31 agosto 2009

Seguimos con las declaraciones de buenas intenciones : turno para el S.X.Deporte, José Ramón Lasa...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, fixo entrega este mediodía da “Bandeira Xunta de Galicia” aos equipos gañadores da Liga Galega de Traiñeiras, o C.R. Cabo da Cruz na categoría masculina e o AD Rías Baixas, na feminina. O secretario aproveitou o acto para felicitar a todo o remo galego “por seguir crecendo” e destacou o “carácter estratéxico” que teñen os deportes de mar para o Goberno galego.

Lete Lasa, quixo neste acto que tamén estivo presidido polo presidente da Liga del Noroeste, Ramón Outeda e por un representante das traiñeiras, renovar o compromiso da Secretaría e de todo o Goberno autonómico co remo galego, demostrado no pasado mes de xullo coa creación da primeira liga feminina de traiñeiras.

Minutos antes da entrega da Bandeira e demais premios aos outros clasificados, a liga masculina puxo fin á súa quinta edición na que se mediron este ano 14 equipos (todos galegos) en 16 regatas. A competición, que fora posta en marcha no ano 2004 polo propio Lete Lasa, cando ocupaba o cargo de Director Xeral para o Deporte, contou nesta tempada coas novidades da participación do gañador, o Cabo da Cruz, que sempre militara na ACT (a liga da Asociación de Clubes de Traiñeiras, impulsada tamén por Lasa no 2003) e a ausencia do Samertolameu de Meira, novo participante na ACT.

Na súa estrea, a categoría feminina contou coa participación de tres traíñas que competiron en catro regatas. O conxunto gañador, o AD Rías Baixas, é resultado da fusión dos clubes Cabo da Cruz, Meira e Chapela e vén de gañar tamén a Liga Euskotren.


Un deporte con historia en Galicia
A primeira regata da que existe unha clasificación celebrouse na Coruña, o 12 de agosto de 1904, cando se impuxera o Sporting Club da Coruña sobre unha distancia de 2.500m. Hoxe, o percorrido é de 3 millas náuticas (5.556 m) para os homes e 1,5 millas para as mulleres.

As primeiras asociacións galegas aparecerían chegados os anos 30, entorno ás confrarías de pescadores como foi o caso das agrupacións Los Castros, Las Jubias, Marítimo Coruñés ou do Náutico da Coruña. Na década dos 40 crearíase o Real Club Náutico de Vigo e a Escuela Naval de Marín.