27 agosto 2009

El Bloque y la ayuda a los parados sin "paro"

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, reitera a posición manifestada esta semana semana na Deputación Permanente do Congreso sobre o decreto que regula o programa de protección a desempregados sen prestación, a axuda de 420 euros.

O nacionalista apoiou co seu voto a petición de comparecencia do ministro que se produciu hoxe por considerala “moi xustificada ante a polémica e a confusión xerada pola posta en marcha deste programa”. Neste sentido, Jorquera atribuíu esta confusión “non só a un défice de información, tal e como dixo o Ministro de Fomento, Xosé Blanco, senón que ten a ver cun xeito de facer política que obedece á precipitación, á improvisación e ao efectismo”.

Para o portavoz nacionalista, estas axudas “son insuficientes e inxustas por quedar acotadas ás persoas que deixaron de cobrar en agosto” e cualificou de “ridículas e mesmo ofensivas” algunhas das explicacións dadas polo director xeral do INEM, para xustificar esta limitación e nas que afirmaba que os parados sen prestación desde antes de agosto deste ano “tiveran máis tempo para atopar emprego”.

Tal e como indicou Jorquera, o BNG vai aproveitar o trámite parlamentar para traballar e conseguir que “se modifique este decreto e se amplíen as prestacións” xa que, tal e como lembrou, “hai moitas familias que viven un auténtico drama”.