nos anos 50 e 60, que serviu para revitalizar o fenómeno xacobeo en Italia.