19 agosto 2009

O Monte de Trabazos acolle a II Xuntanza Cabalar de Mos

MOS (MORRAZO-TRIBUNA).-Celebrarase a vindeira fin de semana con múltiples actividades. Esta fin de semana, os días 21, 22 e 23 de agosto, celebrarase no Monte de Mos, sito en Trabazos, a II Xuntanza Cabalar que organiza o Clube Hípico Toxo e Auga Fría e coa que colaboran o Concello de Mos e a Deputación de Pontevedra.

O venres, día 21, haberá un paseo en carruaxe de cabalos totalmente gratis a partires das 20.00 horas. Ás 22.00 horas dará comenzo unha gran chourizada gratuíta e ás 23.00 horas, Campionato de Futbolín cunha inscripción de 10 euros por parella. Os premios deste campionato serán o 50% do recaudado máis unha botella de 100 Pipers para os primeiros clasificados, o 30% do recaudado para os segundos clasificados e o 20% do recaudado para os terceiros clasificados.

O sábado 22 ás 10.30 horas sairá a Gran Marcha Cabalar que percorrerá as distintas paisaxes da zona. Ás 14.00 horas empezará unha comida campestre a base de polbo con patacas, callos, churrasco de porco tamén con patacas, ensaladilla, café, pan e bebida. A partires das 17.00 horas continuará a marcha cabalar e de seguido, ás 17.30 horas, o Clube acompañará ós membros de ASODIFISI que queiran desfrutar dun paseo a cabalo. Ás 20.00 horas actuará a agrupación Celado, ás 21.30 iniciarase a cea campestre e ás 22.30 horas chegará o gran concerto do grupo Baldosa Amarilla.

O domingo, 23 de agosto, Pedro Salas fará unha exhibición canina dende as 12.00 horas do mediodía. A comida campestre dará comenzo ás 13.30 horas e ás 16.30 empezará unha gran gymkhana individual. O gañador da gymkhana levará un trofeo e 50 euros, o primeiro finalista obterá 30 euros máis un trofeo; e o segundo finalista recibirá 20 euros e tamén un trofeo. Xa ás 18.00 horas iniciaranse cucañas variadas. Ó longo de toda a xornada do domingo haberá xogos hinchables totalmente gratis para os máis pequenos.

Durante toda a fin de semana estará habilitada unha zona para todas aquelas persoas que desexen acampar.