20 agosto 2009

Galiza contra la explotación sexual

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Foro Social contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual terá participación galega. Unha representación da Xunta de Galicia participará nas reunións deste órgano, como mínimo unha vez ao semestre, xunto a representantes de ONGs, da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), do Ministerio de Igualdade e do Goberno Foral de Navarra.
Galicia e Navarra serán as comunidades autónomas presentes neste foro, organismo promovido desde o Ministerio de Igualdade para asistir á cooperación e a coordinación do Plan Integral de loita contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
A finalidade do Foro é a de recoñecer e traballar polos dereitos das vítimas, mulleres e nenas explotadas sexualmente, fundamentalmente a través de medidas de protección e de asistencia social, de sensibilización social contra a trata con fins de explotación sexual e de mellora dos mecanismos de persecución do delito baseado no comercio ilícito de mulleres e nenas.
A trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual é unha forma máis de violencia de xénero que ten que ser combatida polas administracións, os distintos poderes públicos e a sociedade civil. O Foro Social será un espazo aberto e áxil de participación e colaboración para facelo.