27 agosto 2009

Xunta precisa este viernes en Samil las bondades de la recogida selectiva

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está levando a cabo durante o mes de agosto unha campaña de xornadas lúdico-informativas sobre a implantación da recollida selectiva en praias da nosa comunidade. O escenario das actividades de mañá venres, 28 de agosto, será a praia de Samil, no Concello de Vigo.

Estas xornadas véñense celebrando ao longo de todo o mes de agosto, impartíndose nun total de 15 areais galegos. Este proxecto informativo enmárcase dentro dunha campaña máis ampla que Medio Ambiente está a realizar coa colaboración da empresa Ecoembes en 149 praias distribuídas en 72 concellos, das que 34 son fluviais.

As xornadas lúdico-informativas son unha actuación de información activa sobre a recollida selectiva dos residuos urbanos nos propios areais e zonas de baño. O propósito é ofrecer datos aos nenos e adultos, lembrándolle aos usuarios a existencia de contedores, os residuos que se deben depositar en cada contedor ou a resolución de dúbidas. Os técnicos da campaña tamén pretenden recoller a valoración e receptividade dos usuarios e agasallalos con diverso material promocional.

Actividades
Cada xornada lúdico-informativa será coordinada por un equipo de 3 monitores en horario de 12 a 14 horas e de 16 a 20 horas, aproximadamente.

A actividade ocupará un espazo máximo de 100 m2 e desenvolverase a partires da instalación dun punto informativo. Estes puntos contarán cunha carpa amarela de 3x3 metros, exemplos de contedores de 120 litros, paneis informativos coa imaxe da campaña, paneis voadores amarelos co lema “Separar para reciclar”, megafonía e material para a dinamización dos xogos.
Os puntos informativos instalaranse, preferentemente, na entrada máis transitada da praia, acordándose previamente con cada concello, a quen se lle solicitará autorización para a ocupación dese espazo e para o uso da megafonía.

Concienciación dos nenos
Os cativos terán a oportunidade de participar en xogos para a comprensión básica da recollida selectiva, coa intención de espertar do seu interese pola xestión dos residuos domésticos e o coidado das costas e do mar.

As citadas xornadas lúdico-informativas, incluídas no programa de recollida selectiva, tamén buscan o fomento dunha mellor imaxe ambiental dos concellos participantes e, por suposto, da comunidade galega en xeral.

As xornadas rematarán o vindeiro día 30 deste mes na praia da Rapadoira do Concello de Foz (Lugo), pero antes –o sábado, 29 de agosto- pasarán pola praia de Montalvo en Sansenxo (Pontevedra). Dende o seu inicio, 6 de agosto, esta actividade xa pasou polos areais de Barreiros, Ortigueira, Cabanas, Muros, Fisterra, Carnota, Nigrán, Sanxenxo, Ribeira, Pobra de Caramiñal e Ourense.