31 agosto 2009

Más visitas institucionales de los conselleiros para felicitarse de lo que ya está funcionando...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou hoxe na súa visita ao Laboratorio de Consumo de Galicia, na Coruña, que a nosa Comunidade é “pioneira” en materia de avaliación e análise de riscos de productos industriais por ser “a única” autonomía do Estado que conta cun centro acreditado que ademais de analizar os potenciais perigos dos artigos enviados por particulares ou procedentes das reclamacións efectuadas, investiga as mostras que lle envía a Inspección de consumo, para avaliar se os produtos cumpren os requisitos esenciais de seguridade.

O Estatuto Galego do Consumidor, a Constitución española e a lexislación europea establecen que un dos dereitos básicos dos consumidores é a protección da propia saúde e seguridade, de xeito que na observancia desta normativa téñense creado “redes de alerta” que funcionan como mecanismos de coordinación entre as diferentes autoridades para o control do mercado, que utilizando as novas tecnoloxías intercambian e comparten información relevante sobre produtos non alimenticios que entrañan un risco para os consumidores. De feito, actualmente coexisten unha rede de ámbito europeo (RAPEX) e outra de ámbito nacional (SIRI) perfectamente coordinadas mediante os correspondentes órganos de control.

Esta mesma lexislación obriga aos productores e distribuidores a colocar no mercado productos seguros, e reserva a función de vixiar a aplicación desta normativa ás autoridades, de xeito que en Galicia é a Inspección de consumo a encargada de comprobar os niveis de seguridade dos artigos que saen ao mercado. Por ese motivo, nesta Comunidade Autónoma fanse campañas programadas nas que se toman mostras de diferentes produtos que despois son analizadas no Laboratorio de Consumo de Galicia (LCG) para testar os niveis de seguridade dos mesmos.

Segundo o conselleiro de Economía e Industria, no proceso de control da seguridade dos artigos a venta “cómpre destacar o papel protagonista que está a desenvolver a Comunidade galega, por ser a que máis recursos e esforzos dedica ás labores de investigación en materia de seguridade dos produtos non alimenticios, co obxectivo de minimizar tódolos riscos que poidan correr os usuarios”.

Guerra, acompañado na súa visita pola directora xeral de Comercio, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta, Diego Calvo, salientou hoxe que Galicia é a autonomía que máis produtos notificou a rede de alerta no presente exercicio, 112 dos 610 incluídos na lista, que supón o 18,36% dos artigos que se expoñen na rede de alerta nacional. De feito, os produtos notificados nos últimos seis meses suman un total de 83, unha cantidade que xa ten superado aos 80 detectados ao longo de 2008.

Actualmente o Laboratorio de Consumo de Galicia analiza e controla os produtos industriais, agrupados nas seguintes liñas de actuación: lixivias e artigos de limpeza, electrónicos, fibras e téxtiles, material de aparatos eléctricos e pequeno electrodoméstico, xoguetes e material escolar e artigos de puericultura.

Os productos inseguros detectados en maior número son os relacionados coa vestimenta dos adultos que supoñen o 28,6% do total; despois os xoguetes co 24,1%; seguidos dos acendedores que suman o 11,6% debido a posta en vigor dunha nova normativa que prohibe os chisqueiros de fantasía, á vez que obriga a incorporar nestes aparellos mecanismos de seguridade para impedir que sexan acesos por nenos.

As irritacións cutáneas é o principal risco que se ten detectado neste laboratorio, xa que o 33% dos productos notificados podían producir este tipo de lesións; seguido do choque eléctrico, co 13,4%; as queimaduras co 10,7%; e o perigo de asfixia, co 8,9%.

Ademais, o titular do departamento de Economía e Industria da Xunta sinalou que o actual proceso de globalización ten contribuído ao desenvolvemento de circuítos comerciais complexos, nos que os produtos frecuentemente fan un percorrido de moitos quilómetros antes de chegar aos puntos de venta, de xeito que os poderes públicos teñen que establecer mecanismos de control eficientes como o descrito con anterioridade.

En definitiva, o traballo realizado polos especialistas do Laboratorio de Consumo de Galicia ten por obxectivo reducir os riscos dos consumidores ao máximo, xa que en ocasións resulta inviable para un potencial comprador diferenciar con exactitude un artigo perigoso do que non o é.

Asemade, o LCG da resposta a consultas nas materias da súa competencia, tanto a outros departamentos do IGC como a particulares, empresas ou outras administracións, e participa tamén nas tarefas de formación e divulgación en materia de consumo promovidas polo IGC.