20 agosto 2009

Viva polémica sobre las Delegaciones de la Xunta en el Cono Sur

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Partido Popular de Galicia deu por concluída a polémica creada en torno ás Delegacións da Xunta no exterior. Os populares consideran que os socialistas, a forza de repetir continuamente a súa negativa ao traslado da Delegación de Bós Aires, deben de ter algún interese en seguir pagando un elevadísimo aluguer polo centro privado no que a ubicaron e en enganar a toda a poboación cun discurso no que enchen de demagoxia a falta de coñecemento en materia de emigración.

O PPdeG fai fincapé en que co traslado da Delegación da Xunta de Bós Aires ao Centro Galego e co nomeamento de delegados residentes neses países as arcas galegas aforraránse máis de 400.000 euros por ano que se destinarán a sufragar novos servizos e actividades dirixidos tanto á colectividade galega no exterior como a outras áreas de actividade que non se viñan traballando ata agora. Os populares destacan que co cambio de ubicación non só se reducen os gastos senón que tamén se consegue que as Delegacións sexan máis próximas e accesibles aos emigrantes.

Por outra banda, o PPdeG non se explica a intromisión de Elena Espinosa nos asuntos da Delegación de Uruguai e non entende que ameace con abrirlle un expediente ao delegado Manuel Barros cando ela é coñecedora de que non cometeu ningunha acción de pesca ilegal senón que unicamente consignou a un buque apresado en 2005 en augas australianas. Manuel Barros exerceu meramente como axente marítimo, algo, en ningún caso punible para a súa persoa, polo que está eximido de toda responsabilidade do que lle acontecera legalmente ao pesqueiro- “Taruman”.

Os populares tamén subliñan que muller e xuventude sempre foron áreas fundamentais na política de Emigración da nova Xunta, sen descoidar ademais as cuestións sociosanitarias. Matizan que o compromiso pasou desde o comezo por dar especial pulo á formación, fomento do emprego, asesoramento e apoio a emprendedores e ao desenvolvemento de plans de responsabilidade social nestes colectivos e que os esforzos están sendo moi visibles aos poucos meses do inicio da nova lexislatura. Pola contra, destacan que lamentablemente o bipartito descoidou durante catro anos estas áreas.