24 agosto 2009

Continúan las residencias de Tiempo Libre de la Xunta en este mes de septiembre

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-As residencias de tempo libre da Xunta continúan nos próximos meses a ofertar actividades de carácter social e cultural. Así, máis de 1.200 galegos e galegas participarán entre setembro e decembro das diferentes iniciativas que oferta a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Familia e Benestar.

A Xunta dispón de dúas residencias de tempo libre, en Panxón e O Carballiño. Os dous centros están destinados ao ocio e o lecer das familias, xa que o obxectivo desta acción é favorecer a comunicación e participación persoal e socio familiar, cumprindo desta maneira unha importante función social.

Neste senso, a Xunta oferta no centro de O Carballiño un programa de turismo social, na modalidade de termalismo, do 12 de setembro ao 1 de novembro en 4 quendas de 11 días e unha participación de 120 persoas por cada unha. En xuño xa se levou acabo esta iniciativa e obtivo un gran éxito.

No mes de novembro, terán lugar dous programas adicados a emigrantes. Son quendas de 14 días nos que se reciben a dous grupos de 140 participantes cada un. Na primeira tanda chegarán persoas procedentes de Venezuela, Brasil, Arxentina, Cuba e Uruguai, que teñen a oportunidade de volver a súa terra despois de moitos anos. Na segunda quenda haberá emigrantes de distintos lugares do país e de Europa.

A iniciativa ‘xuntos por Nadal’ desenvolverase en decembro. Un grupo de 150 maiores, de distintos sitios de Galicia, terán a oportunidade de pasar xuntos estas festas e de tomar parte das actividades que se organizan no centro de O Carballiño.

Nesta residencia, ademais, está pendente a ocupación da quenda do 1 ao 11 de setembro, na que se prevé que acudirán 155 persoas máis.

Unha das actividades que se levan a cabo neste centro de tempo libre é o coñecemento do entorno. Todos os residentes gozan dunha excursión pola vila ourensá e ao mesmo tempo reciben explicacións sobre gastronomía, cultura e ocio, así como información turística dos lugares máis representativos de Galicia para que neste tempo poidan coñecer o máis posible da comunidade autónoma. Cada quenda remata, ademais, cunha queimada e un baile de despedida.

Pola súa banda, no centro de Panxón a Xunta oferta actividades similares ás de O Carballiño. Neste caso, a iniciativa rematará en setembro. Aínda está pendente a ocupación definitiva das prazas, pero estímase que será aproximadamente de 170 persoas.

Para as persoas adultas está previsto a actuación dun grupo de baile e danza galega nunha das xornadas da quenda. Para os nenos menores de 14 anos hai servizo de animación infantil en horario de tarde e a noitiña.

Nos dous centros, as baixas en calquera das adxudicacións iniciais son cubertas coas peticións en lista de espera.