31 agosto 2009

Juárez reitera en la "reentré" las políticas de Medio Rural


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A mellora dos servizos básicos da poboación en aspectos como a sanidade, a educación, as comunicacións ou as novas tecnoloxías constitúen a mellor ferramenta fronte ao despoboamento no medio rural galego, e conforman os obxectivos principais da política da Xunta de Galicia en materia de dinamización deste eido. Así o explicou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, nunha entrevista concedida ao espazo “Bos días” de Televisión de Galicia.

Segundo explicou Samuel Juárez, a fixación da poboación nos núcleos rurais, e a incorporación de xente nova neste medio, pasa por “mellorar as condicións xerais de vida, equiparándoas, no posible, ás que se dan no ámbito urbano”.

Preguntado pola súa opinión diante da posibilidade de promover fusións entre concellos, para mellorar a organización territorial da nosa Comunidade, o conselleiro lembrou o carácter disperso da poboación galega e avogou por potenciar entidades como as mancomunidades, co obxectivo de acadar “servizos mellores a menor custo”.

En relación coas políticas realizadas polo anterior goberno bipartito no medio rural e as que está a impulsar arestora a Xunta, Samuel Juárez amosouse a prol de “aproveitar o que se poida e mellorar o que sexa posible”. En concreto, preguntado sobre o Banco de Terras, definiuno como un “instrumento útil, pero haberá que modificalo, buscando favorecer o arrendamento, poñer en valor as terras improdutivas e eliminar os tintes intervencionistas que lastran o seu funcionamento”.

Galicia, sinónimo de calidade agroalimentaria

Sobre a consideración que teñen os produtos do agro galego, o conselleiro afirmou que “Galicia é sinónimo de calidade agroalimentaria, con producións identificadas como naturais e sans”, unha cuestión que –engadiu– “hai que aproveitar”. Insistiu na aposta da Xunta por estes produtos, e defendeu que “ademais de impulsar a súa promoción, hai que facer as cousas ben, asegurándonos de que o consumidor perciba que a calidade e a identidade dos produtos agroalimentarios galegos están garantidas”.

No caso concreto do viño, Samuel Juárez felicitouse polo prestixio acadado polos caldos galegos, que cualificou como “produtos estrela de Galicia, cunha consideración de que son moito máis ca un alimento ou unha bebida”. Destacou tamén o traballo das cinco denominacións de orixe da Comunidade “en materia de mellora constante da calidade e apertura cara a novos mercados exteriores”.

Sector lácteo

Preguntado pola crise de prezos no sector lácteo, o conselleiro lembrou o esforzo que está a realizar a Xunta para habilitar axudas aos gandeiros afectados, destacou a importancia de establecer contratos que regulen as relacións entre produtores e comercializadores en materia de recollida e prezos mínimos e insistiu, unha vez máis, na necesidade de que “desde a Unión Europea se arbitren os mecanismos precisos para que os prezos repercutan de maneira efectiva nos ingresos dos gandeiros”.

En canto á valoración da actual campaña de loita contra os incendios forestais, Samuel Juárez mantivo a prudencia e a responsabilidade que veñen caracterizando as súas manifestacións ao respecto. Cualificou o que vai de verán como “relativamente bo”, pero advertiu que “setembro pode ser complicado”. En calquera caso, salientou que, en relación co problema dos lumes, “os cidadáns están cada vez máis concienciados, e os sistemas de extinción son cada máis vez eficaces”.