31 agosto 2009

A luta do BNG polo bono social para todos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O BNG está a presentar en todos os concellos do País unha moción na que insta ao Ministerio de Industria e á Comisión Nacional de Enerxía “a extensión a todos os beneficiarios do bono social e a súa aplicación efectiva nos prazos establecidos pola normativa”.

Tal e como se explica no texto da iniciativa, este bono social, consiste nunha bonificación na factura eléctrica por unha contía igual á diferenza entre o valor da tarifa de último recurso e unha tarifa reducida que “pretende corrixir a importante repercusión económica que o novo sistema de tarifas ocasiona xa na economía da maioría dos consumidores domésticos”.

Este “bono” comezou a súa andaina xa con retraso dado que, malia que o real decreto que regula o sector estipulaba en abril “a posta en marcha de forma inminente de bono social”, a resolución que fixa o procedemento para a súa posta en marcha non se aprobou até finais de xuño.

Asi, os potenciais beneficiarios desta axuda -pensionistas que perciban contías mínimas, familias numerosas, unidades familiares con todos os seus membros en idade de traballar en situación de desemprego e persoas que teñan contratada unha potencia menor a 3 kv- “están a sufrir atrancos inxustificados no relativo á publicidade do procedemento e o ofrecemento de información exhaustiva”. Tamén existen numerosos problemas pola “imposibilidade dunha atención presencial, dado o escaso número de empresas comercializadoras existentes, ou mesmo a necesidade de achegar múltiple documentación de diversos organismos ou Administracións”.

En vista desta situación, o BNG considera que non se debe seguir a castigar aos usuarios e usuarias con novos retrasos e obstáculos que dificulten o seu acceso a esta axuda despois de teren padecido “a aplicación da política de libre competencia nun servizo esencial como é o subministro eléctrico”.


Asesoramento do concello

Por iso, os grupos municipais nacionalistas solicitan que se inste ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e á Comisión Nacional de Enerxía a “adoptaren as medidas necesarias que garantan a extensión a todos os beneficiarios do bono social e a súa aplicación efectiva nos prazos establecidos”.

Asemade, os nacionalistas reclaman que as Consellarías de Traballo e Benestar e Economía e Industria, asi como o Instituto Galego de Consumo poñan en marcha con carácter urxente “Planos de Comunicación, Información e Asesoramento sobre das últimas modificacións no sistema de tarifas eléctricas e da aplicación do bono social”.

Finalmente, tamén os concellos poden xogar un papel positivo nesta situación a través dun “servizo de información, asesoramento e colaboración na tramitación da solicitude de bono social, onde se facilite tamén de xeito áxil toda a documentación acreditativa que o beneficiario deba obter”.